Acabou a historia, comezou a xeografía
Coa palabra 'historia' referímonos a dúas cousas diferentes: á dialéctica xeral da Humanidade, cambiante ao longo do tempo, mais tamén á ciencia que estuda ese proceso. Por iso os que falan do remate da Historia ampáranse nun eufemismo: tras o argumento insostible de que a sociedade acadou unha meta insuperable (o neoliberalismo), pretenden convencernos da inutilidade de indagar no pasado, de cultivar a memoria.
A decisión de enterrar a Historia adoptouna recentemente a dereita radical, entusiasmada pola caída do muro de Berlín. Pero xa viña de antes unha campaña de descrédito da súa fiabilidade científica, debida á emerxencia posmoderna, tanto na versión canónica do pensamento feble como nunha adherencia aínda máis feble, o "pensamento confuso". Afírmase que os "grandes discursos" son unha moda do pasado, xa que o mundo nin vai nin vén; vive ao día sometido a sacudidas imprevisibles, carentes de sentido histórico. Como proclamaba un petulante publicista alemán, «a mediados do s. XIX aínda ningúen sabía o que era o proletariado; a finais do XX xa non o sabe ninguén». O movemento obreiro non foi máis que unha incidencia, felizmente superada.
Ao supoñer que os acontecementos históricos están suxeitos a causalidades indeterminables, cóidase que son irredutibles a esquemas simples. Mais esta visión críptica esquece que a Historia é necesariamente sintética, pois na explicación do pasado cómpre peneirar a inmensa casuística e optar polos factores significativos, desbotando as infinitas continxencias humanas. Se non fixésemos isto, atoparíamonos ante a vida mesma. E isto é xustamente, na súa dimensión colectiva, o que a Historia quere explicar, facéndoo sinteticamente comprensible. Contemplados en perspectiva, os resortes que moven as sociedades non son tan complicados nin incomprensibles para o común dos mortais. Se non se entenden é que están mal expostos.
Tras a acertada crítica á "modernidade" no sentido de que a Humanidade non se dirixe cara a ningunha meta prefixada, e o consecuente abandono da esperanza nun curso histórico ascendente, o pensamento feble dá un chimpo inxustificado ata a conclusión de que nin sequera existe evolución causal, o paso racional duns estadios a outros, determinado por decisións humanas colectivas, non proxectables cara ao futuro, pero si obxectivamente explicables. Propónsenos, en cambio, a observación de acontecementos descontextualizados, posto que se nega a existencia de contexto histórico.
Así, privada do fío argumental, da columna vertebral que a fai comprensible, a Historia fica reducida a anécdotas: a chamada historia en migallas. A existencia humana fica sometida á tiranía arbitraria de forzas telúricas, incontrolables. E, no entanto, o estado de cousas actual, unha vez negado o seu carácter de sistema dependente das nosas decisións, se consolida como o realmente existente, que nin podemos alterar no seu conxunto nin merecería a pena facelo.
A verdadeira Historia, que é ciencia do gran discurso da Humanidade, convértese nunha sospeitosa actividade subversiva. Houbo un tempo en que a xuventude e a esquerda en xeral se preocupaban por asuntos históricos, tales como a explotación do traballador, a agresión imperialista, a inxustiza, a desigualdade e cousas polo estilo, coidando que a vontade humana e a loita solidaria o podían cambiar.
Fronte á gran proxección adquirida en décadas pasadas, agora a Historia redúcese aos seus aspectos máis utilitarios. Obsérvese como a asignatura se fixo borrosa nos currículos escolares, disimulada no conxunto das denominadas "ciencias sociais", e se acompaña de reforzos ideolóxicos de formación cívica (co aplauso da esquerda desorientada). O papel que se lle asigna, na coidada programación de anacronía retrospectiva prevista pola «ideoloxía historiográfrica», é o de explicar o presente como meta inevitable dun camiño emprendido hai moito tempo, e xustificar o existente como o mellor posible: o civismo e a democracia por antonomasia.
Por tanto, acaba a Historia... e empeza a Xeografía.
Como a xente precisa de argumentos para entender as cousas, o poder bota man da Xeografía, coa que pensa desviar a atención dos problemas acuciantes e reais (paro, salarios, desigualdade escandalosa, guerra). Non é que esta ciencia sexa en si mesma neutra, pois a Xeografía foi sempre «un arma para a guerra» e as clases dominantes valéronse dela «para exercer o poder», pero «o discurso xeográfico exerce unha función embaucadora», xa que as súas afirmacións semellan neutras e, pola enorme envergadura dos seus factores, os seus efectos fican por completo fóra do alcance das nosas modestas posibilidades de intervención (¿quen pode parar o jet stream ou apagar un volcán?). Por tanto, a causa das vicisitudes sociais non se debe procurar na Historia, pois dependen do curso inexorable da Natureza.
A Xeografía Humana tennos ilustrado ultimamente con capítulos saborosos, cando toda a atención se dirixiu ás temibles epidemias sucesivas de gripe aviar e porcina, como se fosen unha reedición contemporánea da Peste Negra.
Mais sen lugar a dúbidas a Xeografía Física é a rama preferida, porque é moito máis impersoal.
Durante anos vivimos preocupados pola preservación das selvas amazónicas: aí radicaba a clave da pobreza en Latinoamérica... e non podíamos facer nada!. Debe estar resolto, porque hoxe xa non se fala diso. Logo descubriuse que os desaxustes terráqueos debíanse a un burato no ozono celeste, que casualmente afectaba de maneira directa ao Terceiro Mundo (non o imperialismo, como pensaban os antigos), pero o uso responsable dos sprays logrou restablecer a capa, do que se deduciría que a sorte deses países debeu mellorar. Nada máis lonxe da realidade: anúnciase que no futuro váilles ir aínda peor, por culpa do cambio climático. Acábase de descubrir que o clima da Terra é cambiante, e para corrixilo convócase mobilización universal, baixo a acertada dirección dun ex-vicepresidente norteamericano e o explícito compromiso dun ex-presidente do Congreso español. Podemos confiar no seu fracaso: o clima seguirá cambiando e a Terra continuará xirando e desprazándose polo espazo sideral.
¿Que acontecerá cando este tema non dea máis de si?. Haberá quen repare na inminente catástrofe que vai provocar a deriva continental, a desbocada navegación magmática dos continentes, prestos a desgarrarse e colisionaren uns cos outros. Alguén demandará a nosa atención e proporá inmobilizar os continentes.
Semella absurdo, mais todo é posible. Xa dicía Göbbels (ministro de Información e Turismo de Hitler) que as maiores simplezas son efectivas mediante a oportuna campaña mediática e grazas á nosa natural irreflexión. O ser humano pode crer cousas incribles, hoxe exactamente igual que hai dous mil anos.