As ameazas da Sociedade Dixital

As ameazas da Sociedade Dixital
Por si non eran suficientes as mentiras no espazo dixital para moldear a opinión pública, os ciberataques en busca de información persoal, extorsión, roubo de cartos e terrorismo, unha internet profunda onde o delito campa as súas anchas, drones e robots controlados por intelixencia artificial que poden matar, un mal uso das redes sociais invasoras de espazos de intimidade e construtoras de opinión, chega agora un RD 14/2019 de medidas urxentes que permitirá pechar espazos dixitais sen permiso xudicial entre outras "lindezas". Isto último, cando menos, introduce un debate sobre onde están os límites da intervención nos dereitos das persoas en base a uns criterios que corren o perigo de ser subxectivos e manipulables.

Non era intencionado presentar o mundo actual dun xeito tan apocalíptico; as diferentes etapas polas que foi pasando a humanidade tiveron perigos cada vez máis ameazantes segundo se foi avanzando en descubrimentos, pensemos na bomba atómica por exemplo. Do que se trata é de identificar ameazas e poñerlles remedio, ser conscientes delas e tanto individual como colectiva e institucionalmente sacar partido dos grandísimos beneficios que nos trae a cuarta revolución industrial poñendo coto aos seus excesos.

Calcúlase que un 80% da poboación entre 16 e 74 anos utiliza internet en Galicia e polo tanto pode ser vítima da desinformación, ou sexa algo máis de 2 millóns de galegas e galegos. As consecuencias son a perda de credibilidade dos medios de comunicación tradicionais, a diminución da confianza nas institucións públicas, a deslexitimación da soberanía da cidadanía e a polarización social. A metodoloxía dunha campaña de desinformación empeza cunha análise e detección de vulnerabilidades sociais e políticas dun país para a continuación crear unhas narrativas eficaces e transmedia. Posteriormente créase unha rede de medios propios, pagados e gañados para a continuación deseñar unhas canles de distribución automatizados.

Para defendérmonos debemos analizar a fonte das novas consumidas, temos que dubidar dos pantallazos recibidos por redes sociais, comprobar quen compartiu a nova e en que contexto, ter coidado coas falsas contas “humanas”, obter fontes de información alternativas ás que nos ofrecen os algoritmos, ler a letra pequena das novas, fuxir de contidos patrocinados, desconfiar de “estrelas invitadas”, ter un pensamento crítico e a cabeza fría e por último non formar parte dun elo dunha campaña de desinformación,

Os ciberataques presentan unha enorme ameaza tanto a nivel individual como institucional, chegando incluso a supoñer un tremendo perigo para a seguridade global ameazada polo ciberterrorismo. As administracións e todas e todos nos, temos que tomarnos moi en serio este problema, necesitándose cada vez máis profesionais preparados para afrontalo. Este sería o primeiro punto: concienciación. É preciso ademais adoptar prácticas básicas como non abrir ligazóns nin descargar adxuntos de correos sospeitosos, utilizar software de seguridade, limitar a exposición a riscos tendo instaladas unicamente as aplicacións estritamente necesarias, cifrar a información sensible, usar contrasinais axeitadas adoptando así mesmo a dobre autenticación, borrar con seguridade a información xa non necesaria, realizar copias de seguridade periódicas para protexerse do ramsonware (secuestro de datos e extorsión), perda de datos, avarías do hardware, borrados involuntarios, etc. Por último manter actualizadas as aplicacións e o sistema operativo e revisar regularmente a configuración de seguridade e os permisos outorgados.

A internet profunda habita por debaixo da coñecida e cando é mal utilizada supón un lugar de acubillo de todo tipo de actuacións ilegais e mesmo terroristas e criminais, que nesa localización séntense máis seguros e máis lonxe de control.

As redes sociais supoñen un risco no seu elo máis feble que é o factor humano pola súa escasa concienciación e o seu exceso de confianza á hora de empregalas.

A seguinte ameaza parece sacada dunha película de ciencia-ficción onde robots, computadoras, androides, drones e todo tipo de dispositivos rebélanse contra o ser humano. Porén, a intelixencia artificial está hoxe en día moi lonxe de selo realmente, non pasando de ser unha simulación programada por persoas. Aínda así, hai perigo real de que trebellos controlados por algoritmos programados segundo as pautas actuais da IA tomen "decisións" que supoñan ataques a seres humanos. Polo de agora os drones que atacan terroristas son tripulados por persoas. Polo de agora? Solo a terroristas?

Rematamos cun ataque sen precedentes aos nosos dereitos fundamentais. Como pode un goberno limitar de tal xeito a liberdade de expresión! Como pode chegar a aprobar un Real Decreto como o 14/2019 de medidas urxentes que permitirá pechar espazos dixitais sen permiso xudicial, deixar sen cobertura os nosos móbiles en concentracións tales como manifestacións porque alguén se lle ocorre pensar que aquilo vai contra os seus intereses partidarios! Coa escusa de que os nacionalistas cataláns son tan malos que se lles ocorre crear identidades dixitais, pois prohibamos tarxetas identificativas autonómicas, ou sexa nin falar de sistemas dixitais para servizos sociais e coidado coa nosa tarxeta sanitaria que pode ser altamente sospeitosa xa que leva unhas cores que poden ser identificadas coa identidade galega. Si todo isto o aproba un goberno "supostamente" progresista co apoio e complicidade galapagar, botémonos a tremer dun goberno do PP apoiado no trifachito.

Prométovos que pensaba escribir un artigo en positivo pero a medida que pola cabeza ían desfilando todos estes asuntos tal e como faría a mesmísima santa compaña, a vista nubróuseme e rematei describindo a apocalipse. Síntoo ben!