Aborto e liberdade
O aborto no centro da polémica, mais unha vez. A Conferencia Episcopal, Gallardón, o PP e os lobbies antiabortistas exhiben os seus argumentos co obxecto de xustificar unha contrareforma que prive ás mulleres do control da súa maternidade, do seu corpo. Aprópianse con descaro de palabras e conceptos que nada teñen a ver coas súas (reaccionarias) ideas. Eles non defenden nin a vida, nin a liberdade, nin a maternidade libre, nin a igualdade. Porén, usurpan o xenuíno significado destas palabras nun intento de decantar á opinión pública cara esta posición.
Confeso que había tempo que non me sentía tan agredida como muller. Indigna ver a personaxes como os citados, acusando ás mulleres de cometeren un delito cando deciden interromper o seu embarazo. É insultante escoitar que interromper o embarazo é un acto de violencia sexista. A ciencia e a racionalidade dannos á razón, mais iso non lles importa nesta nova cruzada contra o dereito das mulleres a decidirmos sobre o noso corpo e a nosa vida.
É coñecido que os abortos inseguros son unha das principais causas de morte das mulleres no mundo. Cifran en 47.000 as mulleres que morren cada ano por interromper o seu embarazo de forma clandestina e insegura. A ONU ten alertado sobre o grave problema que supón limitar o acceso ao aborto. Coido de interese reproducir algunhas das recomendacións que sobre este asunto ten realizado a OMS:
“As lei penais que sancionan e restrinxen o aborto inducido son exemplos paradigmáticos de barreiras inaceptábeis para a realización do dereito das mulleres á saúde e deben ser eliminadas”
“O Estados deben tomar medidas para garantir que os servizos de aborto legal e seguro sexan asequíbeis, accesíbeis e de boa calidade”
“Aínda que se atopa ben documentado o impacto psicolóxico da búsqueda dun aborto ilegal ou de levar a termo un embarazo non desexado, ningunha evidencia correspondente respalda a existencia dunha secuela de saúde mental a longo prazo como consecuencia dun aborto optativo”
A maternidade é unha decisión íntima, persoal e intransferíbel das mulleres. Ninguén pode ou debe interferir na mesma. Para poder ser libre, deben existir opcións. Tanto para quen decida levala a cabo, como para quen non. O código penal non pinta nada neste asunto. Os valores morais ou relixiosos tampouco. É cada muller quen debe decidir como os aplica. Como temos dito -ate a saciedade- a recoñecemento do dereito ao aborto non obriga a ninguén. É a garantía de que as mulleres sexan libres para decidir. Mais, teño o convencemento, de que é precisamente esa liberdade a que tanto molesta e lles asusta!