Arrancou a campaña electoral
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/18/20220718124002044979.jpg)
O mes pasado, tal día coma hoxe, publiquei neste xornal uns pensamentos, ou mellor, unhas preocupacións sobre as eleccións que Pachi López e Mariano Rajoy viñan de convocar na nosa terra. Non é cousa de se gabar de dotes proféticas por ter atinado, punto por punto, sobre todo aquilo que eu temía que acontecese, pois a calquera observador atento ao devir deste país suscitaría pensamentos semellantes. Xa aceptou o BNG debates separados, o mesmo que fixera o sempre acomodaticio PSOE; xa liscaron do BNG máis concelleiros que espreitaban o momento oportuno de facer máis dano (ata cando agardan os que aínda fican dentro? ata coñecer o ditame das urnas e facer a súa propia composición de lugar?), e xa temos listas encabezadas por candidatos cuneros, aínda que sexa -ás fontes me remito- para que os seus pais os poidan votar. Prognosticaba eu tamén, hai un mes, que, pasase o que pasase, Feijóo estaba a asegurar o seu choio en Madrid. Visto o lema de campaña, aumento o convencemento. Non me refiro ao de “Galicia por riba de todo”, plaxio directo do inicio do himno alemán (Deutschland über alles), senón ao de “Galicia Primeiro. Feijóo 2012”, ao que só lle falta o remate: “Madrid a continuación. Feijóo 2013”. Como diría Valle Inclán, este país non ten remedio.
,En moitas ocasións penso na vella Galeusca de 1923, asinada por Risco e, dez anos máis tarde, ratificada por Castelao baixo a árbore de Gernika; penso nos sucesivos pactos do exilio e tamén no afastamento público do Lehendakari Aguirre e do honorable Tarradellas, por non considerar a Galicia digna de figurar en plano de igualdade con Euskadi ou Catalunya; mesmo penso na GalEusCa que nos levou da man á Unión Europea e remato sentindo unha enorme envexa e admiración por esas outras dúas nacións que, xunto coa nosa, aínda forman parte do estado español, mais que, no tocante á autoconciencia diferencial e ás ansias de liberdade e de soberanía están a anos luz de nosoutros. Era fermoso escoitar o nome de Galicia, sempre a carón dos outros dous, en boca dos seus representantes no parlamento do estado. Hoxe xa non se escoita. A verba Galicia só resoa no hemiciclo madrileño nos escasos minutos dos que dispón o BNG. Non llelo recrimino aos irmán vascos nin cataláns, porque só hai razóns para axudar aos pobos que se axudan a si mesmos e non aos que, enquisa tras enquisa e votación tras votación, lles estamos a dicir que non temos ren a ver con eles, xa que Galicia é España e a moita honra, e que, se nos apuran, nos sentimos tan galegos como españois. Respondeu así o 65,2 % dos galegos na aínda quente enquisa do CIS. Vascos e cataláns xogan nunha liga moi diferente.
Desde sempre sentín algo especial polo País Vasco e supoño que ese algo terá a ver co feito de que meus pais me fixeron na banda esquerda do Nerbioi. Nalgunha ocasión teño empregado a moi coñecida frase de que os de Bilbo nacemos onde queremos e que eu decidín facelo no Porto do Son, aínda que a realidade foi que miña nai, vendo que aquilo ía arriba, quixo vir parir na súa terra. Sexa como for, cando de cativo había que ser dalgún equipo de fútbol, eu era do Celta e do Athletic Club de Bilbao e hoxe leo con respectuosa envexa os resultados que a enquisa apunta para os partidos nacionalistas vascos e o estrepitoso baixón que lles adxudica aos do bloque españoleiro, que pretendeu afogar as súas ansias de liberdade. E vexo a Felipe González, traidor ao marxismo e á esencia de Pablo Iglesias, proclamar e asegurar en mitin, en nome de el saberá quen (terá un poder oculto sobre os espadóns de cando o da OTAN?), que ningún territorio se separará de España. Canto mellor estaba caladiño e retirado nas súas espléndidas mansións, previa renuncia socialista de algunha das súas substanciosas pensións. Éche boa verdade que os centralistas xacobinos do PSOE, en ocasións, fan honor ao nome, La Montagne, co que eran coñecidos durante a Convención Nacional francesa (1792-1794), denominación recuperada precisamente polos socialdemócratas en 1848 e que ben podían manter os do PSOE, xa que, cando toca falar de liberdades dos pobos para decidir o seu futuro, se tiran ao monte.
Que dicir das vindeiras eleccións cataláns? O meu máximo respecto para ese pobo que, cunha manifestación, vén de poñer a cacarexar tódolos galiñeiros madrileños e mesmo de remexer as saias da Conferencia Episcopal, deses graves individuos de ensaiada voz meliflua que nada teñen que dicir diante da dor, da fame e da miseria que as nefastas políticas neoliberais do PP de Rajoy está a provocar nun país que se gababa de ser a cuarta potencia europea; pero que ditan criterios de moral universal, atacando a desafección ao estado español. Non debe de ser tan universal ese criterio moral, cando houbo que sometelo a votación e, menos aínda, cando catro dos membros, curiosamente cataláns, votaron en contra. Segue a ter validez a frase de Valle Inclán.
Non sabemos que sucederá en Cataluña nin se algún día, sen dúbida distante, decidirán e conseguirán se facer un estado libre, independente ou calquera outra fórmula que eles decidan. E outra volta miro para a miña terra e sinto envexa, porque eu, visto o que me rodea, endexamais terei a oportunidade de me manifestar sobre esta casta de opcións e posibilidades.
Por non caer no pesimismo en datas electorais, remato este artigo falando de mitins, do que antes eran mitins, pois agora son actos aos que van os convencidos, sen necesidade de chegar ao que onte fixo o PP en Pontevedra: carrexar en autobuses miles de persoas e reservar o dereito de admisión, previa invitación, á praza de touros. Antes había que convencer ao público. Nos tempos da República, no Porto do Son, un orador non daba feito a facer cousas: “Alí faremos un estaleiro”, “alí faremos un muelle”, etc. Rematou coas gargalladas que provocou un mariñeiro, berrando con voz afeita a loitar contra o vento: “Non lle fagades caso que todo fai co dedo”.
Tras Montelouro, alá por Lira, falaba o mesmo día Castelao, na zona alta, para os labregos e un contrincante de dereitas, uns din que de Muros, outros que se era Gil Casares, o logo deputado da CEDA, abaixo, para os mariñeiros. Prometeulles este melloras portuarias e a construción dun espigón para protexer as lanchas. Castelao levaba unha gran espiga, daquelas que Cruz Gallástegui conseguía na misión biolóxica de Pontevedra, e prometeu que así serían os froitos dos labregos, se o votaban. Rematados os actos, xa na taberna, preguntaron uns aos outros de que trataran os respectivos mitins. Dixo un: “A nós faláronnos das espighas”. Retrucou outro: “Pois a nós do espighón”.