Arriba o Boi!
Conta a tradición que aló polo 1.317 en Allariz un cabaleiro chamado Xan de Arzúa decidiu levar un boi bravo diante da procesión do Corpus para espantar aos xudeus e deste xeito impedir que boicotearan o desfile relixioso cristián.
Así mesmo Xan de Arzúa deixou parte do seu patrimonio para que cada ano os veciños e veciñas seguiran correndo o boi polas rúas de Allariz.
O outro día Lois Diéguez dicía que o símbolo é bandeira de diferenciación e pode abrir conciencias e traer o contraste borrado nesta etapa, e citaba a Oliver Puig "-O símbolo é paradigma do ser e posibilita en certo modo que as cousas sexan". Pois ben en Allariz a recuperación da festa bo Boi que a Agrupación Cultural Arnoia propiciou nos anos oitenta, rescatando unha tradición viva na memoria popular e que dende finais do 50 deixara de celebrarse, permitiu que o boi como símbolo volvera a Allariz.
E o boi simboliza moito do espírito de Allariz, ese espírito que entrou tamén no Concello cambiando nestes anos a decadencia e abandono en transformación positiva, en autoestima, en posta en valor dos nosos recursos materiais e inmateriais.
O boi representa o espírito de Allariz na participación popular para organizar a festa, cunha implicación extraordinaria de todos e todas como tarefa colectiva da que somos protagonistas. Representa a posta en valor do noso pasado, dicía Marcial Suárez que en Allariz todo ven da Idade Media, o boi é parte da nosa identidade, da presenza xudea, do tratado de avinza asinado entre xudeus e cristiáns.
A procesión do Xan de Arzúa coa presenza dos gremios de zapateiros, curtidores, xastres, ferreiros, panadeiros, toneleiros, labregos... as danzas gremiais e a teatralización festiva con todo o casco histórico engalanado, realza e valora o noso pasado medieval.
O boi é tamén identidade e cohesión social, nenos, nenas, mozos e vellos desfrutan e participan da festa. A cea multitudinaria no Campo da Barreira con mais de 2.500 persoas o xoves pola noite intercambiando doces, licores e viandas nun ambiente de confraternidade e goce colectivo é un bo indicador deste espírito.
O boi é a festa que fai a propia xente nun ambiente de rúa coa animación dos gaiteiros, das treboadas de bombos portugueses ou do baixo Miño, das charangas vascas e galegas. A festa que os nenos e nenas viven con especial emoción reproducindo os xestos e comportamentos que ven nos maiores.
O boi é tamén a emoción do animal que representa a forza como dicía Manuel María "en ti saúdo e recoñezo, pesado boi solemne, a forza do universo, as sacras fontes puras das enerxías aurorais..." As estreitas rúas de Allariz vibran co paso do boi, os homes do sedeño e a multitude que enche o pobo estes días de festa e ledicia. Oxalá que o boi de Allariz puidera escorrentar aos xudeus do século XXI que están a atacar as conquistas e os dereitos que a Galiza lle corresponden.