Ao servizo da Patria e o Povo Galego
Este pasado domingo vimos de celebrar o XVI Congreso da UMG. Nestes dous últimos anos intercongresuais foron moitos os traballos que a nosa militancia tivo que desenvolver. A aposta histórica da Unión da Mocidade Galega por contribuír a expansión do nacionalismo no eido estudantil, faise hoxe mais necesaria que nunca. É moi certo, sen erro a equivocarse, que o pais precisa de mozas e mozos comprometidos coa causa nacional. É así que vimos de actualizar os nosos textos e repensar as formas de axir que nos permitan achegarnos a mocidade estudante e traballadora.
Na xornada congresual, fomos quen de debater a situación actual dos mozos e mozas, e como mozos e mozas que somos, analizar as formas mais acaidas para contribuír a que esta mocidade se autoorganice e partille con nós a loita.
Os múltiples ataques do sistema cara a mocidade galega e a cantidade de trabas que se nos impoñen para estudar e traballar na nosa terra, fai que sexa de urxente necesidade para o pais artellar unha mocidade combativa, participativa e organizada que sexa contestataria dun sistema cada día máis explotador.
A máis de analizar e debater sobre temas organizativos e elixir a nova dirección política, afianzamos o noso compromiso co BNG, a través das súas mocidades (GALIZA NOVA) apostando por un reforzamento desta, comprometéndonos a traballar para ampliar a rede de militantes por todo o noso País. É preciso que o nacionalismo teña unhas mocidades fortes e organizadas, así que, é obxectivo deste XVI Congreso da UMG ampliar Galiza Nova e estendela facendo grupos de traballo en todas as localidades do País.
Mais se cabe, unha das maiores preocupacións das mocidades da UPG é a situación actual do ensino. Vemos neste eido as maiores potencialidades para a liberación nacional. Son os mozos e mozas de hoxe quen mañá contribuirán ao desenvolvemento da nación. É así, que dende a UMG entendemos que se fai urxente a unificación do nacionalismo organizado no ensino. Dado isto, o segundo mandato congresual é traballarmos por conseguir unha unidade estudantil que faga que o nacionalismo recupere o seu espazo histórico entre o estudantado.
Tras os múltiples debates acontecidos no seo do congreso, congreso baixo a palabra de orde ``A mocidade comunista ao servizo da patria e do povo galego´´, saímos coa mais grande das ilusións e con forzas renovadas para continuar traballando pola liberación nacional de Galiza e pola liberación da clase traballadora galega. Dous feitos estes, fulcrais para a nosa organización e sobre os que pivotan toda a nosa actuación política.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.