Arrimar o ombro

A crise non dá tregua. A troika tampouco. Rajoy, escenifica cada día a súa incapacidade. Feijoó, como sempre, emprégase a fondo na propaganda. A realidade é demasiado dura para asumila. Mentres o pobo sufre. Sufre a suba da luz, da auga, da electricidade.... Sufre o paro. Sufre as baixadas de salarios. Sufre un novo imposto á enfermidade en forma de contrarreforma sanitaria. Mais din que non é suficiente. Hai que pisar o acelerador das reformas! É dicir, máis recortes de dereitos, máis privatizacións do ensino e a sanidade, máis impostos regresivos. En conclusión, máis da mesmas receitas fracasadas e inxustas.
Apelan a necesidade de arrimar o ombro. Mais este esforzo non se lle pide a todo o mundo por igual. Os que levan anos sen contribuír, evadindo impostos, -delinquindo!- son premiados cunha amnistía fiscal. A fraude fiscal, non se persegue no Reino de España, prémiase. Os gobernos europeos, seguen tolerando os paraísos fiscais. As grandes fortunas, aplicáselles unha fiscalidade que provoca que case non paguen impostos. Ate os “heroes” de “la roja”, toléraselles tributar as súas austeras primas de 300.000 euros en Polonia por seren máis ventaxoso para eles. Paradoxos do patriotismo español.
Mais acollámonos á apelación de Rajoy. Reclamemos que arrimen o ombro. Que arrimen o ombro as grandes fortunas que levan décadas pagando menos impostos que os traballadores e traballadoras. Que arrime o ombro a Igrexa Católica, que mantén un trato de privilexio e uns acordos co estado español que deben ser urxentemente revisados. Que arrime o ombro o exército, reduzamos o gasto militar drasticamente. Isto si que sería útil e xusto á hora de pedir un esforzo para enfrontar á crise.
A situación non pode cambiar se as receitas que se aplican son máis do mesmo. Catro anos de crise e de máis neoliberalismo só teñen provocado un empeoramento da crise e o deterioro das condicións de vida de milleiros de persoas. Compre mudar o rumbo para evitar un naufraxio titánico.