Alimentos lácteos: unha mentira tapa a outra

Alimentos lácteos: unha mentira tapa a outra

Baixo o titular de “ El arte de contar mentiras arriesgadas” o xornal El Progreso da noticia dunha exposición en Gran Bretaña estes días onde as verbas “Propaganda. Poder e persuasión”, ademais do medo, mostran a historia do engano e da mentira como instrumento de poder.

Difícil imos ter outras alternativas que nos escoiten as verdades namentres os que están dacabalo contan tan artisticamente as mentiras. Ademais, os que contan as mentiras nunca arriscan nada. Tendo o dominio da propaganda, o malo é culpa dos outros o bo é pola súa intervención. E a xente pódese ter contenta dicíndolle por diante o que quere oír inda que a esteas espetando por detrás, creándolle falsas esperanzas. Como se reflicte na exposición citada, a mentira é unha mestura de relixión e política. Un bo exemplo é o que está facendo a Xunta en Alimentos Lácteos.

A Xunta chama aos directivos das cooperativas e dilles que o xerente de Alimentos Lácteos lles vai informar da presentación do concurso de acredores. Aos traballadores/as comunícanllo cargos de segunda orde. Qué casualidade!: O Goberno Galego comunica a súa postura ao través dun comunicado; sirva a redundancia.

Alguén de Outeiro de Rei relatoume un caso acontecido fai ben anos na prédica do párroco de Outeiro na misa do domingo. Inda que non o pareza, onte como hoxe a xente cre nos milagres, pero tamén os hai revirados. Foi o caso dun taberneiro da propia vila que cando escoitou a milagre de cómo o Noso Señor lle matara a fame a cinco mil homes, e a maiores mulleres e nenos, con so cinco pas e dous peixes, non comprendeu que puidera haber un milagre mais grande que o que argallaban el e un tendeiro de Rábade coa multiplicación dos garrafóns do viño; e sen mais, sorprendeu ao predicador:

-Vai boa! Contenos outra.
Con moita axilidade aclarou o conto o Sr. abade:
-Teñan en conta que cada pan daqueles era tan grande como esta igrexa.
-Agora si que a compuxeches -dixo o taberneiro- E como era a boca do forno?

Algo así lle está acontecendo ao Goberno do PP tratando de explicar a desaparición misteriosa de moitos millóns de euros en Alimentos Lácteos. E por si fora pouco, tratan de convencernos de que eles non saben como foi e de que non teñen ningunha responsabilidade. E por si nos facemos rebezos e non cremos estas milagres queren facernos ver que a empresa vai resucitar. E non queda aí, vai resucitar da man dos mesmos santeiros que a mataron. E logo (ao facer o milagre facelo ben): Caerá unha noite estrelada unha choiva de euros que o vento levará dende a Fábrica de Pascual ate o Campo de Sta. Sabela e acudirán os acredores a cobrar as súas débedas. Todo semella que neste asunto se alvisca a man de Deus…

Di a Xunta que non escatimará esforzos. Si os esforzos consisten de novo en darlle cartos a amigos que desaparezan e se arruíne a empresa, ese esforzo faino calquera que teña cartos públicos.

Que se precisa un socio solvente. Supoñemos que a Xunta e o PP son os que mellores socios solventes poden buscar. Que foi logo o que buscaron ate o de agora, incluídos eles mesmos? Sendo ben pensados tamén pode ser que os socios solventes monten a empresa para afundila e rematar sendo mais solventes que antes. ¿E posíbel montar outra nova empresa co sobrante da operación anterior?... Estou seguro que si. Xa falan os mesmos responsábeis dun furado de18 millóns de euros…. O caso era dar co furado. Dixéronse tres verdades dende que pechou a fábrica: “Nos non participaremos no novo proxecto”: Pascual. “Isto tiña que terse parado fai mais dun ano”: O xerente. E a mais importante de todas: ”Fallaron os intentos para financiar a débeda”: O xerente.

Non faltou –e iso fixo con interese a xerencia de Gancobre- a mensaxe do medo, ameazando en público e en privado, con que sairían moi prexudicados os que reclamasen as súas débedas, namentres estes maxistrais xestores finxían chorar polo futuro da cooperativa e caían no ridículo xogo de criticar a mala xestión dun Presidente asesorado e dirixido por eles mesmos. Como a Xunta cando pretende culpar aos gandeiros da situación das cooperativas.

A Xunta di que se demostra a súa implicación a favor de Alimentos Lácteos en que aportou moitos millóns de diñeiro público. Ningún arquitecto estaría orgulloso de gastar moito nunha casa e que lle caera…. Si ten dous dedos de fronte analizará porque lle caeu antes de poñerse a facer outra.

A moitos gustaríalles que nin a Xunta nin o PP tiveran que ver con esta fraudulenta situación porque teñen fe cega no PP e no bo facer do capital, e aversión herdada do franquismo, a toda organización que defenda os dereitos do traballo e dos de abaixo. Recordarán moi ben os traballadores e traballadoras que no Parlamento se lles pediu fe no futuro proxecto e se nos acusou aos que esiximos garantías de falla de fe. A boa fe neste caso, e noutros tamén, elle de moito servizo aos que teñen a tixola polo mango; aos que so temos o corpo para traballar tennos mais conto ter precaución e contas claras. Xa está ben de mentiras e covardía. Poñan as cartas sobre a mesa e póñanas todas….