Alfabetización política: un labor imprescindíbel

Alfabetización política: un labor imprescindíbel

Dicía Bertolt Brecht que o peor analfabeto é o analfabeto político. Dicíao porque, segundo el, "Non oe, non fala, non participa nos acontecementos políticos. Non sabe que o custe da vida, o prezo das xudías, do pan, da roupa (...), dependen das decisións políticas. O analfabeto político é tan burro que se gaba e saca peito ao dicir que odia a política. Non sabe que da súa ignorancia política nace a prostituta, o menor abandonado e o peor de todos os delincuentes que é o político corrupto, mequetrefe e lacaio das empresas nacionais e multinacionais."

Despois disto, tan atronadoramente real, pouco poderiamos engadir, mais cómpre continuar, argumentar, na medida do posíbel, as razóns desta afirmación e intentar destripar o seu contido. Daquela, ocorréseme que o primeiro obxectivo, para dar inicio á explicación, sería visibilizar a falsidade da aparentemente intanxíbel e inocua despolitización do ensino medio, por exemplo, que, apoiado na idea da socialdemocracia burguesa, adoita gabarse de ofrecer contidos asépticos, algo moi valorado pola pretensión de obxectividade que leva implícito o adxectivo en cuestión. Porén, o caso é que no propio uso do termo subxace a auténtica manipulación.

Nada do que se explica nas aulas de historia, lingua ou literatura, por citarmos algún exemplo, carece de intención política. O que sucede realmente é que, dende o poder, estabelécense certas verdades que son asumidas -consciente ou inconscientemente- polas persoas, dada a comodidade que supón non cuestionar ese enganoso pluralismo sistémico que busca, principalmente, xerar o desinterese pola verdade e, en consecuencia, provocar un clima de indiferenza que gustosamente se presenta ante os ollos como tolerancia.

Así, como quen non quere a cousa, imos fornecendo o espíritu competitivo -que non combativo- do alumnado. Inoculamos no seu corazón adolescente o egoísmo e a cobiza ao transmitirlles a idea de que non abonda con facer as cousas ben. Hainas que facer mellor que o resto. Non se di así exactamente, claro está, iso sería políticamente incorrecto. Daquela, o método máis útil para este fin alienante é criminalizar posturas incómodas que xeran un fondo malestar. Por iso, inculcamos a idea de que toleramos a diversidade cultural e defendemos o dereito á vida aínda que, na realidade, esteamos a consentir coa nosa indiferenza os abusos contra os traballadores/as e os crimes contra os pobos. Tamén contra as linguas minoritarias. Por iso, porque somos tolerantes, facemos ver que o correcto é respectar o dereito a non facer folga -iso non é politizar o alumnado-, da mesma maneira en que facemos fincapé na liberdade para elixirmos a lingua na que comunicarnos, isto é, transmitimos a idea de que o bilingüismo significa tolerancia, espírito demócrata e respecto. Indubidabelmente, este credo socialdemócrata é máis fácil de vender como ideario do ben que amosar a necesidade de protesta pola precariedade laboral ou a imprescindíbel loita sen cuartel ante o conflito lingüístico no noso pobo. É máis, hainos que consideran que tal conflito é inexistente.

Por iso, se unha profesora ou profesor o comenta nas aulas, os/as defensores /as da asepsia ideolóxica, dirán que iso é politizar -perdón polo abuso da palabra- as/os menores. No entanto, cando se explica a Reconquista e non se fala da auténtica historia da Galiza, non pensarán nada. Nin unha miserábel reflexión ao respecto. Porque? Porque nin son conscientes da interiorización do discurso maioritario: a non confrontación, a harmonía.

Do mesmo xeito, nas aulas de literatura, obviar as escritoras e centrarse na literatura masculina -isto sucede fundamentalmente coa literatura castelá- é un feito fixo incuestionábel. Porén, ninguén considerará que constitúe en si mesmo un agravio comparativo de carácter político. Iso nunca. Por esa razón, Buero Vallejo, Antonio Muñoz Molina ou Machado -entre outros- convertéronse en escritores de culto fronte a Gabriela Mistral, Isabel Allende, Gioconda Belli, Ana María Matute, Carmen Martín Gaite, Clorinda Matto de Turner - "Aves sin nido"- e a propia Gloria Fuertes, tan infravalorada pola crítica española tal e como o propio Cela soubo recoñecer ao afirmar que era "la angélica y alta voz poética a la que los hombres y las circunstancias putearon inmisericordemente".

Todo o dito nas liñas anteriores intenta ser exemplo do que é o cadro máis grande de todos, un cadro que, a pesar de ser maioritario e, precisamente por iso, aparece ante os ollos das persoas como aséptico, inocuo e, por ende, inocente. Poucas mentiras foron tan ben contadas coma esta puidendo así permanecer o tempo suficiente na sociedade para formaren parte do imaxinario colectivo. Isto denota unha absoluta falta de criterio e reflexión, xermolo de prexuízos e actitudes moralizantes que, a súa vez, instalan as persoas en cómodas posturas reaccionarias, caracterizadas pola presencia de elites e abuso, é dicir, violencia estrutural, verticalidade clasista.

De todos modos isto parece non ter saída. Disque é unha utopía iso de pretender a igualdade, así que, o/a analfabeto/a político/a do que falaba Brecht, acóplase ao sistema. Obedece. Acepta que lle indiquen o que é político e o que non. E o máis triste de todo, adoita un tono exemplarizante, ofrecendo a súa porción de verdade como real. Todo o que quede fóra é absurdo, radical, utópico. Así pois, o posibilismo político vira nunha especie de epidemia ideolóxica da corrección que penetra nas capas da sociedade deixando as mentes nun estado de repouso tal que resulta difícil movelas.

Daquela, a necesidade de alfabetización é urxente se queremos modificar a nosa realidade. Para acadala, urxe desmantelar todas esas mentiras propicias e facer ver que, en tanto que habitantes dunha polis, somos animais políticos capaces de xerar cambios importantes que nada teñen que ver co poder, mais coa xustiza social. Deste xeito, o máis útil será recuperar a política real exercida de abaixo até arriba, indiferentemente de que os seus actores desempeñen un traballo manual ou intelectual, pois a ágora ten esa capacidade igualatoria que convén para refrescarmos o ambiente e denunciar a mentira da tolerancia democrática sustentada nunha absurda pretensión de pluralidade, cuxa única finalidade é manter todo como está. Que os ricos sigan a ser moi ricos e que a clase traballadora adoite posturas submisas. En resumo, que o estado do malestar oculte que o persoal é político.

Así ninguén pensará que a única causa da frustración humana que se vive na intimidade doméstica é a barbarie capitalista dada a deshumanización que trae consigo, pois quen pode sobrevivir íntimamente, nas pozas secretas da conciencia, a un egoísmo voraz que nos separa deixándonos illados?. Até que punto a cobiza estende o seu manto e aniquila todo aquilo que lle incomoda minimamente para obter a arelada satisfacción material?. Como se senten os silenciados/as?. Poden realmente participar en algo organizado de xeito sistémico?. Queren facelo?. E, de non o querer, ten que tocarlles, impepinabelmente, ser lumpen?. É isto unha proba de que a tolerancia é a ditadura oculta de "deviene en lo que soy y aceptaré tu diferencia"?. E, moi importante, os que non participan non existen?. Para quen non existen e até que punto esa inexistencia obrigada, ladinamente, non é a posta en práctica da violencia do sistema?.

Por outra parte, que dicir da vaidade?. Até que punto afecta á vida privada das persoas?. Que tanto pracer provoca esa absurda e imperialista autoconciencia para nin lembrar que existen outros/as ao noso redor?. É a cobiza a causa da vaidade?. É o egoísmo?. Seriamos realmente capaces de pór en práctica a anulación da diferenza opresiva denunciada por Badiou entre o traballo manual e o traballo intelectual, ou, no fondo do noso corazón, nos gusta ese tenro recoñecemento e nos congratulamos íntimamente de que así sexa?. Non son todas estas contradicións, pretendidamente humanas, froito dun sistema opresivo e violento que enfurece as almas exterminando a verdadeira solidariedade?. Non é certo que tanta competitividade nos obriga a vivir nun estado de alerta constante e incómodo que deriva na máis grande e fonda das tristuras, a de non poder relaxarse a carón dunha verdadeira amizade?.

Tendo conta disto, porque non aplicar a análise do exterior, da ágora, ao da intimidade? Porque non intentar demostrar que o capitalismo xera infelicidade, insatisfacción, estados de conciencia amorfos, falta de criterio, xuízos moralizantes e mesmo certo estupor e fobia social?. Será que non sabemos ter paciencia e xenerosidade suficiente como para aceptar que os verdadeiros cambios políticos precisan da horizontalidade?. Recoñeceremos algún día que é a humildade a condición imprescindíbel para xerar suxeitos políticos conscientes?

Talvez sexan todas estas preguntas as que nos deberíamos facer na propia casa antes de saírmos á rúa e intentar defender a igualdade. Se cadra, tendo todo isto moi presente, poidamos organizarnos mellor e pór en práctica os cambios pertinentes. Con paciencia, iso si, pois, se queremos que haxa movemento e facer tremer as bases dun sistema abusivo e inxusto, precisamos da coherencia entre o noso discurso e a acción política e tal coherencia implica un traballo interior que, indubidabelmente, hanos levar certo tempo, dado o afeitos/as que estamos á cousa pública e ás representacións de seu que, finalmente, quedarán niso, nunha fermosa representación dentro dun escenario favorábel.

Parece evidente, que, de continuarmos así, con esta autocompracencia, as estruturas permanecerán fixas e seremos cómplices do descoñecemento que acepta como certa a idea da utopía para non ter que loitar por nada nin por ninguén. En resumo, estaríamos a facer o mesmo de sempre, andar á procura do poder coa escusa de instaurar a igualdade e a igualdade non pode determinarse dende enriba, é a explicitación dun proceso de desempoderamento social, político e intelectual cuxo principal berce é a autocrítica.

Así pois, unha vez vistos os erros, é que poderemos aprender o necesario para provocar un proceso que revolva as vísceras deste sistema fracasado no que vivimos. No entanto, o que se nos pedirá, para acadarmos ese desexábel mundo alternativo, é xenerosidade. En doses monumentais. Xenerosidade para buscar o beneficio común -non só teóricamente- e esquecer o que, persoalmente, máis nos interesa, é dicir, avanzar nun proceso de auténtica politización da comunidade que favoreza a existencia de suxeitos políticos conscientes -a día de hoxe en letargo televisivo- que, a súa vez, servirá para xerar os espazos políticos propios de Badiou, nun tempo tamén propio, á marxe da industria.

É esa a verdadeira solución a un mundo cheo de inxustizas: abandonar a inconsciente militancia capitalista, arrincar os anacos de amor desperdiciado no culto aos obxectos e deixar que o mundo se filtre en nós, que poidamos amar a insignificancia daquilo que resulta descoñecido e comprender que "saberse un resto non significa degradación, en todo caso é a única maneira de sobrevivir, non porque non se preferise a situación anterior que de vez é un resto da anterior (sucesivamente) senón porque non é posíbel restaurar esa cesura" (Hordas de escritura, Chus Pato). Daquela, como hai fendas que únicamente poden abrirse máis e máis cada día, quen saia do cadro grande saberá que é resto -en apariencia algo degradante, mais o certo é que se converte en ser para existir, na medida en que deixa de ser soñado-, un resto que arela mesturarse con outros residuos para pór en práctica ese pensamento prospectivo que se anticipa ás miserias humanas e ofrece unha saída política: o traballo conxunto, a colaboración desinteresada.

Para realizar a nosa utopía non temos que partir do cadro actual, é máis debemos separarnos desa envoltura e comprobar que somos capaces de xerar outra realidade social máis xusta e igualitaria. O de facernos crer que iso é imposíbel forma parte dos intereses do mercado que, dende sempre, intenta negar calquera política de emancipación. Así, como a igualdade é imposíbel, os soñados e soñadas, isto é, toda esa morea de persoas que se gaban de seren apolíticas -nas oficinas, nos hospitais, no ensino medio, nas tendas, nos parques etc- asumen que as inxustizas son inherentes á natureza humana, de seu egoísta e competitiva -palabras literais destes defensores do liberalismo económico, mais iso si, apolíticos-, así que non queda máis remedio que aceptar a realidade -eis o seu determinismo inceptábel- e deixarse de romanticismos revolucionarios.

Isto é cinismo inconsciente, froito dun descoñecemento absoluto da continxencia política. É a abulia alimentada dende a televisión. Certo, os idiotas políticos non loitan, consumen. Non comprenden, xulgan. Non son solidarios, mais condescendentes e caritativos. Tampouco reflexionan, reláxanse e teñen moito sentido común. Viven tranquilamente nesa aurea mediocritas revisada pola postmodernidade onde todo é tibio, aséptico e bo. Son, para entendérmonos, os cómplices do abuso, pois acreditan nel e nunca protestan, é máis transmiten ese ideario do egoísmo social á rapazallada, envolto nun discurso demagóxico que amosa unha única cousa real: un pensamento feble, sen apenas argumentos, carente de conciencia política e, en consecuencia, de solidariedade real.

Creo pois que podemos dicir, con total convencemento, que o mal habita na clase política. Búrlase de nós e ofende a nosa intelixencia todos días de todos os meses de todos os anos. Conta co apoio dos idiotas, que están por todas partes. Mais isto non é unha profecía. Xa sucedeu. Xa foi. Está sendo. Aquí. Agora.