An Ghailís en Eire


En Carrowmore, a uns cantos quilómetros ao sul da ocupada Derry, mais xa na República de Irlanda (chamarlle República Irlandesa é, se cadra, un exceso aínda), hai un centro de interpretación do megalitismo. Hai outros dedicados ao megalitismo como o de Brú na Boinne, á natureza e a xeoloxía como o dos cantís de Moer, dedicados aos castelos, ás abadías, ou outros monumentos que axudan a coñecer a historia e cultura de Irlanda.

Chama a atención como está valorizado o patrimonio. En todos os lugares que visitamos, previo pago dunha cantidade simbólica, déusenos como mínimo unha pequena guía explicativa do que estábamos a ver, que complementaba as explicacións dos paineis informativos, nos que abondaba ás veces as explicacións dunha persoa especialista.

En troques tamén chama a atención o pouco ou nulo uso da lingua propia do país reservada a un uso folklórico e ritual, que en moitas ocasións non está presente nen sequera na toponimia que sempre recoñece as formas deturpadas. Semella que o patrimonio é o único espazo onde se mantén aceso o facho patriótico, xunto coa loita contra a ocupación británica no norte onde alí si, por razóns obvias, son algo máis conscientes de que a loita pola soberanía como único exercicio da democracia, e a vida na propia lingua son indisolúbeis.

O respeito e a promoción do patrimonio en Irlanda non é vista como un lastre que impede o progreso. A República de pouco máis de 3 millóns de habitantes, ou o que é o mesmo, como pouca máis poboación que Galiza, atrae cara si máis de 8 millóns de turistas ao ano, desexosos de coñeceren a cultura do país, sexa en forma de petróglifo, de anta, de castelo, de música tradicional, ou simplesmente de pinta de Guinness. O país non ten máis a ofrecer como non sexa o orballo e as baixas temperatura estivais que non axudan a pasar os días na praia, porén ninguén pode dicir que ficase defraudado dunha visita ao país veciño, mar por medio.

En Carrowmore non nos foi posíbel disimular a sensación de raiba e vergoña, mesturada coa ledicia e coa envexa, ao vermos nun dos seus paineis a referencia a un outro país atlántico, do que se destacaba a ampla presenza megalítica e a importancia dos seus xacementos, concretamente os da Costa da Morte. Un país que os irlandeses chaman na súa lingua An Ghailís, e nós na de noso Galiza, coñecido para os visitantes do xacemento e especialmente para o historiador responsábel do centro de interpretación, que non oculta a fachenda de coñecer o patrimonio megalítico galego e a de ser o autor da fotografía da Mámoa de Pedra Coberta en Vimianzo que ilustra a referencia, ben ampla de comparármola coas que se poden ver en Galiza.

Descoñezo se esta protección e promoción institucionalizada do patrimonio material irlandés responde a algún desexo de imitar aos colonizadores aínda exercentes, lingua incluída, ou á necesidade de desfacerse definitivamente deles. Si sei que a unhas millas ao sul de Irlanda, na Galiza, o goberno autoanémico tenta desfacer calquer vestixio da presenza galega, destruíndo a lingua e tamén o patrimonio.

O desexo de imitación do colonizador, ou o que é o mesmo, o desprezo polo propio, está tan introducido en Galiza - An Galish que a anta, orgullosamente fotografada polo responsábel de Carrowmore, está hoxe soa, indefensa e oculta entre centos de eucaliptos, e os letreiros da Deputación da Coruña que indican a existencia dunha ruta megalítica na Costa da Morte, non sinalan cara ningún sitio. Algúns dos castros excavados no noso país están a agardar que se celebre aló un botellón. Os centos de torres e castelos que hai no noso país, dos que ninguén sabe por que nen como demos están aí, son uns perfectos descoñecidos para os seus veciños que, no mellor dos casos, celebrarán, en castellano medieval, unha desas festas de época tan de moda . A música das nosas festas vén da metrópole e a nosa, a dos colonizados, está ausente, agachada ou asiste como convidada de baixo rango.

O menosprezo e descoñecemento (cantas veces a mantenta!) do propio, mentres se admira con grande asombro unha Torre del Oro en Sevilla (poño por caso), ben máis cativa que o Carrumeiro que aguanta rexo a forza das marés e sinala a entrada á enseada de Corcubión.

Parafrasando a Albert Memmi no seu retrato do colonizado, preferimos a máis burda peza da bisutaría procedente de España, bandeira incluída, á xoia máis pura da nosa tradición. E tamén citando ao autor podemos dicir que aquí son os turistas os que se marabillan cos produtos da artesanía popular mentres o colonizado empeñado na asimilación oculta o seu pasado, as súas tradicións e todas as súas raíces agora infamantes.

As institucións públicas ou semipúblicas que deberían, mesmo por imperativo legal, responsabilizarse por rehabilitar, manter, dar a coñecer e pór en valor a nosa enorme riqueza cultural e patrimonial, preferen antes gastar grandes sumas na última exposición da sala de arte máis ruín de New York, mesmo a costa de negarlle ao país as posibilidades de se se coñecer a si mesmo e a creación de riqueza a través dunha explotación racional do patrimonio.

Mentres o empresariado do sector turístico e "cultural" co goberno da Xunta á frente, tan interesado en ficar a ben co de fóra, sempre en español ( que xa lles gustaría que fora perfecto), seguen a queixarse de que o tempo non axuda, ou reclamando que se dea licenza para unha cadea hoteleira calquera derrubar un castro, ou desfacer calquer espazo natural.

Fálase estes días nas rúas de Santiago da próxima visita do Papa e da enorme cantidade de cartos que, previo desembolso público dalgúns millóns de euros, traerá con el Herr Ratzinger. Sen entrarmos a valorar quen é o paxaro que vai pousar sobre a Lavacolla nen o que representa. Non daría moitos máis beneficios a curto, medio e longo prazo, en postos de traballo, lucros públicos e privados, máis tamén en elevación do nivel cultural da sociedade e en autoestima, en investir aínda que for só a metade en recuperación e dignificación do patrimonio cultural galego?

Mentres, cantas galegas e galegos terán que ir a Carrowmore en Eire para se decataren de que An Ghailís, o noso patrimonio, é valorado, e moito, por méritos propios?