Alexandre Bóveda na recordación de Castelao
No número 427 d´A Nosa Terra, editada pola Irmandade Galega de Buenos Aires, publica Castelao o artigo “Un simple recordo”. Datado no 15 de Agosto de 1942, está monograficamente dedicado a Alexandre Bóveda, cuxa data de morte vai ficar desde este momento instituída como “Día da Galiza mártir”. Hoxe, 17 de Agosto, cúmprense 79 anos do seu fusilamento e queremos evocar a súa personalidade reproducindo aquel artigo que tamén recollemos no número 22-23 de Terra e Tempo (Xaneiro-Agosto 2003). Dedicámolo á memoria de Xosé Luís Bóveda e á persoa de Amalia Bóveda (ambos colaboradores desta publicación, dedicada tamén monograficamente ao estudo e reivindicación de tan preclaro nacionalista). Escrebe Castelao:
Non todol-os días xurden homes tan superdotados como Bóveda; i esta caste de homes, bós e xenerosos, realizan obras e dispois esquécense de firmalas. Teñen a virtude de levar a cabo, indefeitibremente, todo canto maxinan; e â veira d-eles sentímonos seguros, e todos traballamos con fe. Bóveda era unha antítesis vivente do dictador e cos seus modos de autoridade poñía de bulto a eficacia do sistema democrático. Collede un exemplar do Estatuto Galego -que non ten a súa firma- i en cada verba d-este documento latexa o esprito e a vontade de Bóveda. Xa nos primeiros días da República el pubricou un estudo ademirable, basado en cifras irrebatibles, encol do aspecto económico-fiscal de Galiza para evitar que procedéramos a cegas na redaición do Estatuto e para demostrar, asimesmo, cómo lle conviña â nosa Terra o réxime autonómico e cómo non perxudicaba aos demáis grupos de Hespaña. Cavilade agora no esforzo que tivemos de realizar para poñer d-acordo aos diferentes sectores da política republicán e chegarmos, por fin, ao trunfo plebiscitario, e ben se pode decir que foi Bóveda o herói de todal-as xornadas autonomistas. E cando levamos âs Cortes da República o Estatuto plebiscitado, el, Alexandro Bóveda, non quixo acompañarnos porque xa estaba traballando na ponencia que o Partido Galeguista quería propoñer para a orgaización do novo estado que se aveciñaba. O Estatuto era un instrumento co que nós debíamos transformar, antre outras cousas, o sistema económico e fiscal que padecía Galiza, e o máis convencido d-esta necesidade, o máis capacitado para idear e orgaizar un novo sistema, era Bóveda. A morte colleuno en pleno ardimento de traballo.
,Eu quero hoxe lembrar un soio cariz das súas preocupacións. Bóveda non aceptaba, craro está, os gravames indirectos e, menos ainda, os impostos que encarecen os artigos de consumo. Decía el que onde os acertos e os desastres d-unha política teñen o seu mellor espello é nos presupostos da entidade que sigue esa política, e que a sobrevivencia dos impostos indirectos é un reflexo da arbitrariedade adeministrativa, pois os contribuintes deben saber o que van pagar e o que pagan, aparte de que deben coñecer o destino do seu diñeiro. O revellido sistema fiscal de Galiza era inxusto e anticientifíco, pol-a importancia que n-el tiñan os impostos indirectos e, ademáis, resultaba complicado e caro, porque eran tres entidades as que, simultáneamente, impoñian e recaudaban os gravames: o Estado, as Diputacións e os Concellos. No orde económico retrasaba o desenrolo da pequena industria, impedindo novos intentos industriaes. No orde político, favorecía o caciquismo, porque a facultade impositiva e a función recaudatoria traducíase, en mans de caciques, n-unha arma de castración cibdadán. E non falemos do arrendo de servicios recaudatorios, que enriquece aos arrendatarios, cando os rendimentos debían revertir â coleitividade.
Bóveda trazou as bases da reforma, para dispois de implantarse o Estatuto, i eran as seguintes: 1ª Os impostos que o Estado transfira a Galiza para cobrir os servizos que se traspasen, máis os que cobran as Diputacións (que íamos a suprimir) e os dos Concellos municipaes, serán refundidos n-un imposto. 2ª Os orgaísmos locaes do novo réxime cobrirían as súas atencións participando nas cuotas que a Adeministración galega estabreza ou en forma de recargo das mesmas. 3ª A triplicidade de Oficiñas -do Estado, das Diputacións e dos Concellos- refundiránse n-unha Adeministración única, que dependerá da Xunta de Galiza. 4ª O imposto único debe responder ao sistema progresional, gravando en distinta escada os capitales, as rendas e as utilidades. 5ª O Órgao adeministrativo galego debe ser de tipo bancario, suprimindo esa desconfianza formulista do Estado, que soio sirve para perder tempo, papel e traballo. 6ª A función recaudatoria non poderá ser arrendada e os rendimentos que produza a movilización do numerario deben aplicarse a fins de caráiter social. 7ª Como clave da orgaización fiscal e financeira do país, crearáse unha entidade bancaria, dirixida e avalada pol-a Xunta de Galiza, que terá ao seu cárrego a Recaudación e Caixa, o Creto, o Aforro e outros servicios que poida absorber, tales como as Habilitacións. 8ª Estabreceráse a libreta do contribuinte para que éste poida pagar as cuotas según lle conveña, abonándoselle un intrés especial pol-as cantidades que anticipe, i en condicións determiñadas cobriráse a totalidade ou parte das cuotas aos que non poidan satisfacelas íntegramente nos plazos sinalados, cobrándose aos contribuintes un pequeno intrés, en evitación dos gastos de apremio.
Bóveda creía que o estabrecimento do imposto único en Galiza era doado e realizable; pero a condición de abordalo en tres etapas graduaes. A primeira consistiría en que as Oficinas da Adeministración galega se encarregasen da confeición dos documentos de cobranza, refundindo n-un soio recibo todal-as cuotas que, por diferentes conceptos, pagase cada contribuinte. Estas Oficinas encargaríanse da cobranza, i en sistema de transición abrirían contas a favor das entidades participantes. A segunda etapa consistiría na formación d-un ficheiro, no que cada contribuinte tivese unha ficha individual, na que constarían as diferentes cuotas que serviron para confeicionar o recibo único, así como as rendas e o capital decrarado pol-o contribuinte e comprobado pola Adeministración. A terceira etapa consistiría en confeicionar as escadas de tributación para chegarmos ao imposto único. O problema sería doado se nos conformásemos co sistema PROPORCIONAL e recurriríamos ao método de derrama ou prorrata que o Estado ten estabrecido para a tributación da riqueza territorial non catastrada; pero nós queríamos que o imposto único fose xusto e que gravase o capital e as rendas, aplicando escadas PROGRESIVAS de tributación. Para asegurarnos contra todo erro de cálculo, podía estabrecerse como cuota mínima a da fase anterior, a non ser que unha investigación solicitada pol-o contribuinte demostrase a inxusticia do gravame.
Non temos vagar para comentarios. Bóveda coñecía ben a cencia fiscal e a técnica recaudatoria e, de porparte, coñecía as realidades do noso país e a psicoloxía das nosas xentes. Estaba seguro do éisito e, por estalo el, nós confiábamos en levar a cabo na nosa Terra un sistema que aos gobernantes de Hespaña -incruso aos da República- pareceríalle un enxendro teórico, soio dino de figurar nos libros. Non é que Bóveda inventase nada; pero el era capaz de levar a cabo en Galiza esa ilusión do imposto único, que en todol-os países se predica i en ningún se implanta. Os que mataron a Bóveda mataron a unha Galiza chea de luz; pero nós crearemos outra nova i-entón o noso mártir revivirá.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.