Amputación da acusación popular na futura Lei de Axuizamento Criminal

Amputación da acusación popular na futura Lei de Axuizamento Criminal

O Ministro de Xustiza presentou estes días pasados o anteproxecto da futura Lei de Axuizamento Criminal, que responde ás liñas do informe elaborado pola comisión de expertos que el mesmo nomeara con este cometido. De todas as leis procesuais en vigor, esta será a derradeira en ser creada ex novo despois de máis de 130 anos de existencia. Era xa hora de substituír a actual norma legal por outra que se adaptase aos tempos, pois pouco queda dela que se poida aproveitar. Mais, sendo o promotor desta nova lei o ministro Ruiz Gallardón, moito me temo que os seus resultados sexan aínda peores que os que están en vigor.
Pola páxina web do Consello de Ministros e polos medios de comunicación, soubemos dalgunhas novidades que se pretenden introducir neste procedemento procesual. De entre elas, chamoume a atención a profunda limitación que se vai facer da acusación popular no proceso penal. Actualmente, segundo se contempla no artigo 125 da Constitución, calquera cidadán pode emprender a acción e participar como acusación popular no proceso. A actual Lei de Axuizamento Criminal só exclúe deste dereito constitucional aos incapaces e mais os condenados dúas veces pola comisión dun delito de denuncia ou querela calumniosa. A reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, desde hai moito, entendeu que este dereito á acción popular tamén se atribúe ás persoas xurídicas e, como tales, aos partidos políticos e aos sindicatos. Pois ben, no anteproxecto de lei proponse que a acusación popular quedará restrinxida aos cidadáns particulares e só nos procesos considerados de interese común como os de corrupción, os delitos contra o medio ambiente, o urbanismo... Partidos políticos, sindicatos e persoas xurídicas (asociacións, empresas) perderán esa capacidade de acudir aos procesos nos que non sexan parte.
Con esta grave limitación do exercicio da acusación popular ¾dado que a súa eliminación atentaría contra o artigo 135 da Constitución¾ este Goberno, da mesma forma que o pretendera no ano 2011 o ministro socialista Caamaño, incuestionabelmente, favorecerá a impunidade dos poderosos e dos políticos corruptos, porque, ao declinar do seu deber acusador o Ministerio Fiscal, ficarán impunes os seus delitos ao non existir acusación.
O exercicio da acusación popular tivo e segue a ter grande importancia na persecución de graves delitos cometidos por persoas económica politicamente poderosas. Por isto, os poderes do Estado, incluídos nos últimos tempos o propio Tribunal Supremo e a Fiscalía Xeral, estaban limitando o exercicio do dereito histórico e constitucional da acción popular. Así se explica a denominada doutrina Botín do Alto Tribunal, que estabeleceu que se o Fiscal e a acusación particular non acusan, non pode prosperar o proceso e non procede abrir xuízo oral pola soa presenza da acusación popular. Madia leva! Non procedía que o poderoso presidente desta entidade financeira e vinte persoas máis se sentasen no banco dos acusados con solicitudes de penas de máis de cen anos de prisión por teren presuntamente cometido delitos contra a Facenda Pública e falsidade documental. Neste caso, a única acusación existente era a popular xa que o Ministerio Fiscal solicitara o sobresemento. Mais, esta “doutrina” virou radicalmente pouco tempo despois cando o mesmo Tribunal Supremo en supostos semellantes ¾acusación popular presenta recurso e Fiscalía non¾ crea a doutrina Atutxa ao recoñecer que se pode abrir xuízo oral ao acusado aínda que só o inste a acción popular. Evidentemente, Emilio Botín e Atutxa recibiron distinto tratamento polo mesmo órgano xudicial para situacións semellantes: no primeiro caso a acusación popular, porque se dirixía contra un poder fáctico, non era suficiente para que continuase o proceso; no segundo, si porque Atuxta, como presidente do Parlamento vasco, se negara a disolver o grupo parlamentario de Sozialista Abertzaleak tal como ordenara o propio Tribunal Supremo tras a ilegalización de Batasuna.

Para evitar comportamentos descarados como este, coa nova Lei de Axuizamento Criminal o que se pretende é consolidar definitivamente o Ministerio Fiscal, ao que pertence por certo o actual Ministro de Xustiza, impedindo a presenza da acusación popular no proceso penal. Deste xeito, na maior parte dos delitos públicos só intervirá como acusación a pública, isto é, o Fiscal, quen pasará, a maiores, a ostentar tamén a competencia de toda a instrución penal. Como se van poder compaxinar estas novas competencias que se atribuirán en exclusiva ao Ministerio Fiscal co seu principio constitucional de dependencia xerárquica? Ou, como se vai subtraer este órgano das consignas do Goberno se é este quen nomea o Fiscal Xeral do Estado segundo a mesma Constitución?