Amianto, a conspiración do silencio

Amianto, a conspiración do silencio

Cando nos anos felices da industria naval de Ferrolterra os traballadores de Bazán e Astano manipulaban alegremente as fibras de amianto, cando levaban as "fundas" ou buzos as súas casas cubertos do po branco e alí se sacudían e se lavaban a man, nos píos ou moitas veces nas bañeiras, cando esas fundas eran usadas tamén por familiares e veciños dos traballadores, cando os restos, as sobras do amianto se reutilizaban para pequenas chapuzas nas casas, para tapar fochas nas rúas e camiños sen asfaltar ou se tiraban con despreocupación en calquera lado, como se facía -e aínda fan algúns- co entullo nesa época, ningún deles podía sospeitar que 20, 30 ou 40 anos despois esas pequenas fibras que se foron acumulando no sistema respiratorio sen avisar ían pasar unha dramática factura.

O mesmo que en Ferrol, o mapa de afectados polo amianto espállase polo estado español e polo resto do mundo. No estado español, os afectados traballaban principalmente nos estaleiros e na construción, nos servizos ferroviarios e na multinacional Uralita co fibrocemento. Unhas 80.000 persoas como mínimo. Pero é na comarca de Ferrol onde está o maior número de afectados principalmente de asbestose ou fibrose pulmonar, unha enfermidade directamente provocada pola inhalación de fibras de amianto, e que chegará ao seu punto máis alto en 15 ou 20 anos. A Asociación Galega de Vítimas do Amianto calcula que uns 10.000, o máis novo de 52 anos.

"Nunca se nos ocurrira pensar que o amianto podía ser tóxico"; "entrabas co mono azul e saías branco do amianto"; "ás veces ficábamos até tarde para terminar traballos, as mantas de amianto eran suaves e quentes como a lá e cubriamonos con elas para protexernos do frío". E non só afectaba aos que manipulaban directamente o amianto. Hai moitos afectados ambientais, que simplemente vivían perto das minas ou das industrias, como relata no magnífico documental o cineasta basco Juanmi Gutiérrez "La Plaza de la Música" mesmo o caso da súa nai, que nunca traballara con amianto pero que lle cadrou vivir a poucos metros da fábrica Producciones Aislantes SA (Paisa) en Errentería. Nesa rúa facíase a descarga do amianto e había as típicas tolbas de aspiración das fábricas da época, que extraian o fume e o po de amianto directamente á rúa. Nesta fábrica, como en tantas outras, o amianto cortábase coas mans e os bocadillos se quentaban sobre uns quentadores con amianto. Hai un ano e medio, houbo unha sentenza pioneira por afección ambiental favorábel a 45 veciños de Cerdanyola del Vallès e de Ripollet, en Catalunya, que vivían perto da fábrica de Uralita; os medios de transmisión recoñecidos e que causaron e están a causar gravísimas enfermidades pulmonares aos afectados abranguen as emisións da fábrica de po de amianto, a manipulación da roupa nas vivendas, a degradación dos depósitos de residuos e o espallamento destes polas rúas -coa compracencia da poboación, ignorante da toxicidade- sen asfaltar, para mellorar o estado do firme, pois logo coa auga compactaba. Os nenos xogaban con eses restos.

O amianto ou asbesto é un grupo heteroxéneo de metasilicatos complexos de varios metais de orixe mineral, que se extrae en minas a ceo aberto. Ao esmiuzárense presentan formas fibrosas (fibras ou feixes de fibras). As dúas denominacións, amianto e asbesto, proveñen do latín e do grego: a primeira da palabra latina amiantus, que significa "incorruptíbel", e a segunda da palabra grega asbestos que significa "incombustíbel", o que xa nos dá unha idea de dúas das súas principais características. Ten excelentes propiedades aillantes e mecánicas, alta estabilidade química e de resistencia á calor e ás lapas. Abundante e barato, considerábase un material case perfecto, con máis de 5000 aplicacións e usos industriais, desde materiais de construción como láminas onduladas ou baldosas, para automotor e ferroviarios como freos, embragues ou xuntas, para estaleiros e varadoiros, siderurxia, materiais textís como traxes de bombeiros (protección ignífuga) até no interior dos termos como aillante térmico. Unha das súas versións máis populares era o fibrocemento con amianto, que era unha mestura de cemento portland e amianto. Tratado axeitadamente, obtíñase un material resistente co que se podían elaborar pezas conformadas en xeral, como placas con forma, canos, vertedoiros, depósitos, etc.

O asbesto, invisíbel e inodoro, ao inhalarse, deposítase no tecido pulmonar e fica alí para sempre, sen disolverse nin degradarse, polo que é acumulativo, dando lugar a patoloxías letais como asbestose, cancro de bronquio ou pulmón, ou mesotelioma pleural e peritonal. Ten un alto período de latencia, entre 15 e 40 anos até a aparición da enfermidade, polo que ás veces se fai difícil determinar a orixe.

Se ben se coñece desde moi antigo, o seu uso industrial iniciouse en 1871. E xa en 1889 foi constatada en Inglaterra a súa elevada toxicidade. En 1936 recoñeceuse a asbestose como enfermidade profesional. No estado español entra a través do monopolio da empresa Uralita, propiedade da familia March, vencellada ao golpe militar do 36 e que recibiu todo o apoio e protección da ditadura franquista para utilizalo sen ningún control ou regulación. A partir dos anos 50 e até os 90 tivo o seu máximo esplendor sobre todo a través da construción e da industria naval, cando xa se estaban a publicar os principais informes científicos que advertían da súa perigosidade para a saúde humana.

Sen embargo, os intereses económicos prevaleceron unha vez máis sobre as persoas. Que importan os traballadores e a xente! Ocultación e negación do perigo, desprezo as vítimas, réxime de silencio informativo para milleiros de afectados, para milleiros de mortes.

En 1970 o amianto recoñeceuse como sustancia canceríxena e o seu uso comezouse a limitar. Aínda así, até 2005 non foi prohibido na Unión Europea como aplicación dunha directiva de 1999. Nos países "desenvolvidos" o maior problema co material se centra agora na eliminación do amianto -desamiantado- instalado e presente en naves, edificios e vivendas. Debe ser retirado ou limpado por especialistas baixo estritas medidas de seguridade. Mentres, o mellor é non tocalo nin movelo, para evitar que se liberen as microfibras.

Nos países en vías de desenvolvemento, o problema está presente, pois a avaricia empresarial non ten cancelas: países como Canadá e Zimbawe, que son os dous maiores exportadores, xunto con China, Rusia e Brasil, seguen comerciando e enviando asbesto a outras partes do mundo. Especialmente criticábel e sorprendente é a actitude de Canadá, pois foi un dos primeiros países en prohibir a manipulación do amianto cunha severa regulación, e na actualidade é un dos principais exportadores a países en desenvolvemento e nos que non existe lexislación restritiva destes produtos como India e os seus respectivos mercados e zonas de influenza. Tamén os barcos inzados de amianto lévanse a desmantelar a estes países, provocando a aparición de casos de nenos con mesoteliomas debido ao traslado da chatarra en cestas. Actualmente Canadá atopou unha nova vía de entrada para un tipo de amianto, o amianto branco, do que Quebec é o principal produtor, que co novo nome de "crisotilo" está a chegar a Europa a través de Hamburgo saltándose a prohibición (para máis información: "La trama del amianto", La noche temática).

A OMS advirte que o amianto vai causar a morte de entre 110.000 e 150.000 persoas ao ano no mundo nos próximos decenios, aínda que hoxe desaparecese todo o mineral que hai na Terra, pois os seus pulmóns xa están afectados. E en máis de cen países aínda se permite a súa extracción e instalación. E tampouco hai que ir moi lonxe. Cada vez que se tira unha chabola no poboado de Penamoa na Coruña, os tellados de amianto fican espallados e triturados polas escavadoras por todo o poboado, sen control. E aí seguen convivindo cos que aínda viven alí.

Por fin semella que as vítimas comezan a oírse, cada vez máis alto, a seren recoñecidas, a compartir a súa traxedia co recoñecemento público. E os culpábeis deben pagar, pois había coñecemento do dano. A avaricia empresarial é culpábel. E os que miraron para outro lado tamén.