Alúganse mulleres férteis: a distopía que aí vén
En 1985 a escritora canadiana Margaret Atwood publicou a novela The Handmaid’s Tale, que narra un mundo distópico dominado por homes heterosexuais de clase alta onde as mulleres de casta máis baixa serven como reprodutoras substitutas para as mulleres inférteis da clase alta. Naquel momento era unha arrepiante obra de ficción especulativa. Hoxe, co mesmo transfundo do cisheteropatriarcado capitalista neoliberal, a cruenta distopía fíxose realidade coas barrigas de aluguer, onde as mulleres denominadas ‘xestantes’ volven ser identificadas exclusivamente en función do seu potencial reprodutor.
Falemos claro, a denominada ‘xestación subrogada’ ou ‘por substitución’ non son máis do que tecnicismos eufemísticos que procuran camuflar a realidade con argumentos absurdos: “[unha muller xestante] non está prestando nada, non está alugando nada. O seu ventre está no seu sitio dentro do seu corpo”, Aurora González Ginzo, secretaria da Asociación para a legalización e regulación da Xestación Subrogada en España (Galicia por Diante, min. 35:40).
Ultimamente o tema recobrou protagonismo co debate lanzado por Ciudadanos, cuxa ‘nova’ orientación liberal colocou a formación laranxa a favor do aluguer dos órgaos reprodutivos das mulleres que se estendeu aos principais partidos españois, desde o P‘so’E até o PP. Curiosamente (ou talvez non tanto), a conservadora Esperanza Aguirre, coñecida pola súa posición en contra do direito a abortar, desta vez si defende o direito da muller a decidir... sempre e cando sexa con fins mercantilistas e para fundar familias. A Radio Gayega tamén se fixo eco desta cuestión nun programa onde os únicos protagonistas eran as crianzas e as persoas receitoras, borrando a muller que realiza a xestación e a súa historia por irrelevantes.
Como pai que son entendo o desexo de selo, mais non é un direito nen se pode exercer por calquer vía, pois o fin non xustifica nunca os medios. Para quen non pode ter fill@s biolóxic@s sempre existe a adopción como alternativa. É verdade que os trámites dilatados poden supor unha traba, mais non hai que esquecer, por un lado, que as crianzas si teñen o direito a unha familia (do tipo que for) con todas as garantías (non só económicas) e, polo outro, que hai moita menos xente disposta a adoptar unha persoa con máis anos ou con algunha necesidade especial, a maioría das cais tórnanse inadaptábeis e condenadas a pasaren de centro en centro co maior risco de desenvolveren un transtorno de apego. Este empeño de adquirir o ‘bebé perfeito’ é o que leva unha parella contratante a oferecer pagar para que a muller xestante abortase no caso dunha anomalía física ou o abandono no caso dunha crianza con síndrome de Down. O egoísmo humano non ten límites.
,Fuxindo de preconceitos moralistas, desde o ponto de vista ético, o egoísmo sempre hai que colocalo na balanza das consecuencias que pode provocar para as outras. Desde esta perspectiva, trátase dunha práctica comercial –quéirase recoñecer ou non– altamente cuestionábel e criticábel e as razóns para se opor radicalmente à súa legalización e normalización como un simples “proceso empresarial san” son moitas e moi variadas, desde o feminismo, unha análise de clase ou a explotación neocolonial. Aquí debuxamos algunhas delas que transcenden o simples desexo individual de ser mai ou pai biolóxic@.
Ante todo, non se debe confundir o direito das mulleres a disporen libremente do seu corpo coa súa mercantilización, onde aquelas que precisan de diñeiro fican reducidas à súa función reprodutora, aparellos incubadores sen nome e sen rostro que pasan a denominarse ‘xestantes’. O sitio dunha parella que quere partillar a ‘súa’ experiencia tras “adentrar[se] no complicado mar (léase ‘turbio mundo’) da xestación subrogada internacional” é elocuente polas súas ausencias, onde o ‘quen somos’ se reduce às dúas persoas que encarregaron (non se fala da suxa cuestión dos cartos) o servizo e a crianza. A muller que pasou pola xestación simplesmente non existe. A súa historia carece de interese, como quen fabrica un zapato ou unha barra de pan. En efeito, non podería ser doutro xeito para “axudar o resto de familias a faceren deste proceso algo un pouco máis normal”.
Trátase tamén dun luxo que só se pode permitir un reducido grupo social que dispón dun alto poder adquisitivo. Sabendo que o plasma se vende nos U$A (sangue inteiro xa non, por razóns sanitarias), non é de estrañar que neste país tamén se comercialice co corpo das mulleres, onde unha xestación vale uns 100.000 dólares ou máis. Quen defende as barrigas de aluguer pretende facernos crer que se trata dun acto ‘altruísta’. Dado que as mulleres que levan a cabo a xestación non son máis que fantasmas, riscadas intencionada e sistematicamente da historia, resulta imposíbel atopar datos que falen delas, o seu nível de renda, etc. Ora ben, acho que sería pecar de inxenu@s pensarmos que calquera muller se prestaría voluntariamente se non fose por necesidade imperiosa de diñeiro. Noutras palabras, as mulleres máis empobrecidas están, como sempre, ao servizo dos antollos das persoas da clase media e alta do primeiro mundo. E por moita regulamentación que houber, na sociedade capitalista en que vivimos non deixará nunca de ser unha práctica sustentada na desigualdade social.
Para quen non pode desembolsar cantidades tan astronómicas, a libre competencia do mercado neoliberal tamén oferta alternativas máis económicas mediante o turismo reprodutivo a países empobrecidos que proporcionan mao de obra barata noutros ‘sectores’, tamén amiúdo feminizados. Non debería sorprender ninguén que a Ucraína, que non é precisamente o país máis garantista do mundo, sexa un dos destinos máis populares. Alí, por se houber algunha dúbida, fica claro que non se trata de as mulleres disporen libremente dos seus corpos ao exixir que o marido dea a súa autorización para que unha muller casada poida alugar a súa barriga. É claro de quen é propriedade a súa barriga: de todo o mundo menos dela propria. Mais o país que bate todos os recordes é a India, transformada nun xigantesco hipermercado de barrigas cun volume de negocios cifrado en máis de $400 millóns/ano. Máis unha faceta da explotación neocolonial onde as granxas de bebés son tan rendíbeis hoxe como a espoliación dos recursos naturais das antigas colonias.
Quen propugna a súa legalización no Estado Español propón –polo xeral, mais non sempre– que non sexa unha práctica comercial, apelando ao ‘altruísmo’. Ora ben, si defenden que exista unha ‘compensación económica resarcitoria’ como xa existe para a doazón de óvulos. Noutras palabras, unha cantidade de diñeiro a cambio dun servizo prestado. Que non nos enganen: non é outra cousa que a mercantilización do corpo da muller, cun pagamento indirecto do cal apenas 10% reverte à muller xestante. Non é difícil adiviñar quen se lucra no camiño: intermediarios, clínicas privadas...
Máis unha vez, as mulleres, sobretodo as máis empobrecidas, son as primeiras vítimas do neoliberalismo capitalista que ningunha regulamentación poderá frear ou mitigar.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.