Aproveitemos os días que restan até o 25 para politizar

Aproveitemos os días que restan até o 25 para politizar

Hai compañeiros e compañeiras que consideran a campaña anual do Día da Patria Galega como unha campaña menor, non porque a data non o mereza senón porque creen que toda a xente vai a Compostela sen ter que lembrarllo e por tanto non é necesario facer a campaña; non a consideran tan importante como a campaña dunhas eleccións autonómicas e non digamos que a das eleccións municipais; pensan que se trata dunha campaña secundaria do nivel do primeiro de maio, é decir, unha campaña para os do sindicato que para iso están ou no mellor dos casos unha campaña que debe facer a mocidade, pois para iso se lles montou o Festigal.

Que haxa militantes que teñen esa idea non significa que non sexan bos nacionalistas nin que non estean comprometidos e comprometidas co país; sei que estarán coma sempre o vindeiro domingo na Alameda, e percorrerán as rúas de Compostela, ao mellor algúns non chegan á Quintana pero de seguro estarán á tarde na Carballeira. Levan anos asistindo e contan batalliñas sobre como eran antes os 25 de xullo, semellando as veces aqueles avós que contaban as historias da mili.

Estes patriotas na miña opinión teñen un problema, é o da pouca memoria ao non lembrar que para que eles asistiran á súa primeira manifestación do 25 de xullo houbo quen os convenceu un día da importancia da data.

Esqueceron que o Día da Patria Galega non pode ser unha data ritual, pois hoxe Galiza segue a ser unha nación negada e precisamos gañar minuto a minuto, día a día, mes a mes, 25 de xullo a 25 de xullo o noso dereito a existir.

Convertir a manifestación do Dia da Patria Galega nun desfile ritual é o anticipo da súa desnaturalización, e si hoxe o españolismo, sexa político ou sindical, non é quen de celebrar a patria galega é porque saben que é unha data de reivindicación duns dereitos que nos son negados, unha negación de dereitos da que eles son parte activa.

A celebración de actos previos ao 25 de xullo en todo o país xa sexan charlas, mitins, convivios ou festas; colar os cartazes en lugares visíbeis, repartir o folleto, divulgar entre a mocidade e entre os non tan mozos a programación dos Festigal, garantir a presenza necesaria de militantes e colaboradores no servizo de orde, preparar a faixa e os instrumentos musicais cos que a comarca vai participar na manifestación, son traballos imprescindíbeis.

Estes traballos permítennos voltar a contactar con xente que ao longo deste intenso ano estivo connosco en Queremos Galego!, nas manifestacións en defensa dos servizos públicos, nos actos sobre o POL, nas mobilizacións contra a crise, no acto das letras, na solidariedade con Palestina, etc... e moita desa xente non asistiu nunca a un 25 de xullo.

A nós pode parecernos incríbel pero é certo, hai moita xente que non relacionou aínda a súa preocupación ou o seu problema, xa sexa este de índole cultural, laboral ou social, coa necesidade de unir todas as reivindicacións nunha soa, son persoas que participan en loitas parciais pero precisan do noso labor pedagóxico para politizárense, e para decatárense de que só a unidade e a actuación política abren camiño.

Fracasado o seu modelo ao servizo da banca. Fai valer a túa forza!
Agora unha economía ao servizo do pobo, ao servizo de Galiza

O lema do Día da Patria Galega 2010 é todo un perfecto resumo da realidade actual, marcada por unha crise provocada polo modelo económico neoliberal e pola necesidade dunha política alternativa que teña como eixos as clases populares e a soberanía nacional de Galiza; para avanzar nese camiño precisamos a forza do compromiso de todos e todas.

Restan poucos días pero neles temos aínda moito por facer; o noso traballo para encher Compostela de manifestantes terá unha dobre recompensa, a imediata o éxito unha vez máis da manifestación, a duradeira o sumar novas persoas ao proxecto nacionalista.

Sabemos por experiencia que quen asiste por primeira vez ao Día da Patria Galega repite, e se ten ao seu carón un compañeiro ou compañeira que o anime estará connosco na folga xeral de setembro, na loita polo estatuto de nación, nas eleccións municipais, etc... e voltará o 25 de xullo de 2011 a Compostela.