Andan a movernos os marcos
Nos últimos tempos vexo que andan a movernos os marcos, pero dáme a min que non estamos facendo todo o que debéramos na defensa do que é noso. E cando falo do que é noso non me estou a referir expresamente a leiras, tomadas ou veigas; falo de algo máis importante e máis valioso, algo que ao igual que as terras temos recibido dos nosos devanceiros.
Hai unhas semanas o goberno do estado anunciou que está preparando unha reforma das pensións públicas que suporá un novo aumento da idade de xubilación e un recorte drástico da pensión que se cobre, caso de ter a sorte de chegar á idade de xubilación, pois ampliarase o período de cómputo da vida laboral que se utilice para calculala.
Cada día comprobamos a escandalosa suba de prezos en produtos de primeira necesidade, a especulación cos combustíbeis, etc., e a conseguinte perda acelerada do noso poder adquisitivo. Mentres iso acontece, anúnciase sen vergonza a multiplicación exponencial de beneficios por parte de grandes cadeas de distribución, entidades bancarias e empresas do IBEX.
Desde hai meses, co argumento de que hai que parar a guerra na Ucraína, estamos metidos en unha loucura de aumento do gasto en armamento, acompañado de sancións económicas a Rusia que nos están vindo de volta cal boomerang, que nos impacta nos ollos impedindo que vexamos que hai un país beneficiándose de isto; un país do que somos cada vez máis dependentes, económica, tecnolóxica e politicamente. Un país que, coa complicidade de quen hoxe nos goberna, convenceunos de que o mellor xeito de loitar pola paz é entregar armas para que se siga facendo a guerra.
En Galiza a atención sanitaria pública está a sofrer unha situación de recortes na atención e de precariedade, que non teríamos imaxinado nin nos nosos peores soños. Diante desa degradación dun servizo público básico a Xunta de Galiza pide que non se politice; segundo din estamos exclusivamente diante dun problema técnico de falla de médicos. Pero en paralelo a esa suposta escaseza, comprobamos como en moitos baixos comerciais de cidades galegas abren ao público aseguradoras médicas, que enchen de publicidade os medios de comunicación, ofertándonos os seus servizos a un módico prezo.
Non sei se é por termos a idea de que vivimos xa no mellor dos mundos posíbeis, ou porque pensamos que a cousa podía ser aínda moito peor. Ao mellor estanos influíndo o efecto psicolóxico post-pandemia, que despois do terror diante da posibilidade real de perder a vida e unha vez tiramos a máscara, lévanos a pensar só en gozar, sen perder o tempo preocupándonos. Ou pode que siga sendo efectiva a táctica tan vella de anunciar un recorte bestial, que despois non o é tanto, pero non deixa de ser recorte. Ademais, grande parte da poboación nin coñece as loitas que trouxeron os dereitos que hoxe nos están arrebatando, nin participou delas.
Os niveis de desigualdade e as bolsas de pobreza son moito maiores que hai un par de décadas, pese a que se agache a realidade con ese espellismo de que debemos vivir ben cando todo o mundo ten un móbil nas mans.
Pero diante de unha situación que está a rematar con ese estado de benestar tan propio da Europa occidental, que en Galiza nunca pasou de ser medio estado de benestar, o sistema convenceunos de que se temos problemas, se estamos no desemprego, se o noso salario é escaso, se non conseguimos os nosos obxectivos é porque somos uns fracasados e fracasadas; e como nesta sociedade non se pode fracasar, hai quen vive a maioría do tempo con dúas caras. Só é preciso escarvar un pouco e quitar o papel de cores que cubre todo para comprobar a realidade da pobreza e da exclusión social.
Fronte a esta situación hai quen se está movendo, pero a maioría da xente está de espectadora pensando que a cousa non vai con ela, ou que non hai nada que se poida facer; sendo moi preocupante que empezan a levantarse voces acusatorias contra quen se mobiliza, acusándoo ou acusándoa de que sempre protesta, ou de que vai provocar coa súa actitude o empeoramento da situación. É un síntoma de que o individualismo vai gañando a batalla á solidariedade.
Hai uns anos o grupo portugués Deolinda tiña unha canción na que os primeiros versos dicían
Agora sim, damos a volta a isto!
Agora sim, há pernas para andar!
Agora sim, eu sinto o optimismo!
Vamos em frente, ninguém nos vai parar!
pero conforme avanzaba a canción ese optimismo ía baixando
Agora não, que me dói a barriga...
Agora não, dizem que vai chover...
Agora não, que joga o Benfica... e eu tenho mais que fazer...
e a canción remataba
Agora não, que falta um impresso...
Agora não, que o meu pai não quer...
Agora não, que há engarrafamentos...
Vão sem mim, que eu vou lá ter...
Certo que a de Deolinda era unha simple canción, pero as cancións moitas veces reflicten as nosas vidas. Podemos pechar os ollos ou poñer escusas, pero o camiño sen saída ao que nos están conducindo non é froito da predestinación; podemos mudar as cousas, con esforzo e actuando colectivamente. Os dereitos que aínda temos non foron agasallo de ninguén, foron conquistas da loita de quen estiveron antes ca nós, sen a súa loita e o seu sacrificio non terían existido, e se nós non loitamos quen veñan detrás vivirán no século XXI cronoloxicamente, pero en canto a dereitos sociais e condicións de vida retrocederán a finais do XIX.
Tod@s temos escoitado algún caso de persoas que se decataron de que lles moveran os marcos pero xa non tiñan nada que facer, dado que cando chegaron á notaría ou ao rexistro da propiedade as escrituras das terras foran cambiadas e postas a nome de outros donos. Non vaia ser que nos pase iso cos dereitos; debémosllo a quen estiveron antes e debémosllo a quen veñan despoi