Apaga a tele!


Unha das ferramentas que máis utilizamos na rede son os buscadores, e en concreto, Google, que no no Estado Español ten unha cota de mercado que ronda o 100%. Cunha posición dominante, este buscador coa súa ferramenta Google Trends permite coñecer os intereses e gustos das persoas que utilizan internet a diario, e trazar unha radiografía da sociedade.

O Google Trends dinos por exemplo que no Estado Español o termo máis buscado ao longo de 2015 é “Gran Hermano 16”, seguido de “Eurovisión” e “Supervivientes”. O seguinte termo é “Elecciones” para continuar con “La Voz” (un concurso de cancións) e “París”. O sétimo posto está ocupado por “Charlie Hebdo”, o oitavo polo “Eurobasket”, o nove “Jurasic World” e no décimo lugar temos a “Elecciones Municipales”. É dicir, que nos dez primeiros postos só hai catro referencias que non teñen a ver co entretemento, e só despuntan entre os dez primeiras dúas referencias de carácter político, e neste caso con momentos puntuais das eleccións xerais e municipais.

Pero se botamos unha ollada a Venezuela, sacudida por unha forte crise económica e política, o panorama non é moi diferente. Así por exemplo, o termo máis buscado en 2015 no país caribeño é “Venezuela Productiva Automotriz”, unha industria pública que fabrica coches a prezos asequíbeis; séguelle o termo “Globovisión, unha canle de televisión privada; a continuación “Reinaldo dos Santos”, un auto-denominado profeta que conta cun millón e medio de seguidores en Twitter. As referencias de carácter político atopámolas relegadas ao posto número cinco con “Muerte de Chávez” e sétimo e oitavo, con “Capriles” e “Nicolás Maduro” respectivamente, deixando no medio, no sexto posto, a “Miss Universo 2013”.

Poderíamos facer un repaso polos principais países de occidente, pero o resultado sería máis ou menos o mesmo, chegando á mesma conclusión: a xente, en xeral, utiliza internet para o entretemento. Así por exemplo, se botamos unha ollada ao EGM (Estudo Xeral de Medios) de 2015 feito pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación indícanos que a páxina máis vista de internet no Estado Español é Youtube, seguido moi de lonxe por El País e por Marca, este último, líder en vendas en papel.

Os datos que reflicte o Google Trends demostra que internet non ten vida propia, non é a canle alternativa e liberadora da sociedade que tanto se nos anuncia, senón unha extensión do medio de comunicación de masas que é a televisión, a canle pola que se informa e forma politicamente a maior parte da sociedade. Neste sentido, non é casual o elevado número de programas de carácter político que inundan ultimamente as grellas das principais televisións, e en especial das privadas.

Iso non quere dicir que non haxa xente que utilice internet con fins políticos ou para procurar información alternativa aos medios de comunicacións de masas, pero é unha minoría formada e concienciada politicamente, que ao mesmo tempo crea comunidades virtuais (nas redes sociais, especialmente) entre os seus afíns ideolóxicos, unhas zonas de confort, como as denomina o sociólogo Zygmunt Bauman, “onde o único son que escoitan é o eco da súa voz, onde o único que ven son os reflexos da súa propia cara”. Estas zonas de confort crean unha distorsión da realidade que logo se transforma en frustración cando esta se impón con toda a súa crueldade; neste sentido, sirva como exemplo a vitoria do PP nas pasadas eleccións xerais; na rede era claramente o perdedor, pero a realidade impúxose o 20D ao ser a candidatura máis votada; ou no oposto ideolóxico o caso de Nós Candidatura Galega, que cunha moi boa campaña na rede os réditos electorais foron os que xa coñecemos todas e todos.

Mentres non se rache a dependencia que os individuos temos cos medios de comunicación de masas, auténticas máquinas de manipulación e control social, especialmente os privados, internet será unha ferramenta moi pouco útil para transformar política e socialmente a nosa sociedade. Iso non quere dicir que haxa que descartala como ferramenta útil, que o é para compartir ideas e inspirar cambios sociais e políticos que ineludibelmente terán que chegar, se queremos unha sociedade máis xusta e igualitaria.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.