Acordo lácteo: unha cuestión de fe

Acordo lácteo: unha cuestión de fe

Oxalá teña que “comerme” literalmente este artigo xa que significará que estou errado e as cousa van cambiar, pero non acredito moito nesta metáfora nin nos límites propostos nin nos tempos nos que se ten reafirmado todo este convencemento.

Nestes días nos que asumín en propia carne as demandas dunha xusta remuneración dos produtos saídos do campo, en concreto do leite quixen rememorar todos aqueles anos nos que puiden e quixen traballar de forma máis ou menos acertada ao lado do sector primario, ao lado da xente que como meus pais tentaban saír adiante coa súa suor. E quixen ser optimista e abandonar todas as teses fúnebres que albiscaba a miña mente, renunciando á miña capacidade, por veces, obstinada de ver só o lado negativo. Estaba con cada litro que se derramaba pola terra que teima en producir un alimento para as vacas, con cada centímetro cadrado de pasto que verdeaba insomne aos lados das múltiples estradas, en definitiva en cada recordo perenne de todo aquilo que supuxo para min e para a miña familia un futuro, estar hoxe aquí e poder respirar e regresar ao meu pobo.

E todo isto coa pouca vontade de asumir os excesos, as trampas todas nas que fomos caendo día tras día, na, por veces, cavernícola aura que parece envolver as nosas decisións que como persoas nos levaron a estes termos de inxustiza.

O pasado é represor e convén liberalo de cando en cando, pero está aí e nunca debemos tentar ao definitivo enterramento para non repetir camiños intransitables.

Quería crer, e quedei en silencio até ver o que pasaba, e … que queredes que vos conte, a fe move montañas e nunca mellor dito.

Hoxe teño no meu poder o acordo asinado polas tres forzas sindicais, o Inlac e a Xunta de Galicia. Lin a relín até romperme os miolos tentando atopar na miña propia ignorancia e pouca espabilación un oco no que acubirllame e so puiden dar coa única palabra que define esta misiva orlada: fe.

Quedar todos os esforzos nun papel no que só se mostran intencións é como acreditar en todas as contradicións ou incumprimentos que tivo o partido popular ao longo de seu mandato e á fronte da Consellería do Medio Rural, ou sexa mentira tras mentira, desmantelamento de todo o feito anteriormente que, precisamente, afondaba nas grandes eivas do noso rural e por suposto, permitídeme o exemplo, en poñer ao raposo a gardar as galiñas.

,Pero aínda así, con estes matices tan marcados e con esta indefinición da que vos falo e que podedes comprobar por vos mesmos, fago unha pregunta: se tan interesante é este acordo, tan punible é para as industrias e logra salvar da queima ás explotacións leiteiras que agonizan, porque non se fixo antes? Houbo, polo menos tres anos para poder facelo, dando ese prazo mínimo dun ano para posicionarse, tomar contacto, etc, e non se fixo nada, parecíamos cómplices absolutos desta desfeita e hoxe dun día para outro, foto oficial e titulares da TVG polo medio … resolvemos o problema.

Falar de medidas eficaces e áxiles que melloren a estrutura territorial é de risa, sobre todo porque se ten feito todo o contrario, o banco de terras ( coas súas eivas e acertos, pero lexislado e posto en marcha ) foi totalmente obviado e vilipendiado e, por suposto, desprezado até a súa case nula utilidade. E agora falamos de medidas territoriais, cando rompemos pola base a prohibición de forestación nas terras agrarias, cando esnaquizamos por completo o futuro cunha ordenación territorial seria e rigorosa, hoxe, esa mesma xente ten o suficiente valor como para poñerse diante de todos os cidadáns da Galiza e falar sen vergoña. Algo non funciona, non pode ser.

Outro punto fala do apoio ás entidades financeiras para subministrar cretos circulantes aos produtores a un xuro bonificado, doutra volta favorecendo ás entidades crediticias, pero aínda non tendo en conta este aspecto, é isto o que reclaman as organizacións agrarias? Eu coidaba que as demandas ían por un prezo xusto, por unha dimensión acorde á estrutura dispoñible e, como non, por uns investimentos proporcionais á situación e modo de produción.

Pero aínda resulta moi gracioso cando se pode ler que se apoiará un proxecto de lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, entre elas a posta en marcha dun observatorio público. Isto a min sóame de algo, e a vos? Será que somos o suficientemente imbéciles e escuros, como di o noso himno, que dependendo de onde saen as cousas son acollidas con beneplácito ou non? Sérvelles isto ás organizacións agrarias? Entón creo que temos máis dun problema, creo que había un camiño feito e agora hai non sei cantas explotacións menos e un descrédito total e apatía de cara a uns colectivos no medio rural.

Oxalá me equivoque e teña que comerme todo este artigo, non pasa nada, estarei encantado, pero a fe é moi perigosa e facilmente manipulable. Sexamos dignos herdeiros do noso agro e asumamos coa suficiente honradez e humildade o camiño que fixemos, e comecemos de novo. Aínda hai tempo, pero o rancor non nos deixa ver. Que mágoa.