Amnesia e demagoxia confusionista

Após vivir 36 anos neste réxime, teño agora a sensación de que algunhas forzas políticas que o lexitimaron, coas súas limitacións constitucionais, monarquía incluída, están nun proceso de mutación. Nada que obxectar á que a mudanza é consubstancial ao paso do tempo. Porén, non debería incluír unha inmoderada amnesia e moito menos o luxo de segregar tinta tóxica contra outros que non lexitimaron, coa súa anuencia e colaboración, a instauración pactada dunha democracia limitada. A esquerda española, de forma especial IU, está emborcada, desde hai uns pouco, moi poucos, anos, sobre todo desde que comezou a actual crise económica, en aparecer inmaculada, como se nada tiver a ver coa transición pactada e a restauración da monarquía borbónica, nin cunha Constitución que impide a laicidade, impón a nación única española e a supremacía abafante do español, ao tempo que non serve nin para defender uns servizos públicos universais. Porén, aínda conservo na miña retina imaxes elocuentes do PCE, primeiro, e máis tarde de IU, bendicindo a monarquía, cubríndose coa bandeira “roja y gualda”, e actuando como Tontóns Makoutes da reacción española contra os discrepantes durante toda a transición e o debate constitucional, e de forma sinalada após o intento de golpe de Estado do 23 f. Das efemérides conmemorativas da Constitución española é mellor non falar, pois constituíron até hai ben pouco na Galiza, unha arma arreboladiza e ameazante contra o nacionalismo galego, que nunca participou desa exaltación servil e antidemocrática. Éme imposíbel esquecer o entusiasmo demostrado por esta corrente ideolóxico-política, que sempre acompañaba de ataques furibundos contra o nacionalismo galego, a prol do Mercado Común Europeo, primeiro, e da Unión Europea, máis tarde, votacións do Congreso a este respecto incluídas, mesmo a do Tratado de Mäastricht. O estado autonómico fraudulento, a españolidade máis excluínte, sempre contaron coa súa comprensión e beneplácito, e a economía de mercado na formulación global, aceitárona como un síntoma de modernidade e do progreso.
Agora desenvólvense como se nunca tivesen actuado así. Aliás, non contentos, permítense presumir de radicalidade e rebelión, con pose alternativa. O malo é que, atendendo aos tempos, moito me temo que as súas receitas sexan unha versión aggiornada do pasado, especialmente no que atinxe á estrutura do estado, o problema das nacións e a cuestión da UE, todas elas cruciais para representar unha alternativa real á actual fase do capitalismo imperialista. Agora vístense coa bandeira da República…española, falan de autodeterminación…para o federalismo e apostan por máis Europa…garantía de máis España e menos soberanía dos pobos, das nacións. Sobre as consecuencias para a economía e a sociedade galega, derivadas deste modelo de Estado e de UE, e a conseguinte necesidade de soberanía nacional para facerlles fronte, prefiren calar ou só apuntarse, se cumpre por mor das circunstancias, á demagoxia do todo vale, co afán de confundir a incautos. Mais como esquecer, por exemplo, que todas as reestruturacións do sector naval asinadas por Comisión e UXT na comarca de Ferrol foron sempre avaladas por IU? Porén, non perden ocasión de denigrar o nacionalismo galego como fundamentalista e contrario á modernidade pola súa oposición e crítica ao modelo da UE.
En contraste, o nacionalismo galego, en todos estes anos de existencia, non mudou de posición verbo da Constitución española, do estado das autonomías, da Unión Europea, da monarquía, dos servizos públicos, malia conxunturas e políticas tácticas máis ou menos acertadas. O tempo veulle dar a razón sobre as súas análises fundamentais. Non ten que recorrer á amnesia e moito menos á orquestración dunha confusión deliberada para xustificar a súa actuación presente; en todo caso, está obrigado a avanzar con iniciativas e actualizacións tácticas, con análises e propostas para conseguir que o pobo galego exista con dereitos políticos e con capacidade para decidir o seu futuro. Cunha República como a de 1931, cunha bandeira inspirada no pendón de Castela, cun suposto dereito de autodeterminación, coa boca pequena, para chegar a un federalismo que non sabemos en que consiste (un novo estado das autonomías?), coa oposición ao exercicio da soberanía das nacións e á independencia, non pode haber nin sequera un pacto entre elas para conformaren un estado entre iguais. Por que se confunde autodeterminación, soberanía e federalismo, se fai falta? Pois ao servizo do estado español realmente existente. Velaí por que tanta animadversión contra o nacionalismo, e contra a necesidade de autorganización do pobo galego, política, sindical, social, en todas as ordes. Saben que é a única forma de existir capacidade de decisión real aquí, a única forma de contarmos con instrumentos para salvagardar e defender os nosos intereses como pobo, termos capacidade e coñecemento de causa sobre o que nos convén.
Nin toda a demagoxia confusionista pode, con todo, evitar que reluza o oportunismo, a face verdadeira, o que realmente se pensa. Hai uns días lin nun xornal ferrolá un artigo dun colaborador habitual, afiliado a IU, defendendo, en termos servís, moi propios do corporativismo universitario caciquil, a Alonso Montero das críticas recibidas polas súas declaracións contra o BNG. Era unha pérola. Após de facer á mantenta o exercicio de confusionismo intelectual máis descarado, incluída a afirmación de que era máis españolista Murguía que o actual presidente da RAG, ou que ser independentista non é ser nacionalista, acababa onde tiña que acabar: deixémonos de coñas, xa que tanto lle preocupa o idioma ao BNG e fai distingos conforme ao comportamento lingüístico, por que na próxima campaña electoral non pide o voto só aos que falan galego sempre e a ver cantos teñen? Xa saben, isto do idioma é tema menor, un encordio, todo o máis estamos obrigados a un uso oportunista e interesado politicamente do mesmo.