Acumulación de forzas e procesos de transformación. Leccións de alén-mar

Acumulación de forzas e procesos de transformación. Leccións de alén-mar

"Não precisamos dos intelectuais europeus que tentem ser a consciencia critica da esquerda latino-americana. Que melhorem a esquerda europeia". Esta mensaxe do sociólogo marxista brasileiro Emir Sader nunha rede social, denuncia a vixencia dun abafante eurocentrismo en boa parte da esquerda europea, nomeadamente na que opera en coordenadas sistémicas e de concertación.

Há varias semanas tiven a oportunidade de participar, máis un ano, no Seminario Internacional que organiza o Partido do Traballo de México. Un evento único a nivel mundial, que congregou nesta XVIII edición a 210 delegacións internacionais de 37 países, do máis diverso signo dentro do amplo espectro da esquerda e do progresismo. Encetei alí a presentación do meu relatorio facendo unha confesión. Agradecín aos organizadores que me brindasen a oportunidade de acudir desde a vella Europa a aprender con toda humildade dos procesos políticos e sociais en marcha en Latinoamérica, e tamén das súas contradicións e de como as están a enfrontar. Non foi apenas unha cortesía. De vez, é nesa latitude do globo onde arestora se desenvolven os máis importantes e vizosos procesos de transformación, malia as súas eivas e insuficiencias.

De aí que principie por cadrar con Sader. É preciso sacudirnos o moito ou pouco que nos quede de eurocentrismo para ollarmos sen preopotencia e sobre todo sen paternalismo o que está a suceder na América Latina. Se ben aquén-mar ficamos afeitos e afeitas as máis das veces á sobrevaloración dos nosos avances, quer no campo político, quer no sindical, quer no social, do outro lado do Atlántico os procesos en construción ciméntanse e son alimentados por unha sá autocrítica. Há papanatismo oficialista? Si, claro. Como en todas partes. Mais en xeral a dinámica social dos propios procesos fai predominar un afán superador, rico en autoexixencia. Das moitas horas de relatorios (houbo 120 intervencións nas tres xornadas), debates e conversas, tirei algunhas ideas en forma máis de pregunta que de certezas.

Acumulación de forzas


Unha das principais chaves, alí e aquí, é a acumulación de forzas. Intrinsecamente relacionada co balanzo que se pode facer dos avances e tamén das contradicións que se suceden pola acción dos gobernos progresistas no continente. Neste senso a lección máis importante que cómpre tirarmos da súa experiencia é precisamente que a acumulación de forzas non é apenas unha abstracción retórica, senón un indicador que pode e debe ser obxectivado a través da análise e do debate, e no que non sempre a variábel predominante ten que ser a electoral-institucional.

Sen pretender profundar en definicións que exixirían, en rigor, unha explicación e exemplificación moi demorada, definiremos a "acumulación de forzas" como o proceso sociopolítico no que un proxecto transformador/revolucionario logra sumar un maior nivel de conciencia organizada nas súas filas e arredor das súas propostas. No concreto mide a capacidade que se ten de incorporar máis pobo, nun senso amplo, nun bloque social e político alternativo á clase dominante, que dispute a súa hexemonía e permita incidir na subxectividade social (conciencia e vontade) necesaria que permitan o desenvolvemento do programa estratéxico de cambio. Gramsci sintetizaba esa idea afirmando que: "O proletariado pode converterse en clase dirixente e dominante [isto é, conquistar o poder que hoxe detén o Capital e que este exerce desde os estados na súa contra] na medida en que logra crear un sistema de alianzas de clase que lle permita mobilizar contra o capitalismo e o Estado burgués a maioría da poboación traballadora".

Cómpre pois avaliarmos, con ampla perspectiva, se a nosa acción política, sindical ou social está a permitirnos en realidade acumular forzas e en que medida o está a facer. Con que indicadores? O respaldo electoral é un deles, mais como xa se apuntou non necesariamente o determinante. En troca, outros factores como o nivel e intensidade da mobilización social, a fortaleza ou debilidade das organizacións (quer partido, fronte, sindicato ou organizacións de masas) en termos de afiliación, funcionamento, e máis de introdución, grao de referencialidade e incidencia (social e política) no pobo, poden canda o nivel de conciencia (cuestionamento do discurso dominante, existencia ou non de disputa en chave de contrahexemonía, grao de coñecemento e adscrición dos fundamentos ideolóxicos e propostas sobre as que se articula o proxecto de transformación...) contribuír a unha axeitada avaliación de canto, como e para qué estamos a acumular forzas. Unha avaliación, que fuxindo de rixideces esquemáticas e do maximalismo, debe ser permanente (xa que o seu resultado axudará a aplicar as correccións que fosen necesarias), dinámica (que atenda ao carácter dialéctico de todo proceso histórico) e realizada desde un exercicio honesto coa necesaria crítica e autocrítica, procurando distinguir con clareza entre como "debera ser" a realidade e como esta é (análise positiva versus análise normativa).

Non todo cambio é revolucionario


Relacionado co anterior e a respecto da acción dos gobernos de esquerda en Latinoamérica nos debates agroma, unha e outra vez, unha cuestión non menor a respecto de se poden ser caracterizados ou non como "revolucionarios". Non existe consenso ao respecto (coa excepción cubana e en menor medida a Venezuela bolivariana). En parte polo feito de que as condicións nas que se desenvolven os diferentes procesos de cambio no continente distan moito de ser homologábeis entre si. Na miña opinión, acho que existe un afán desmedido por colocar a etiqueta de revolucionario a todo o que sexa distinto do imperante neoliberalismo. Sen desprezar os seus efectos positivos, non se debe confundir exercer funcións de goberno de maneira máis favorábel ás clases populares (mellorando as súas condicións materiais de vida e traballo), dentro do marco da institucionalidade burguesa no Capitalismo, xa non con "revolución" senón mesmamente stricto sensu con "transformación". Transformar, exixe da intención política de acometer un cambio profundo, de mudar/derribar as estruturas de dominación sob as que se cimenta a actual orde económica e social (relacións sociais de produción), que hoxe inevitábelmente só pode pasar por coordenadas nidiamente antisistémicas, en forma de deconstrución do capitalismo (admitindo que non existen as condicións para unha demolición radical do sistema) que sente as bases para a construción dunha nova organización económica e social. Exixe polo tanto de entrada o pretenso explícito de superación do actual réxime, e tamén a formulación (programática e práctica) dunha alternativa completa. A xestión non ten alcance transformador por si propia, por máis axeitada que esta sexa en base aos seus resultados prácticos. Outra cousa é que admitamos a posibilidade de cualificar de "revolucionarias" ou "rupturistas" aquelas medidas adoptadas desde os Gobernos que teñan maior alcance e efectos.

Como se deduce, todo o anterior colócanos diante doutra cuestión central: o poder. O vicepresidente da Fronte Ampla do Uruguai, o comunista Juan Castillo, explicábao certeiramente en México ao recoñecer que malia os 10 anos de goberno fronte amplista en Uruguai o pobo está lonxe de exercer o poder e o seu goberno non responde inda suficientemente ás necesidades dos e das traballadoras como clase antagónica ao Capital. Apenas conquistaron unha pequena, mais importante, fracción de poder: a correspondente coa institucionalidade política no seo dunha democracia formal baixo Capitalismo. Isto desmerece os notábeis avanzos logrados a favor do pobo? En absoluto. Iso debe distraer á clase traballadora uruguaia a respecto da importancia fulcral de evitar o regreso da dereita neoliberal nos vindeiros comicios presidenciais? Tampouco. O proceso uruguaio ilustra como poucos o papel protagónico que debe xogar o movemento popular, non como acompañante silente en coordenadas de submisión, senón como motor e empuxe (moitas veces crítico e con mobilización na rúa, mesmo contra medidas do executivo) do propio proceso rumo da conquista efectiva do poder. Eis a mellor garantía para a resolución das inevitábeis contradicións en toda acción de goberno. Pois "poder popular" non é apenas mudar pola vía electoral de representante interposto (por progresista que este sexa), senón permitir o exercicio efectivo do poder polo pobo.

Como vemos, a dialéctica "reforma ou revolución" non se resolve coa mera e mecánica afirmación de principios (ideoloxismo). Está presente en toda práctica política, mesmo nas experiencias máis avanzadas. De aí que non sexa menor procurarmos a máxima correspondencia na praxe (a síntese entre teoría e práctica) da proposta táctica co proxecto estratéxico de cambio que quere desenvolver. Nesa tarefa a axeitada valoración do proceso de acumulación é o mellor compás. Non facelo condúcenos inexorabelmente a acabarmos entrampadas/os nun inútil e autocompracente, pero lexítimo, posibilismo. Na renuncia de facer posíbel o que é necesario, que é a esencia propia de toda revolución.