Antonio Rodríguez Fraiz e a memoria dos vencidos na Terra de Montes

Antonio Rodríguez Fraiz e a memoria dos vencidos na Terra de Montes

Eliseo naceu en Serrapio hai 83 anos… Da Guerra Civil so recorda -pero moi ben- o ruído dos tiros a primeira hora da mañá e que deixaban esquecidos nas cunetas a varios rapaces. Ao rematar os tiros, tamén, como agora, o silencio reinaba en Serrapio”
(“Quen se agocha na empedrada aldea de Serrapio”, Lorena J. Barral, Diario de Pontevedra, 27/5/2012)

Na outra beira do Lérez, na Ponte do Barco, “cuneteados” polos falanxistas ficaron naquel abrente do 13 de agosto de 1936, os canteiros de Figueiroa Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, ambos da CNT. E ficaron tamén por tempo, o medo e o silencio.

A brutal represión que padeceu Terra de Montes tras o golpe militar de 1936, represión que, segundo as nosas pescudas, sumou ata 1953 cando menos 41 mortos e outros 254 veciños e veciñas obxecto de distintas represalias, aos que deberíamos engadir 35 mozos falecidos loitando no Exército da República, levou de seu o escarmento xeral e a reserva a transmitir ás xeracións vindeiras non só o acontecido naqueles días de ferro, mais tamén as lembranzas da farturenta historia dos movementos agrarios e obreiros nesta bisbarra, cuxo devalar foi moi anterior á etapa republicana.

Agás ocasións especiais, nas que a carón da lareira o silencio rachaba só en presenza de familiares ou xente de fiar, o eco daqueles disparos imperou por décadas e moita xente nova a penas albiscou a implicación dos seus achegados nas remotas axitacións sociais e, sobre todo, o arrepiante andazo que carrexou o franquismo: morte, cadea, exilio, fame e miseria, emigración forzada, humillacións, marxinacións, abusos ás mulleres, expulsións dos traballos... foron, daquela, pan de cada día para os vencidos.

O silencio público crebouno, de xeito paradoxal, unha persoa benquerida que, se ben exerceu cargos na Igrexa dos vencedores (foi Consiliario de Acción Católica durante a contenda), mudou logo radicalmente de visión: referímonos ao sacerdote Antonio Rodríguez Fraiz (1912, Tomonde/Cerdedo-1995, Pontevedra), cuxo centenario nacemento conmemoraremos en novembro deste ano. Logo de coñecer a dor da humanidade vencida nas súas primeiras parroquias (Moaña, en plena guerra; Lucí/Teo e Cervás/Ferrol, despois), o que anos andados será Cronista da Terra de Montes e cofundador do Museo do Pobo Galego publicará mediada a década dos 70, cando Franco aínda vivía e ninguén fixera tal, unhas rexas entradas na “Gran Enciclopedia Gallega” nas que dará conta do vello agrarismo na Terra de Montes mediante as semblanzas dalgunhas das súas figuras máis destacadas (os forcareicenses Alfredo Iglesias ou os irmáns Dionisio e Narciso Quintillán), engadindo asemade algunha información das represalias franquistas e mesmo de certos vitimarios, caso do garda civil Desiderio Carbajo. Logo, nos seus últimos libros[1] Fraiz se referirá sen limitacións ao propio Iglesias, a Antón Alonso Ríos (o Sinhor Afranio), ou ao derradeiro alcalde de Cerdedo na República, Luciano García Ventín, cultivado e habelencioso ebanista natural da Feira de Fondós, de quen conta que “sofreu moitas persecucións e aldraxes”. Da parroquia natal de Tomonde, relatou Fraiz as penalidades do mestre José Carballo Quintillán, do “buxa” e curmán seu José Rodríguez Quintillán“…e case todos os demais homes maltratados fisicamente polos falanxistas arroupados polos Gardas Civís, destacándose pola barbarie, sadismo e criminosidade o garda civil Desiderio do Cuartel de Forcarei, facendo decote redadas de homes para torturalos no cuartel da devandita vila e logo remésalos (sic) encadeados ao Lazareto de San Simón…”.

,Pero houbo quen, no eido privado, precedeu a Fraiz na tarefa de preservar e transmitir a memoria magoada mediante a escrita. Non repetirei eiquí o dito por outros respecto de Martín Ferreiro Álvarez[2]; engadirei, porén, que Martín era fillo de Antonio Ferreiro, reputado canteiro natural de Os Castros e autor dos cruceiros de Acibeiro, Cerdedo e Quireza, entre moitos outros. Radicado na Coruña onde exerceu como mestre de obras do Concello, tras o control da cidade polos militares Martín foi acusado de pasarlle dinamita (á que tiña acceso polo seu cargo) aos defensores da República. Daquela, non tivo outra que liscar ao domicilio dunha irmá no Outeiro (Quireza), a moi pouca distancia da taberna-tenda que utilizaron de “cheka” os falanxistas daquela contorna. Alí, entre agosto e outubro de 1936, riscou en galego e a xeito de romance picaresco, lembranzas, hábitos do lugar e abusos dos facciosos, que mesmo tentaron enganar a un dos seus fillos para saber do tobo onde se atopaba:

“…O meu pequeno mostrando dous duros/Para ti si nos dices donde está.

Meter a un rapaz neses apuros/Para facerlle ao seu pay
(sic) delatar…”

Tamén e dende o corredor da súa casa de acollida, foi testemuña das correrías nocturnas dos fascistas por aqueles rueiros, así como das inxustas multas que o falanxista Bao e os seus secuaces impuñan á veciñanza en proveito propio: “Lévanlle os mozos, á morrer é matar/ós homes xa feitos é das sociedás. En montes, currunchos, tense que agachar/sin (sic) que eso os libre das multas votadas; ¡Telas que pagar!”

De Martín Ferreiro, que fuxiu a Portugal aos poucos axudado polo seu irmán Antonio e por outro familiar[3], cumprirá falar máis noutra ocasión.

Na posguerra, un canteiro de Figueiroa foi quen de escribir as súas vivencias como soldado da República, lembranzas intercaladas con algún dato respecto das infames represalias que se estaban a producir nas terras de Cerdedo: eis as Memorias de Rogelio Arca Rivas, ben coñecido nestas terras por ser fillo dun dos sacrificados na Ponte do Barco. Estas Memorias pasaron discretamente por mans acolledoras durante anos, contribuíndo a sustentar a memoria colectiva conservada ata hoxe por algunhas capas populares. Ao cabo, aínda debemos referirnos ao veciño de Santa Baia de Castro, Manuel Monteagudo Ruzo, autor de manuscritos nos que se relatan os atropelos alí cometidos; devecemos porque algún día saian á luz. Na súa lembranza, na da veciñanza perseguida e mais unha vez sen recoñecemento algún polo Concello, o vindeiro 13 de agosto deitaremos flores e librepensamentos na humilde pedra da liberdade ergueita na Ponte do Barco.
[1]Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez” Pontevedra, 1982 e o póstumo “Santa Mariña de Tomonde: Terra de Montes. Cerdedo”, Pontevedra, 2002.

[2]
Ver Lamela, L. “A Coruña, 1936: Memoria convulsa de una represión”, Edicións do Castro, Sada, 2002; Pereira, D. “As vítimas do franquismo na Terra de Montes (1936-1953). Beariz, Cerdedo e Forcarei”, Verbo Xido, Cerdedo, 2010; Solla, C. “Un cerdedense en Mauthausen”, en Faro de Vigo, Edición Terra de Montes, 5/8/2012

[3]
Por este feito Antonio foi procesado en Pontevedra e condenado a 12 anos de prisión, mentres que o outro familiar, José García Castro, pasou algún tempo na Illa de San Simón antes de ser absolto no mesmo xuízo.