Alternativa, futuro, unidade

Alternativa, futuro, unidade

Case sempre na historia hai que negar o presente para preparar o futuro. Nas actuais condicións da globalización neoliberal, coa democracia virada en plutocracia e o neofascismo a avanzar solermiño, unha forza política alternativa forzosamente ten de negar o presente, se por negar o presente entendemos negar as relacións de dominación -os poderes económicos sobre a política, o capital sobre o traballo, o Estado sobre as nacións sen aparello estatal propio- para transformalas no seu contrario. Iso é o que está a facer o Bloque Nacionalista Galego, mais cunha virtualidade engadida, a de afirmar que si hai Alternativa, a de negar o There Is no Alternative (TINA) de Margaret Thatcher, o principio filosófico que inspirou a revolución conservadora e a regresión das democracias formais en Occidente (co conseguinte deterioro nas condicións de vida das clases populares).

O principio TINA que alcuñou Thatcher e que afortalou Reagan -e que daría pé á tese da fin da historia de Fukuyama- é o que vertebra ideoloxicamente a filosofía irracionalista que enchoupa o discurso neoliberal e que neste principio de século está a facer avanzar xa non a dereita, senón o neofascismo en toda Europa. Se non hai alternativa entón non hai elección racional posíbel. E se non se pode optar, non hai democracia. O poder compórtase como un deus ex machina. Facemos isto porque non queda outra, machuca desde Maio de 2010 o presidente do Goberno e aínda líder da socialdemocracia española. Se non queda outra que facer isto, para que votamos?, cabe perguntarse. Se non hai marxe, se non hai Alternativa, para que mantemos os Parlamentos?

CAUSA NACIONAL, CAUSA POLA DEMOCRACIA

Nunca estivo tan clara coma hoxe a ligazón que existe en Galiza entre a causa nacional e a causa pola democracia. Son tarefas indisociábeis do movemento nacional galego. Daí a pertinencia do discurso do BNG nestas eleccións municipais. Os dous elementos -Alternativa e Futuro- perfectamente engarzados. Sen Alternativa non hai Futuro, se por Futuro entendemos a superación positiva do presente e non a súa autorreprodución. Frente ao discurso inane das forzas españolas -discurso TINA adubiado coas inevitábeis ladaíñas verbo da corrupción-, o BNG afirmou con clareza a determinación por abrir unha fenda no muro xa non da resignación, senón da aceptación como algo natural da nosa condición de dominadas e dominados. Dominadas e dominados polo Estado e polo gran capital transnacionalizado.

Con este discurso claramente alternativo frente o fatalismo neoliberal (non é posíbel facer nada distinto, etc), o BNG obtivo nas eleccións municipais de 22 de Maio o 16,52 por cento dos votos e 261.513 sufraxios. Poucos? Moitos? Insuficientes?

DADOS DO 22-M E EVIDENCIAS INCONTESTÁBEIS

Cos dados podemos facer distintos exercicios de malabarismo político, mais hai algunhas evidencias incontestábeis. O proxecto nacionalista saiu moi tocado das eleccións galegas de 2009, tanto que nas europeas subseguintes o BNG pisou o chan do 9 por cento do voto. Dous anos despois, o BNG é a única forza que nas municipais obtén unha percentaxe de voto superior á das galegas de 2009 e un nível de votación practicamente similar. Pasamos do 16,01 de 2009 ao 16,50 de 2011. O PP, en troca, cae: do 46,68 ao 44,84. O PSOE cae máis aínda: do 31,02 ao 25,99. En votos as cifras son máis expresivas: o BNG practicamente está nos números de 2009 (tendo en conta que nas galegas o número de votos válidos superou en máis de 100 mil os sufraxios das municipais). Pasamos de 270.712 a 261.513. O PP, en troca, perde 79.611 e o PSOE cede 113.030 votos!

Con estes resultados na man, só desde posicións irracionalistas se pode discutir que o BNG está en pleno proceso de recuperación da confianza perdida. Estamos ante un proceso obviamente non concluído. En política, como en calquer relación humana, é moi doado perder a confianza e é muito máis difícil recuperala. Porén, en apenas 2 anos, o BNG freou a caída e reatou a súa relación de confianza con miles de cidadáns galegos. Non ver que, alén de facer isto, reafirmou con clareza o seu proxecto ideolóxico alternativo ao paradigma neoliberal -pondo a énfase no confronto coa dereita estrema e españolista- é simplesmente facer un ensaio de cegueira.

Se ben é certo que o BNG cedeu posicións significativas en algúns espazos, nomeadamente nas cidades, cousa distinta é a causalidade do fenómeno. A bipolarización inherente a este tipo de comicios entre as formacións que verosimilmente poden acceder á Alcaldía lastrou, baixo o meu ponto de vista, as aspiracións nacionalistas. Argumentarase que a bipolarización existiu sempre. Si, mais é evidente que en 2007 a dereita non gobernaba na Xunta nin era inminente a súa chegada á Moncloa. Non era eleitoralmente tan competitiva como agora. A tensión bipartidista socavou así a base de sustentación eleitoral do BNG en aqueles concellos en que o PSOE mantiña opcións reais face o PP (Lugo, Ourense e Vigo).

PONTEVEDRA, TRUNFO TAN ESMAGADOR COMO HISTÓRICO

Con todo, o BNG continúa a ser unha forza decisiva para a gobernabilidade en 3 das 7 cidades galegas e en Pontevedra obtén un trunfo tan esmagador como histórico, tanto que fai retroceder o PP (que perde un concelleiro e 2.000 votos). Estamos a falar da única cidade galega en que o BNG puido desenvolver sen atrancos o seu modelo de goberno e de transformación social e nacional. Pois ben, nese ámbito o BNG incrementou o seu apoio popular en 11 puntos, o que se traduciu na suma de catro novos concelleiras/os.

Así as cousas, claro que hai Alternativa e claro tamén que a Alternativa aínda non é suficientemente críbel para voltar a estar en condicións de avanzar de xeito significativo. Eis coido eu que está a chave do estado de cousas en que se acha o BNG. Estamos a vadear o río, mais aínda no medio da corrente. Hai que axir con intelixencia para que non nos arrastre o torbeliño do neofascismo ambiental, mais tamén para non caírmos nunha dinámica autodestrutiva. Hai que manter a frieza para introducir os cambios que sexan precisos sen cuestionar os trazos esenciais da liña política tracexada polo BNG democraticamente desde 2009: nacionalismo e esquerda. Ou, por dicilo doutro xeito, nacionalismo é igual a democracia, poder do pobo para o pobo, frente a ecuación que hoxe iguala españolismo con plutocracia, a dominación do capital (financeiro) sobre o traballo, do centro (na UE, a imperial Alemaña) sobre a periferia.

PARA VOLTARMOS A SER INTEIRAMENTE CRÍBEIS

Para voltarmos a ser inteiramente críbeis, hai dúas precondicións básicas. Primeira, a de dotarmos de contidos concretos a formulación da Alternativa. Debe ser propositiva (negar é necesario, afirmar é imprescindíbel) e debe ser factíbel. A segunda precondición é a de disterarmos as contradicións principais das accesorias. Urxe, portanto, reforzarmos a unidade de todos os segmentos organizados dentro da frente nacionalista e de esquerdas que obxectivamente é o BNG. A unidade non como unha proclama abstracta. A unidade non como monolitismo. A unidade como a expresión da vontade colectiva e plural do pobo galego que é politicamente consciente de si. A unidade diversa e democrática. A unidade fraterna. A unidade que represente os distintos estratos sociais que de forma máis ou menos racional aspiran á emancipación nacional e/ou social.

LUCES E SOMBRAS: FICAR COAS LUCES, MAIS NON DESDE O CONFORMISMO

Hai luces e sombras: eu fico coas luces, mais non fico desde o conformismo. Temos un enorme patrimonio colectivo chamado Bloque Nacionalista Galego, un tesouro que pertence a miles de patriotas desta nación. É o único motor do proxecto nacional galego. Un motor que aínda non está a funcionar a pleno rendimento, embora estea a recuperar antigas prestacións. Debe ser preocupación primeira de todo patriota galego, e de todo galego de esquerda ao que repugne a dogmática neoliberal, acelerar as revolucións dese motor e liberar así, con abertura e xenerosidade, todas as potencialidades dunha organización rupturista e transformadora de base popular que apenas ten parangón no ámbito da UE.

En conclusión, debemos perseverar na negación do presente neoliberal e na afirmación con contidos concretos da nosa Alternativa, nacionalista e de esquerdas, necesariamente plural e unitaria.

Se así o fixermos, estaremos a afortalar a única Alternativa da que dispomos para construír nación e para construír democracia. Poder popular. Nada menos.