Actualidade e Historia


Coido que a historia non se repite, malia poder parecelo nalgúns casos, pero sempre ilustra e aclara sobre os problemas de fondo. Moito menos, a aparente repetición, xa unha ou dúas veces, ten por que resultar unha traxedia ou unha farsa, por máis que conteña elementos tráxicos ou cómicos. Para o pobo catalán hai, desde logo, unha novidade no feito de contemplarse, por vez primeira, a alternativa de votar a independencia, unha proposta defendida polas súas institucións e pola maioría social: queren expresar a súa vontade nas urnas. Moitos españois, incluídos galegos e galegas que exercen como tais, albergan a esperanza de que esa aspiración sexa frustrada pola maquinaria represiva do Estado español sen maiores consecuencias políticas que as de obrigalos a entrar nunha negociación á baixa, como todas as que se fan desde a aceptación da subordinación, nunha palabra comulgaren cunha farsa. Algúns destes demócratas coa súa estrita constitucionalidade interesada recorren á historia como previsión do futuro inmediato. Lembran, por exemplo, que o president Macíá proclamou en 1931 a República catalá como Estado da federación ibérica. Tamén que o president Companys proclamou no 1934 o Estado catalá dentro da república federal española. A seguir rexoubean co feito da primeira durar uns días até ser mudada, a través dun pacto, en Generalitat provisoria, e o segundo unhas horas até que se declarou o estado de guerra e se suspendeu a autonomía de Cataluña. Esperan, eles si, que se repita a historia. Neste sentido, si hai unha perfecta continuidade histórica que expresa moi ás claras a esencia imperial e antidemocrática do Estado español. A súa única alternativa consiste en lograr a división ou esmorecemento da fronte soberanista por medio da represión, ofertas de supostas terceiras vías e frustración social.

Porén, o problema está en que a aspiración independentista se fundamenta nunha experiencia social e colectiva do pobo catalán. Hoxe, após trinta anos, é consciente das limitacións asfixiantes do deseño autonómico e da intolerancia española perante calquera avance cara a un Estado plurinacional. O proceder das institucións do Estado cun novo Estatut de nación para Catalunya foi revelador: peneiralo até tal extremo que deixou claro limitacións constitucionais tan infranqueábeis que fan imposíbeis espazos de decisión realmente propios. A realidade é que non existe posibilidade de terceiras vías: non é que sexa unha calexa estreita por onde intentar camiñar: é simplemente unha calexa choída. Escrebe Castelao sobre como se proclamou a República: "En Barcelona proclamouse a República catalana cando en Madrid se proclamaba a República española. ¿Querían os cataláns constituíren un Estado independente, arredado de Hespaña? Non, por certo. Os cataláns reclamaron a república de Cataluña porque querían formar parte do Estado hespañol, pero en virtude dun acto federativo, que somentes podía celebrarse consagrando primeiramente a súa soberanía. E consagrárono por un acto revolucionario e victorioso, que, por ter a asistencia do povo xa era lexítimo. Xurde, pois, simultáneamente, un Governo provisional da República hespañola e un Goberno provisional da República catalana" (Sempre en Galiza, Libro I, XV, fins de 1937). Cómpre ler a Castelao, tan esquecido, sempre revelador. Naturalmente pregúntase por que os republicanos galegos que proclamaran en Lestrove a súa fe no sistema federal non consagraran tamén a soberanía de Galiza o día 14 de abril, como fixeron os cataláns. Efectivamente, estas ilusións federalistas dos cataláns quedaron arrombadas por un presente de garantías autonomistas: o Goberno de Madrid recoñeceu o Goberno autónomo de Cataluña e a oficialidade do catalán, entre outras competencias, por decreto do 21 de abril de 1931. O exercicio do dereito de iniciativa polos cataláns deulles froitos, aínda non sendo os desexados. Galiza debeu esperar a unha concesión constitucional. Por certo, a Generalitat recoñecida, anticipándose ás Cortes constituíntes de España, aprobou un proxecto de Estatuto e someteuno a plebiscito popular. Tamén entón as Cortes de España, aínda sen contar con Lei fundamental, con Constitución redixida e aprobada, dedicáronse a adaptalo ao espírito e a letra do que concibían xa como un Estado unitario descentralizado administrativamente. As demandas de Cataluña tampouco entón podían sobardar as prerrogativas constitucionais tal e como as conciben os españois centralistas (hai outros?). Tampouco entón se respectou a vontade do pobo catalán.

,Porén, non sei se o lector se decata xa de que o que non se tolera é a existencia real e a expresión de vontade política por parte de nada que non sexa España, a nación española e o pobo español. Ou dito de outra maneira, que só é posíbel falar de dereito á soberanía política en termos de nación e pobo españois. Polo tanto, non é que esteamos a debater sobre a unidade ou a separación, senón sobre que unidade ou por que a inevitábel separación ou independencia. A este respecto, un pacto federativo real só pode celebrarse consagrando primeiro a soberanía dos que pactan, pois fano en pé de igualdade, para beneficio mutuo e deixando claro que son quen ceden libremente competencias para articular un espazo común de poder político compartido. Mesmo pode quedar claro o dereito a retirarse do pacto federativo libremente tamén. Por iso, non hai terceiras vías reais no escenario político español. A verba federalismo é empregada polos partidos estatais, agora como forma de esconxurar o conflito, dunha forma equívoca, unha farsa, sería como comezar de novo a artellar un estado das autonomías, malia houber disimetrías competenciais máis agudas entre elas. A esquerda española está atada a unha concepción xerárquica onde o Estado española unitario, a nación política única (todo o máis, poden falar de nacións culturais, como foi no seu momento a designación de "nacionalidades"), a primacía do español e a soberanía, así como a centralización dos ingresos fiscais básicos, non son discutíbeis. É sempre o Estado quen concede, é titular, organiza de arriba a abaixo. Nunca é o Estado o produto dun pacto entre nacións ou pobos, que son tamén por si mesmo Estado.

Por exemplo, son curiosas e ilustrativas as reaccións mediáticas españolas durante a II República cando chegou o Estatuto catalán para ser debatido e aprobado nas Cortes. A inmensa maioría foi belixerante até a histeria pois o considerou un desafío. Por que? Porque falaba de Estado catalán, de República federal como un pacto entre nacións iguais, de autonomía financeira, da nación catalá...Para a españolidade era un alternativa de independencia, nin máis nin menos. E mesmo, unha vez rebaixado para adaptalo a un hipotético espírito constitucional, o que a madre patria España exhala, seguírono considerando perigoso. Collamos El Imparcial (domingo, 15 de maio de 1932). Estes son os seus titulares: "La excitación nacional crece día a día. El Círculo de la Unión Mercantil de Madrid dirige un vibrante y patriótico escrito a las Cortes contra el Estatuto". "Los intelectuales españoles rechazan el Estatuto". "Las dos caras de los industriales catalanistas". "Galicia y Castelao"...Parémonos na información referida aos intelectuais, asinada por Santiago Lorenzo. Trátase dunha conversa peripatética con Ortega y Gasset. Preguntado sobre o problema catalá polo xornalista, considera que Cataluña quere ser o que non pode ser, porque o destino nacional está reservado a outros. Acontece que políticos aventureiros e exaltados se aproveitan dun sentimento para convertelo en aspiración política. Empata entón o xornalista, após tan sisudas cavilacións sobre a fatalidade e o destino do mestre Ortega, para advertir que, afortunadamente, os exaltados e aventureiros topan co sentimento de todos os españois que desexan vivir con Cataluña. O amor dos españois non se cega nin co orgullo, tan propio de Castela; tanto é....Non podemos vivir sen ti, irmá! sentencia. Xa está clara a tradición histórica de onde vén o exaltado amor, ese os queremos, enunciado desde as filas socialistas recentemente. Só falta, ¡Visca Catalunya!

Atención especial merece "Galicia y Castelao", asinado por Jenaro de Portochao, Lugo. Naturalmente a posición dos nacionalistas galegos, con Castelao ao fronte, foi nidia: apoiar o Estatuto catalán sen reservas. Por certo, Castelao foi o primeiro en saírse do grupo da ORGA nas Cortes, para actuar con independencia de criterio. O galego servil, agochado en pseudónimo, argumenta: "Galicia no eres tú...somos nosostros". As palabras de Castelao non tiñan valor representativo. Castelao é "un enfermo de espíritu". Non o coñece ninguén, a non ser "a un dibujante genial del mismo nombre". Galiza só quere autonomía administrativa de acordo coas súas capacidades. Galiza é "profunda, sentimentalmente, amorosamente española"....Velaí a nosa tradición de servidume. Claro que é moi mal pagada. Págase co sorriso que produce unha caricatura, aquela que consiste en querer ocultar o que és, imitando servilmente a outros, que te desprezan e se burlan canto poden de ti. Toda unha contribución a aquela aseveración do clásico castelán:"Los gallegos no se colocan en predicamento porque no son nadie". Teño para min que o grave non é falar en nome dunha minoría que quere un país digno e normal. O grave é falar, en nome dunha suposta maioría, para negar a súa existencia como pobo, os seus dereitos, o seu futuro. Esta é a política oficial actual na Galiza. Existimos en 1931 grazas a homes e mulleres como Castelao. Existimos no século XXI, nesta conflitiva fase da globalización, grazas ao nacionalismo galego. Diso no hai dúbida. Como non a hai sobre por que Castelao está agochado e desprezado até a ignorancia e por que o nacionalismo galego está tan atacado, hostilizado e desprezado mediaticamente dentro do propio país e tan censurado e naturalmente ignorado na España.

Espero que se comprenda por que xa non hai terceira vía ou, en todo caso, por que mesmo unha nova unidade aceptábel só se poderá construír a partir do exercicio total da soberanía, isto é, da independencia real de cada unha das nacións. E como sempre, Catalunya vai nisto na vangarda e abrindo camiño.