Achégase pois, o Día Internacional da Muller Traballadora

Achégase pois, o Día Internacional da Muller Traballadora
Está cada vez máis preto. Achégase, máis un ano, o día no que as rúas se tinguen de violeta, no que as cidades e vilas substitúen a axitada rutina por berros colectivos, no que os postos de traballo e as aulas dos institutos, facultades e centros de FP quedan medio baleiros. Achégase pois, o Día Internacional da Muller Traballadora.

Se ben é certo que a historia respecto as orixes do 8 de marzo é confusa e hai eivas sobre a mesma, en parte polo interese de que se descoñeza, non me gustaría enfocar este artigo como unha papeleta informativa, máis ben como unha reflexión a compartir.

Resúltame imposíbel non mencionar, aínda que sexa a grandes trazos, cal foi a orixe desta data sinalada. O berce do 8 de marzo está nas revoltas das mulleres traballadoras, na loita pola conquista ao voto das mulleres socialistas norteamericanas, no choque directo co sistema capitalista que incorporaba ás mulleres nas fábricas pero impedía a súa participación na vida política, limitando o noso tempo de vida ao traballo remunerado e ao traballo no fogar. A nosa devanceira camarada Clara Zetkin, militante comunista alemá, comprometida coa loita socialista e coa cuestión da muller, propuxo no 1910, na Segunda Conferencia de Mulleres Socialistas, establecer un día internacional para as mulleres traballadoras. E non, non é anecdótico, que un 8 de marzo (segundo o calendario gregoriano) do 1917 se iniciara en Petrogrado unha folga encabezada polas mulleres dunha fábrica que daría comezo a unha das maiores revolucións da historia da clase traballadora, a Revolución Soviética.

É este, que non outro, o sentido da folga de mulleres.

Sen dúbida os contextos son ben distintos. Non podemos comparar a Rusia zarista coa Galiza do 2019, nin sequera podemos dicir que o 8 de marzo siga tendo o mesmo contido actualmente. Vivimos unha crise política atroz, co ascenso da ultradereita a nivel mundial, co individualismo e a competitividade aumentando a causa das ferramentas que o liberalismo emprega dunha forma tan astuta que dá medo. Aprópianse e baleiran de contido loitas como é o feminismo, quen colleu gran forza nestes últimos anos, no cal tivo gran relevancia a “guerra mediática” dirixida polo Capital. Cando unha das ferramentas máis poderosas do sistema difunde e apoia unha folga temos dous problemas: o primeiro é que infravaloran o noso medio de loita máis prezado, facéndoo irrelevante, deixa de molestarlles, dálles igual. O segundo é que a sociedade cálmase, aínda que sae un día ás rúas a manifestarse polos dereitos das mulleres, ao día seguinte volve a súa rutina coma se nada pasase.

Hai tres conflitos claros que non son separábeis uns doutros. O conflito de xénero, o de clase e o nacional. Cando se producen mobilizacións que analizan a realidade galega conxugando os tres factores, nin os mass media nin os dirixentes políticos do Estado español din unha soa palabra que non sexa a resposta ofensiva. Isto é facilmente palpábel no eido estudantil, cando unha organización convoca unha folga con reivindicacións propias das fillas da clase traballadora galega, as activistas estudantís percorren os centros de ensino, fan asembleas, utilizan as súas redes e intentan dar a maior visibilidade tanto a convocatoria como ao contido da mesma, porque non se espera ningún tipo de axuda do inimigo, e así debe ser, se non fora así teríamos que reflexionar sobre que é o que falla na fórmula utilizada.

Dende a implantación do réxime monárquico español, os cambios foron mínimos se nos paramos a analizar pormenorizadamente o funcionamento do sistema económico e social. Seguimos vivindo nunha sociedade de clases e colonial perpetuada polas forzas políticas estatais, e o sistema educativo, de onde sae a futura maquinaria produtiva e reprodutiva, non está exento disto. Se falamos da cuestión de xénero, na Galiza están aumentando o número de colexios concertados que segregan por sexo aínda hoxe e discriminan as mulleres das clases populares dun sistema elitista que só busca formar ás minorías sociais. Nos libros de texto non se estudan a mulleres que ao longo da historia tiveron relevancia en distintos campos, do mesmo xeito que continúan silenciándose revoltas que foron levadas a cabo ou iniciadas por elas. No ensino universitario vemos claramente a diferenciación entre unhas carreiras e outras, nós somos as coidadoras polo que nós estudamos todo o que teña que ver coa rama educativa e/ou dos coidados, e os homes coa ciencia. Nin nos centros de ensino medio, nin no universitario, hai un mínimo de preocupación polos coidados da nosa hixiene íntima, converténdose para variar, noutro dereito que se converte en privilexio segundo as normas do comercio. Non recibimos unha educación sexual que remate cos tabús e permita desenvolvernos en igualdade de condicións que os homes nin como construír lazos emocionais minimamente sans nos que prime o respecto mutuo.

Eu, como estudante, farei folga este 8 de marzo e chamo a todas as mulleres a que o fagan, e desta vez, que moleste.