Acertar coa hora certa
O interese de Alemaña –sempre Alemaña- está a provocar que se cuestione a existencia de horarios de verán e inverno diferenciados na Unión Europea. A Comisión semella disposta a ter iniciativas no curto prazo para tal fin, algo que o Goberno do Estado español tería intención de secundar. Non se sabe aínda cal sería a opción escollida, se manter a actual hora oficial do verán ou a de inverno, que é considerada a hora base pois é a amplamente maioritaria no mundo xa que todos os países a teñen invariábel ao longo do ano agás Europa e Norteamérica, nas que segue vixente o cambio de hora a comezos da primavera e do outono. Porén, fronte ás decisións que poidan tomar instancias tan elitistas e fallas de lexitimidade como as citadas, ás galegas e galegos interésanos que o debate colla outras coordenadas e, en función del, podermos decidir segundo os nosos intereses.
Porque o que lle afecta a Galiza en primeiro lugar é a falla de coincidencia da hora solar coa hora legal e non tanto o troco horario temporal. E para solucionar iso cumpriría termos soberanía para decidir sobre as nosas cousas, para que o ritmo das nosas vidas non nolo marquen dende fóra, en ámbitos onde a nosa saúde, benestar ou economía importan ben pouco.
O que é.
De xeito aproximado Galiza ten unha posición xeográfica situada entre os 7º e os 9º de lonxitude oeste (6º43’ nos montes ao leste de Casaio e 9º17’ nas costas máis occidentais de Touriñán). Isto indícanos que hai unicamente sobre 10 minutos de diferenza entre a hora solar dos estremos oriental e occidental do país; dende este punto de vista somos un país bastante homoxéneo, que non presenta diferenzas significativas. Ao tempo, e dado que o meridiano de Greenwich é o primeiro dende o que se contan os seguintes 23 para marcar as horas do día, en horario solar, e que cada fuso (áreas terrestres con esa forma, comprendidas entre os citados 24 meridianos principais) ten 15º de largo, esta situación xeográfica sitúanos no límite entre o fuso horario GMT e o GMT-1. Isto explícase porque a cada lado leste e oeste do meridiano de Greenwich hai 7º30’ para definir ese horario GMT. Portanto, o leste de Galiza está dentro do GMT e o centro e oeste galegos coincide dentro do GMT-1. Unha liña (meridiano) que pasa por Xove, Lugo, Monforte e Verín define esa separación de fusos horarios, o cal non deixa de ser un simples convencionalismo, iso si, ben arraigado e que rexe tantos aspectos das nosas vidas.
Esta é a realidade xeográfica. Porén, a adopción dun fuso horario ou outro é unha decisión política. A nivel da xeografía compartimos con Portugal e Irlanda ese meridiano que deixa o leste dos respectivos países no GMT e o oeste (a meirande parte) no GMT-1. Porén a súa decisión foi a de integrarse no GMT, malia a estar en grande medida máis alá dos seus límites. No caso galego, nos anos 40 do pasado século, o interese do franquismo fixo coincidir a hora legal do Estado español co dos outros países feixistas de Centroeuropa, o GMT+1, que se corresponde xeograficamente co meridiano que separa Alemaña de Polonia e pasa por Italia. Nós estamos a 2.000 quilómetros de distancia desa liña, o que equivale a estar case dúas horas afastados da hora solar que nos corresponde: o occidente galego, a zona máis poboada do país, ten unha hora e tres cuartos de diferenza. Estando boa parte de Galiza no GMT-1 a hora legal imposta é a GMT+1.
As consecuencias negativas nos nosos ritmos de vida, na saúde, as implicacións económicas e sociais son cada volta máis evidentes e para nada desprezábeis. Madrugarmos para asistir ao traballo ou estudos, erguermos coa noite pecha, deitármonos non antes de o sol desaparecer fai alongar os horarios laborais en prexuízo do descanso. Dende o ámbito científico indican a perda de calidade de vida que isto supón, pero sobre todo sinalan o baixo rendemento, os riscos de accidentes laborais ou de tránsito, a imposibilidade de conciliación da vida persoal, o dispendio enerxético entre outras consecuencias.
E aínda o problema pode verse agrandado se das dúas opcións que estudan nesas instancias, tan afastadas da realidade e dos intereses galegos, se optar por manter o actual horario de verán. De ser así, galegos e galegas estariamos medio ano, os meses invernais, a case 3 horas de diferenza entre a hora legal, que goberna os nosos ritmos de vida, e a hora solar, á que nos fomos adaptando ao longo dos milenios. Así continuariamos a padecer o desatino de que o sol se puxese preto das 23 horas no verán, pero tamén a que nos tocase erguer unha hora antes da xa desaxeitada hora actual, e daquela, tivésemos que espertar dúas ou tres horas antes do amencer en pleno inverno e asistir a aulas, ao traballo ou a outras actividades case en plena madrugada. Todo isto porque alguén decide por nós a nosa hora oficial e faino a miles de quilómetros de distancia e pensando noutras coordenadas.
O que debera ser.
A realidade xeográfica galega impón que a hora legal que nos corresponde e debéramos ter é a GMT-1 (dúas horas menos cá actual) ou, de querermos concordar co noso ámbito atlántico, a GMT (unha hora menos que a que agora temos). A partir de aquí, de adaptar o noso fuso horario á situación xeográfica, a Galiza interesaríalle que –de non trocarse o horario en verán e inverno- prevalecese o horario invernal.
Para iso Galiza necesita decidir por si propia en función dos seus intereses, precisa soberanía e non que as disposicións veñan tomadas de fóra sen sequera escoitar a nosa voz. E menos nun tema de tanta transcendencia a todos os niveis, dende a vida cotiá até os agregados macroeconómicos.