Acordarse da memoria: eliminación da simboloxía franquista

retirada de la estatua de franco del arsenal de ferrol
Acordarse da memoria: eliminación da simboloxía franquista

"España se olvidó de la memoria" titulaba un comentarista da prensa arxentina a crónica do debate parlamentar sobre a iniciativa do BNG para posibilitar a investigación dos crimes de lesa humanidade cometidos pola ditadura franquista. Sorprendía nese país que rexeitara a proposta defendida por Francisco Jorquera un Estado que asinaba convenios internacionais que declaraba imprescritíbeis eses crimes, que mesmo mandaba a Corte Penal Internacional a quen os comete doutros Estados, perseguindo xudicialmente a xenocidas de Latinoamérica. Un goberno que xustifica bombardeos da poboación civil para executar unha orde de arresto por crimes deste tipo ditada polo devandito tribunal contra o coronel Gadafi. Como non se aplica o conto a si mesmo?

De feito, numerosas veces o Estado Español é reprendido nos organismos internacionais por manter a lei que pretendía modificar o BNG. Mais aquí ninguén se sorprende disto. Tampouco escandalizou que o presidente do Congreso, o Sr. Bono, se negara a condenar o franquismo no 75 aniversario do golpe militar. E non resulta estraño porque xa estamos acostumados a vivir coa dobre moral, co cinismo das palabras baleiras, coa hipocrisía de querer dar leccións aos outros de democracia. De feito, nisto somos educados todos os cidadáns deste Estado, mais alá da cacarexada "Educación para a Cidadanía e os dereitos humanos" que serve de escusa para promover na práctica todo o contrario do que se predica: isto é, impunidade, apoloxía da represión franquista, e esquecemento das vítimas.

Si, apoloxía da represión franquista. Que outra cousa é a simboloxía que aínda campa as súas anchas en rúas, monumentos e locais públicos. Cando se abriu o proceso de elaboración da chamada "lei da memoria" pedíronse moitos sacrificios e concesións a cambio de avanzar nesta cuestión. A lei foi moi insatisfactoria en moitos aspectos, mais niso parecía deixar clara a ilegalidade desta iconografía que exaltaba a ditadura, lexitimando as súas accións e santificando a quen as cometía. Era importante este logro. Compre lembrar que até ese momento quen estaba fóra da lei eramos os que pretendíamos retirar eses ofensivos emblemas. Por exemplo, dous anos antes de aprobarse, no 2005, aínda tivemos que acudir ao xulgado de Lalín para solidarizarnos co profesor Manuel Igrexas, denunciado por retirar a placa da "Calle General Franco" nese concello.

O artigo 15 recollía: "As Administracións Públicas no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas para a eliminación de escudos, emblemas, placas e outros obxectos conmemorativos ou mencións de exaltación persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura. Estas medidas poderán incluír a eliminación de subvencións ou axudas". Isto levantou moitas esperanzas. Logo de máis de 30 anos agardábase que se procedese a unha limpeza total destas inxuriosas representacións. Mais non foi así. Compre lembrar que logo de tanto tempo xa se tiñan producido algunhas mudanzas significativas nalgúns Concellos promovidas por gobernos de esquerda e nacionalistas. Un caso exemplar é o de Pontevedra. Mais a lei podía servir para unha deslexitimación institucional e global do franquismo, porén a cousa continuou como antes, isto é, nas mans da iniciativa particular, sectorial e local que, con algo máis de aval, trataban de desterrar pola súa conta estes infaustos distintivos.

E nesa liorta andamos. Vémonos outra vez abocados a dar o debate cuns herdeiros do anterior réxime que rexeitan renegar do seu pasado ou da súa tradición ideolóxica. Concello por Concello, rúa a rúa, casa a casa... discutindo no medio dunha cerimonia da confusión onde as escusas e distraccións coas que se pretende evitar a execución da lei esixen unha persistente e mobilizadora actitude pola nosa banda. Alí onde non se propoña, de oficio, iso non se vai facer por quen está conforme coas prácticas e ideoloxía do franquismo. E onde se faga a proposta imos a levar moitas sorpresas. Sobre todo polo comportamento do PSOE. A través de múltiples subterfuxios tratarase de impedir que se leve a cabo esta erradicación alegando problemas cos veciños desa rúa, que o nome é dunha familia local, que a persoa sinalada non cometeu ningún crime, que a referencia non cae dentro da definición de simboloxía franquista, etc. Mais sobre todo: hai cousas máis importantes que discutir por un nome. É posible que mesmo se apele a crise para eludir tratar o asunto. Mais non debemos desistir no noso empeño como non o fixeron os nosos inimigos a hora de erixir esa simboloxía e mesmo, de mantela neste momento.

Non terían máis crise e necesidade cando os trocaron anteriormente? non tiñan outra cousa mellor que facer en plena guerra cando procederon a mudar os nomes anteriores de rúas? E non só de rúas, mesmo de topónimos. E non me refiro só a "Ferrol del Caudillo" e moitos outros pobos e cidades (algún como Barbate de Franco chegou até 1998 con ese alcume). Lembremos que un pobo toledano que tiña a desgraza de chamarse Azaña (vocábulo mozárabe que significa noria) desde a idade media, pasou de súpeto a chamarse Numancia (polo nome do rexemento que a tomou) e de la Sagra (pola Comarca), e así lle quedou aínda hoxe.

A simboloxía do franquismo é o conxunto daqueles nomes, rótulos e imaxes que se utilizaron como referente icónico para identificar visualmente ao réxime. Nel podemos incluír toda a parafernalia que de xeito institucional se instaurou desde 1936 co fin de lexitimar e sacralizar o réxime e que até 1977 case non sufriu modificacións. Logo desa data, o proceso no que foron suprimidos dos seus ornamentos algúns elementos que aparecían en escudos e carimbos do Estado tardou aínda uns anos en sustanciarse definitivamente. Con todo, compre facer unha lectura moi retorcida do concepto de "simboloxía franquista" para xustificar as exclusións que se están a facer.

Hai posicións extremas como a do alcalde do PP de Beade que non entra en discutir a definición da simboloxía senón que se nega ostentosamente a acatar a lei. Lembremos o que recolle a acta do pleno no que se rexeitou a moción do PSOE: "Maniféstase o rechazo da moción polo grupo de goberno, dado que o propio PSOE, partido que aprobou a Lei, retirou do artigo 17 a que afectada as comunidades autónomas e concellos de suprimir os signos franquistas, dado que non existía un valor xurídico real para elo. Asemade, a Lei refírese unicamente aos escudos, placas conmemorativas ubicadas en monumentos e edificios públicos de titularidade pública estatal, limitándose a Lei a facer recomendacións de actuacións similares para os que afecten a comunidades autónomas e Concellos. A maior abondamento, o artigo 15 manifesta que o Goberno colaborará coas comunidades autónomas e entidades locais na elaboración dun catálogo de vestixios relativos á Guerra Civil e a Ditadura, circunstancia que aínda non se produciu". En definitiva, as leis españolas non afectan ás comunidades autónomas nin aos concellos, só aos edificios de titularidade estatal... Indenpendentista? Cantonalista? Non, simplemente, que se pode agardar de quen celebra o 20 de novembro unha misa a Franco?

Mais o lóxico é que diante da imposibilidade de argumentar, en vez de atender a tan peregrinas consideracións, se opte por adiar sine die esta cuestión sen nunca dicir claramente que NON. Mesmo, anunciar unha posición favorábel que endexamais se concretará. Véxase a posición de Abel Caballero a respecto da Cruz do Castro. Mais, a opción maioritaria é por en cuestión o carácter de icona franquista dun nome ou dun rótulo para evitar a súa supresión.

Os fascistas locais quedan exentos porque se atribúe o seu recoñecemento ao contributo feito ao seu concello (como cargo institucional ou benfeitor da comarca) e non pola súa militancia. Esta é unha opción á que se acolle desde pequenos municipios como Cerdedo ou Forcarei, até cidades coma Lugo, de alcalde nominalmente socialista. As veces tamén son eximidas as denominacións de persoas que non participaron directamente no Franquismo como é o caso de Calvo Sotelo, que en moitas vilas e cidades preside espazos principais. Calvo Sotelo é xunto con José Antonio, Onésimo Redondo, Ramiro de Ledesma e outra serie de mártires da causa, nomes profusamente acuñados para servir de coartada para xustificar os crimes cometidos, xusta vinganza ao seu xuízo pola morte destes vultos do fascismo español. No caso galego, pola súa orixe, será o primeiro o que máis se prodigará. E así, alcaldes socialistas, alegando que esa figura non manchara as mans de sangue, negáronse a borrar o seu nome do rueiro (véxase o caso da Estrada).

Outras referencias, como a institucións ou organismos do Estado (IRYDA, ICONA...), datas ou feitos, sempre que fosen alcumados coa mesma intencionalidade propagandística e representen o ideal que sustentou o franquismo, son igualmente simboloxía franquista. Acaso "Cruceiro Baleares", como denominación de rúas e centros de ensino, responde a outra cousa que enxalzar a xesta criminal deste buque ao servizo dos sublevados contra o goberno democrático?

Cando xa non quedan argumentos, aínda haberá quen alegará os trastornos causados aos comercios, veciñanza, usuarios... que viñan usando unha determinada denominación. Sabemos das prácticas de quen isto di cando lle convén usar propagandisticamente os rótulos é capaz de cargarse centos de anos de historia por un capricho puntual. Non respectan a microtonimia nin os usos populares, lánzase a chantar o alcume que lle peta como un elemento máis dunha determinada campaña mediática para os seus fins inmediatos. Non me refiro só a cando hai algún morto en aventuras imperialistas como aconteceu cos de Afganistán que pasaron de súpeto de dar a súa vida polos inconfesables intereses de quen os enviou a eses paraxes a figurar no nomenclator do Concello.

,Un dos casos máis paradigmático é a rúa na que se atopa o arquivo de Salamanca, antigamente chamada "Xibraltar". E cando digo antigamente, compre lembrar que desde aí atopou Francisco Rodríguez cartas remitidas a Rosalía de Castro hai máis dun século. Seguramente a denominación remóntase até cando aínda en salamanca as "calles" se lle chamaba "rúas" pois homenaxea aos salmantinos que foron combater a ese lugar baixo as ordes de Alfonso XI no século XIV (aínda non había Ingleses alí). Pois ben, o PP, nun arrouto do seu alcalde, cando o conflito da devolución á Generalitat de Cataluña dos seus documentos depositados no arquivo, adoptou a decisión de mudarlle o nome e chamar "Rúa do espolio". Non tivo en conta os prexuízos causados a miles de investigadores que ían na busca do arquivo que hai nese enderezo, nin aos veciños, nin á historia. É esta xente quen alega que mellor é non andar cambiando nomes polas molestias que se puideran causar. Compre lembrarlle o que fan e, sobre todo, o que fixeron. As "molestias" que causaron 40 anos de represión franquista.