Ara en Catalunya. Cando en Galiza?

Ara en Catalunya. Cando en Galiza?

Hai apenas un mes que apareceu nos quiosques de Catalunya o xornal Ara. Xusto agora, right now, ara. É mellor comezar canto antes para alcanzar o futuro. Detrás están 9.000 subscritores e cuase 40.000 adherentes nas redes sociais. Expresa o desexo dunha parte relevante da sociedade catalá de pensar o mundo desde a propia nación, sen límites. A imprensa chovinista española cualifica o produto de "independentista": non o fai con afán denotativo, senón pexorativo, como se a independencia fose un delito e a súa prosecución puidese levar aparellada a resposta militar por parte daquel do que te queres independizar (home, ben pensado, a Constitución española prevé ese escenario!). Independentista ou non, Ara é un xornal claramente nacionalista, no sentido exacto da palabra, o que remite para un movemento social que, desde a autoorganización, procura emancipar aquilo que aínda non está emancipado, aquilo -a nación- que aínda ten que pedir permiso para existir, no seu propio territorio.

UN PROCESO DE ACUMULACIÓN E AGARDA

Estes días pasei unhas pequenas feiras en Barcelona e frecuentei a versión impresa do Ara. Pareceume un produto moi ben acabado, o que é verdadeiramente notábel tendo en conta que aínda non cumpriu o primeiro mes de vida e que o que adoita pasar é que os naipelos xornalísticos soen seren máis ben torpes, movéndose ás atoutiñas, como se aínda non soubesen de que van realmente. Non me pareceu así co Ara. Semella o resultado dun longo proceso de maduración na sociedade catalá. Un proceso de acumulación e agarda. Está claro que 9.000 suscritores non xorden por xeración espontánea. Se están aí é porque hai un movemento social de fondo. Un movemento que quer expresar exactamente que Ara, Agora, é o Momento. Tal vez por iso Artur Mas alcuñou, no discurso de investidura, a expresión Transición Nacional: agora é o momento de premer o acelerador cara á outra fase, cara á superación das rixideces antidemocráticas do marco político español. Xa veremos, pero esa é outra historia, se ese movemento ten suficiente pobo detrás para que a Transición Nacional non finde por xerar un novo desencanto en Catalunya. Ese é o desafío de Mas. O seu pacto implícito co PSC -reminiscencia da alianza histórica PNV-PSOE- non agoira excesiva ousadía -máis unha vez, afástase a vía da maioría absoluta nacionalista que se podería ensaiar con ERC-, pero non adiantemos acontecimentos e permanezamos alerta.

QUIOSQUES GALEGOS, MONOPOLIO DA IMPRENSA ESPAÑOLA OU EN ESPAÑOL

Ara en Catalunya. Cando en Galiza? Grande pergunta. Estou persuadido de que solventar con suceso esta cuestión é chave para o futuro do movemento nacionalista galego. Estamos pois ante un asunto fulcral. Após a desaparición de A Nosa Terra -e vou facer aquí deliberada abstracción da evolución dese semanario na súa fase terminal-, os quiosques galegos son un monopolio da imprensa española ou en español. Non hai ningún órgao impreso que asuma na súa liña editorial o ideario dun movemento social moi relevante que ten unha potente representación institucional no plano político e que no sindical ten producido a segunda central da nación. Se dispomos de organizacións con capacidade para organizar a miles de compatriotas tanto no campo político como no sindical, se como nacionalismo somos quen de condicionarmos as tácticas e mesmo as estratexias do españolismo, como non temos sido capaces de dotármonos de órgaos para exercermos a nosa liberdade de expresión?

Aquí quero situar a cuestión, nese último punto precisamente: sen órgaos propios non é posíbel exercer a liberdade de expresión. En mans de órgaos alleos nen hai liberdade nen hai expresión. Só aparecen débiles ecos, muitas veces transfigurados, opacados, cando non abertamente censurados. O individuo pode ter liberdade de expresión. Os movementos sociais non a teñen se non a exercen de maneira colectiva, através de órgaos que nas nosas sociedades inevitabelmente teñen que incorporar a forma de organizacións cada día máis complexas, tecnificadas e sofisticadas.

ÓRGAOS SOCIAIS, NON PARTIDARIOS

É obvio que aquí non falo de órgaos partidarios, senón de órgaos sociais. Ara non é unha estensión dos aparatos partidarios do nacionalismo catalán. É moito máis do que iso. É a expresión da existencia dun movemento social que, ao selo, ten autoconciencia. Sabe que existe e, utilizando a terminoloxía kantiana, quere existir para si. Está farto de existir para unha España que nega as nacións e coa que, á experiencia nos remitimos, non hai nada que facer. (Aquí permitídeme que faga unha digresión: no discurso de investidura, Mas veu dicir algo polo estilo, cómpre abrir unha Transición Nacional porque a España das Autonomías non dá máis de si, etc, unha liña discursiva ben interesante, pero que casa logo mal coa entente que logo selaría co PSC).

Non se trata, pois, de ir a unha imprensa de partido. Trátase de que a mesma sociedade galega que defende a lingua ou os servizos públicos na rúa, a mesma sociedade galega que adheriu a folga xeral en maior proporción que no Estado español, dispoña de medios de comunicación en que se poda sentir recoñecida. Medios propios no sentido estrito do termo.

A responsabilidade do nacionalismo en todo caso é a de impulsar o nacimento deses medios propios porque, non nos enganemos, o espontaneísmo social é só unha frase feita. O nacionalismo ten a obriga e a necesidade de armarse neste terreno porque do contrario a súa capacidade de incidencia social no futuro (atentos ao monopolio mediático da dereita española modelo Berlusconi que pode advir após as próximas eleccións xerais) ficará moi minguada.

É obvio que a política galega de hoxe -e cando falo de política galega falo tamén de vida social en xeral- non sería a mesma se aquí houbese algo semellante ao Ara (e claro que me conformo con comezar cun semanario en papel dotado dunha potente versión dixital diaria).

Non estou descubrindo ningún Mediterráneo. Seino. Sei tamén que Galiza e Catalunya son países moi distintos e que os blocos sociais que aquí e alá se identifican co proxecto nacionalista non son en absoluto intercambiábeis. Pero faríamos ben en facérmonos un chisco máis conscientes de que este é un asunto vital para o movemento nacional galego en particular e para moi relevantes sectores da sociedade galega en xeral. É un asunto que nos interpela a todas e a todos aqueles que estamos por unha Galiza máis dona de si e radicalmente democrática.

Poñámonos mans á obra. Non é cousa de deixalo para mañá. Botemos man da imaxinación e do compromiso e tamén, por que non, do voluntarismo. O momento é xa. É agora. Ara.