Aborto e dereitos fundamentais da muller

Coa aprobación da actual lei reguladora da interrupción voluntaria do embarazo, a Lei 2/2010, abordouse frontalmente o aborto como institución xurídica autónoma vinculada á autonomía procreativa da muller, que deixa de relacionarse co Código penal. Pasouse, desde un tratamento despenalizador, iniciado en 1983 e que se prolongou durante vinte e sete anos, a outro que consiste no modelo de prazo con asesoramento complementado co sistema causal por motivos médicos.
No artigo 14 da lei en vigor, dentro das catorce primeiras semanas do seu embarazo, a muller pode decidir, sen alegar ningún motivo, interromper a xestación unha vez transcorridos tres días despois de recibir información relacionada coa intervención médica necesaria para a práctica do aborto, coas axudas públicas existentes en caso de que decidise continuar co embarazo, coa atención sanitaria durante o mesmo e chegado o momento do parto e cos dereitos laborais vinculados á maternidade.
No sistema de despenalización négase a autonomía da muller ao longo de todo o embarazo para rexeitar a maternidade non desexada privándoa, deste xeito, do exercicio de dereitos fundamentais como son o libre desenvolvemento da personalidade, a integridade física e moral, a liberdade ideolóxica e relixiosa (isto é, a liberdade de ideas e crenzas ou a ausencia delas), a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, proclamados respectivamente nos artigos 10, 15, 16.1 e 18.1 da Constitución e recollidos en declaracións universais e en tratados e convenios asinados polo Estado español.
Mais, alén da conculcación de dereitos fundamentais da muller que supón o regreso ao sistema de despenalización que propón o actual goberno, aténtase de novo contra a seguridade xurídica, principio constitucional proclamado no artigo 9.3 CE, ao facer recaer a responsabilidade penal nos facultativos que interveñen no aborto e mais nas propias mulleres que se ven abocadas a xustificar a interrupción do embarazo non desexado en causas taxadas que, na maior parte dos casos, non se corresponden coa real pola que deciden abortar. O sistema de despenalización, en definitiva, está inspirado na hipocrisía social e política de quen formalmente se opón ao aborto e materialmente deixa abertos portelos para a súa práctica efectiva. Como se explica se non o feito de que desde xullo de 2010, en que entrou en vigor a actual lei de prazos, non se incrementasen os índices de abortos practicados en España con respecto aos anos anteriores en que rexía o modelo anterior? Isto é, o lexislador que opta por regresar á despenalización está a propor implicitamente que se vulnere unha regulación legal totalmente desaxustada coa sociedade para a que se promulga esa lei. Con esta actitude, agora viólase tamén o principio constitucional da legalidade (art. 9.3 CE) e foméntase a fraude da lei.
Coa derrogación da Lei 2/2010, en definitiva, o que pretende este goberno consiste en privar á muller da capacidade de decisión amputándolle dereitos fundamentais que limitan o desenvolvemento da súa personalidade. Ademais, con esta postura fronte ao aborto, o Partido Popular está realizando un percorrido cara ao pasado con respecto aos países da contorna. Reino Unido (desde a Abortion Act de 1967), Francia (desde a Lei Veil de 1975), Italia (desde 1978), Alemaña (desde 1993) e tamén Portugal (desde a aprobación en referendo no ano 2007), manteñen en vigor o sistema de prazos no que a muller, nos primeiros meses de embarazo, decide libremente sobre a continuidade ou non da súa xestación. Tan só Irlanda hoxe constitúe unha illa xurídica na que se segue penalizando a práctica do aborto.
E que sucede en Estados Unidos neste eido? Pois, neste país, desde hai corenta anos xustamente en que a Corte Suprema ditou a sentenza Roe v. Wade, recoñéceselle á muller o dereito ao aborto durante o primeiro trimestre do embarazo en virtude do seu dereito constitucional á intimidade. Son ilustrativas as seguintes palabras que pertencen a esta resolución xudicial: Se o dereito á privacidade significa algo, é xustamente o dereito do individuo, casado ou solteiro, a non sufrir intromisións do goberno en asuntos que afectan tan radicalmente a unha persoa como a decisión de enxendrar e ter un fillo. Deseguido, o Tribunal fixa tres etapas indicando para cada unha delas se pode ou non ser interferida a decisión da muller:
Na primeira etapa, que comprende aproximadamente os tres primeiros meses do embarazo, prevalece o dereito á intimidade da muller proclamando que lle corresponde a ela decidir sen interferencia de ninguén sobre a continuación ou a interrupción do embarazo sen que o Estado poida ditar medidas que impidan o exercicio do dereito constitucional á intimidade. Nun segundo período, que comprende aproximadamente o segundo trimestre de xestación, o Estado pode regular a práctica do aborto estabelecendo os casos e as condicións en que se realice.
Na terceira etapa, recoñece o Tribunal que os Estados poden lexitimamente prohibir o aborto, incluíndo sancións penais, agás nos casos en que a súa práctica sexa necesaria para a vida ou a saúde da muller.
Eran os xuíces da Corte Suprema de Estados Unidos que ditaron esta sentenza especialmente progresistas? Non, ao contrario. A maioría deles profesaban ideoloxía conservadora e foran nomeados polo presidente republicano Richard Nixon. Simplemente, proclamaron que a intimidade e a liberdade de cada muller prevalece sobre as intromisións ideolóxico-relixiosas que poidan profesar outras persoas.
Por que o goberno vai derrogar, logo, a Lei 2/2010? Porque segue os ditados do catolicismo oficial representados pola Conferencia episcopal que preside Rouco Varela, moi preocupada pola vida das persoas antes do seu nacemento e despois da súa morte e esquecida totalmente do sufrimento das mulleres vivas que teñen o dereito a decidir ser nais ou non.