Anatomías
Os poderes condicionantes do país galego.
M. Loureiro elabora unha metáfora apocalíptica deste intre de perigos mundiais en "Apocalipsis Z", así nós imos observaren as ameazas, as aventuras inconscientes e conscientess dun goberno de Galiza nacido da desvergoña, da herdanza clientelar e do influxo bancario antisocial. Mais o remedio existe. Todos podemos participaren.
Anda de man en man o "Apocalipsis Z" de Manel Loureiro. Xa no "blog" lograra lectores, agora- máis nos centros babilónicos de Barcelona, Vigo, A Coruña, que nas vilas amabeis do país - é de lectura imprescindíbel, se queremos entender o enguedello das tabernas. De que trata? Dos soños dun avogado pontevedrés, Manel, que participa do estrago total dunha doenza, algo así coma o Ébola, de perigosa incidencia mundial.
Leo as aventuras desacougantes de Manel por Pontevedra, Marín, Bueu e Vigo. Chóscalle o ollo! Sírveme de metáfora:- Andamos adoecidos?. Hai doenzas graves por acá?- Meu estomatólogo sorrí:
-Paga a pena ler tal libro. Pode dar pistas.
A doenza é real, os causantes esquivos, o diagnóstico depende de gurús. Arquivo os seus nomes e receitas. Quen pisa máis forte e con máis protección? Sen dúbida, é dos "Peares". Corentón; fala castelán cos pais. Atribúe á escola non falar inglés, o seu galego non supera a adolescencia. Na escena 24 horas ao día.
-Digame, vostede, de que trata o vodevil do ano-a extender a catro- que nos le N. Feijóo no seu estarivel? -Iso pregúntasmo á noite. Agora de zapping; á tarde a camiñar pola Terra.
"Balilando cos lobos" entérome. O equipo dos Peares agacha as liñas de acción, actúa de este a oeste. Primeiro, quere a desaparición de canto fixo, dixo e prometeu o Bipartito, moi principalmente o BNG. Arrincarlle as raíces; que non poida reaparecer o camiño, nin os alicerces dunha sociedade libre e igualitaria. Querían un país, unha Galiza; el non ten proxecto de país, traballa para outros fins.
Segundo, non fala de neoliberalismo, nin de aznarismo, nin de fraguismo, nin de franquismo. Todo sen nome, todo é " de sentido común". El é o sentido común!! El, máis os seus conselleiros- un só protagonista, o resto, segundóns. Falan para todos:
-Ollade: empecemos por esfarelar as realidades nacentes do país galego, por desprotexer os montes, manter o minifundio- nin se lembre o banco de terra. Atrevámonos a ferir a febra cultural da cultura, a lingua, aínda que a chaga lacere os cidadáns normais. Nós para os nosos: a emprestar á multinacionais, á prensa española, á escola privada e de xénero.
Soño ou realidade? Visión noctábula ou anatomía diurna?. É tal cual.
O mercado sempre tivo a capacidade de engano.- Mintes máis que un charlatán de feira. A Núñez Feijóo venlle cómo anel de toma de posesión.. A súa é a constante fabulación.
Ven ser hora de liberarmos dos disfraces electorais, das promesas vanas e das falacias dos mass media. O goberno de Galiza é un goberno de ultras que asimilaron os feitos, a devastación social de Reagan , de Margaret Thahcher, de J. Ma. Aznar, o do dedo. E os seus menestrais son aventureiros á caza e derribo dos indicadores esperanzosos do país.
Dan pena, iso é todo. E son perigosos. Ten a protección de colectivos diversos, anticulturais, bancarios, supersticiosos. De fora do país e internos: cabalos de Troia sen entrañas.
Non poden prevalecer. O intre do país non é para o pesimismo, é razoábel un pesioptimismo. Ata o avogado pontevedrés saíu indemne da longa excursión por Vigo e atrapou o maletín salvador.
Hai unha sociedade galega emerxente, culta en todos os sentidos, informada, activa. Os facebooks énchense de amigos a milleiros en proxectos reivindicativos. Unha sociedade nova que no traga este presente chato, e, menos, este engano político ultraneoliberal.
Seguiremos a destapar arquivos, do social, do cultural, do antropolóxico, da Galiza real. A ciencia está disponíbel para mobilizar tecnoloxías de produción. Podemos artellar unha agricultura eficaz desde a química, con pouco terreo e moita produción; o mesmo a pesca e as industrias. E máis con servizos áxiles e liberadores. Un mundo novo científicamente. O que non podemos é ignorar os perigos. Anxo Quintana repite sabiamente: Erramos non ponderando debidamente a rede do PP que afoga a Galiza, desde clientelismos a colocacións servís. Baltar, Louzán, desde as deputacións, o goberno desde a Xunta e a maraña herdada desde a aldea, a vila e a clase burguesa avellentada dos burgos podres, forman un rochedo de plástico resistente.
Urxen dúas accións: rachar ese rochedo escravista e acrecentar unha pedagoxía aberta, extensa, a nenos, rapaces, mozos e anciáns, unha pedagoxía de confianza en nós, de apoio mutuo, de seguridade na capacidade de Galiza para ser nazón nutricia e fogar de liberdade.
Todo conclúe na urgencia de acometer a aventura por cidades e lugares deste "Iacosland", desta esquina verde, para a paz e boa ventura dos galegos.