Ante a falta de ideas nada mellor que protestar pola misa

Ante a falta de ideas nada mellor que protestar pola misa

Pois parece que este dereito e esta liberdade esquecéselle a o PP e como non a súa deputada Ana Pastor cando se lle ocorre reprobar no congreso que a maioría de autoridades asistentes á entrega de despachos dos novos oficiais da Escola Naval de Marín non acudiron a misa. Poñen o grito no ceo porque se separou o acto castrense do acto relixioso.

Pero isto non queda aquí xa que tanto ela como María Ramallo inda preguntan por que non se cantou a Salve e todas indignadas porque non lles responderon din que "é moi importante manter as tradicións" pero esqueceron dicir que manter aquelas tradicións que ao PP lle conveña. Seguro que se rezaron en castelán as oracións chegaron antes ao ceo, debe ser que según cal sexa o idioma teñen preferencia a hora de distribuír as pregarias o santo correspondente.

Porque a día de hoxe non as vexo abandeiradas de respetar as tradicións do pobo galego como poden ser a lingua, o himno galego, os alalás,... ou cal quer outra tradición non so cultural senón tamén social. Pero si saen na defensa dun acto relixioso católico sen ter en conta que neste país moitos de nos somos ateos, agnósticos ou pertencemos a outras relixións. Si eu non os obrigo a asistir os meus ritos porque eles me teñen que obrigar a asistir os seus?

O problema de todo isto non se centra na importancia de manter as tradicións, senón máis ben na importancia de manter contento a unha parte do seu electorado que ultimamente se presentan como os salvadores das boas prácticas sociais e o único que están facendo e intentar recortar dereitos que moitos anos nos custou conseguir.

Saen en manifestación a carón de Rouco Varela e demais curia católica en defensa do seu modelo de familia mentres ignoran o avance da sociedade. Énchense a boca chamándolles asasinas as mulleres que queren abortar, sexan cal sexan os seus motivos, pero sen embargo ocultan que moitos dos seus membros amparan que as súas mulleres vaian a abortar o estranxeiro, claro que oficialmente tratase dunha viaxe cultural para visitar as igrexas do lugar. Claro que aquí respetan a tradición xa que si o fixeron con María Magdalena sen importarlle saber a verdadeira historia que non farán coas demais mulleres que non lle bailan o seu cantar.

Predican o celibato e condenan os malos tratos cando cada día topámonos con mais casos de fillos de curas que piden ser recoñecidos e casos de malos tratos a menores, de vexacións de todo tipo, de violacións a mulleres e a nenos, e infinitas barbaridades máis pero claro dende un púlpito alentan as masas dicindo que Cristo todo o perdoa e que eles son humanos pero fai o que eu lle mando e che din as escrituras do misal pero non fagas o que eu fago: "Aures habent et non audient" (Teñen oídos e non queren oír)

Predican a humildade, a xenerosidade cando eles van ben mantidos e ben servidos, debe ser que por iso Ana Pastor insiste na importancia de manter as tradicións, é dicir, de que os curas sigan tendo o papo cheo, a barriga farta e o pobre cidadán siga dando as esmolas para asegurarse a salvación, e si quere comer carne en Pascua que pague as bula correspondente.

Non soportan que Galiza fose espertando do letargo no que se atopara para avanzar socialmente para ser un país avanzado, que pensase libremente e que actuase por si mesmo sen temor a que se lle caise o ceo enriba. Queren convertese nos Constantino do século XXI dicindo o que hai que ler, oír, ver e facer. Eríxense nos salva patrias pero caen enredados nas súas propias mentiras. E hoxe que vivimos na era da información poucas cousas pasan inadvertidas e pillase antes a un mentireiro que a un coxo por moito que intente agocharse no "Desván de los Monjes".

Quizais si expresase toda a información, documentación e teorías que existen sobre a relixión os cimentos que a sustentas durarían menos de pe que un castelo de naipes nun día con vendaval. Pero Galiza non é allea a este movemento no que os que loitan por avanzar na verdade atopan cos que queren que todo permaneza igual, na conciencia de cada quen queda o de seguir sabendo máis ou simplemente quedarse co que lle din 4 libros oficiais e ignorando o resto. Que pasaría si fose Prisciliano o que estivese enterrado no sarcófago de Santiago?

Que sigan protestando porque non se fixo unha misa en vez de preocuparse porque en Galiza as listas de espera seguen medrando en moitas especialidades, que centros de día permanezan pechados porque non se lles dota de orzamento mentres algúns medios de comunicación reciben amplas subvencións, que as prazas de gardería sexan escasas e o único que lles preocupou foi cambiar as Galescolas por unha galiña azul mentres a Microsoft se lle adxudican importantes contratos cun alto custo para as arcas galegas en detrimento do software galego e abandonando a aposta de I+D galego ou crendo máis no potencial de empresas alleas do noso ámbito territorial que no das propias.

Que sigan preocupándose porque non houbo misa pero esquécense da marxinación galega fronte a outras comunidades, que sigan sendo o brazo dereito da Igrexa Católica en vez de velar polo benestar dos galegos, iso si, o soldo o seguen percibindo por estar adscritos a Galiza, pero que non se sintan tranquilos porque como eles dirían coa boca chea "Grazas a Deus" Galiza conta cada día con máis defensores tanto das súas costumes, das súas tradicións, da súa lingua e sobre todo do noso país.