Anécdotas, son só anécdotas

Anécdotas, son só anécdotas
Nas redes sociais da policía local de Ferrol ataca unha concentración da CIG que esixe seguridade no traballo, equiparando a uns concentrados, que cumprían todas as medidas de separación e seguridade, con quen se saltan o confinamento de xeito irresponsábel.

Diante da sede da Xunta de Galiza outro grupo de cadros sindicais da CIG son identificados e sancionados pola policía. Nas redes sociais hai xente que aplaude (verbo moi de moda estas semanas) aos policías e chámalle de todo @s representantes sindicais.

A CUT anuncia unha caravana de automóbiles para conmemorar o primeiro de maio, caravana prohibida polos tribunais baixo o argumento de que prima o dereito á vida sobre o dereito de manifestación, e un xornal dixital progresista en vez de advertir do perigo para as liberdades que supón tal prohibición, di que a decisión xudicial pode servir de argumento para impedir unha manifestación que pensan facer os fachas.

Unha conserveira empeza a funcionar, nin a inspección de traballo, nin a xustiza, se presentan na factoría para comprobar o cumprimento ou non das medidas ditadas polo goberno español ao respecto da distancia entre traballadoras e outras medidas obrigatorias para minimizar posibilidade de contaxio. As poucas traballadoras que, cheas de medo, esixen a adopción de medidas de protección saben que a porta está aberta para que marchen “cando queiran”. Pese a que a Ministra de Traballo anunciou ao inicio desta situación que os despidos estaban prohibidos, aínda non atopei en que páxina do BOE aparece.

Na igrexa de Carril o cura e varias fervorosas fieis incumpren reiteradamente as normas referidas ao confinamento pero non pasa nada, total non molestan a ninguén.

Policías, protección civil, algún alcalde...organizan espectáculos de ducias de persoas con sereas a todo volume e luces acesas, indo en caravana por rúas e estradas para trasladar os parabéns a nen@s que están de aniversario ou a compañeir@s que veñen de ser trasladad@s aos domicilios desde o hospital ou en situación de illamento; considérase o que fan unha grande demostración de humanidade en momentos tan duros.

O Presidente da Xunta de Galiza minte descaradamente nos seus monólogos case diarios, manipula varias veces os mesmos datos en cuestión de minutos, négase a comparecer no Parlamento...; pero a maioría dos medios de comunicación actúan de amplificadores dun discurso que ben para si querería Joseph Goebbels.

Traballadoras da sanidade e dos centros de maiores denuncian a situación na que teñen que traballar para salvar vidas, afalla de medios de protección, a precariedade dos seus contratos, etc..., pero fiscalía non abre unha investigación nin se detén aos responsábeis deses servizos, que están atentando contra o dereito á vida desas traballadoras e das persoas enfermas e maiores a quen atenden.

O profesorado comproba impotente como a cada pouco hai máis alumnado que vai quedando polo camiño descolgado da famosa teledocencia, pero a Conselleira de Educación lee de carrete unha sarta de mentiras sobre a normalidade na que transcorre o labor docente e critica unha Orde publicada no BOE na que aparece mostrou a súa conformidade coa norma publicada.

A propietaria dunha tenda de barrio bota o peche definitivo mentres comproba como cos seus impostos se nos anima a comprar nas áreas comerciais.

Nada, non fagades caso, pensade que son anécdotas e que estamos achegándonos xa á normalidade.

Ou mellor aínda, pensade que hoxe tiven un mal día e pagueino con quen ledes este texto en vez de tomar un par de copas.