A XIII ASEMBLEA NACIONAL DO BNG
Cómpre comezar por deixar claro cales foron os resultados que as distintas candidaturas obtiveron en relación cos de hai case tres anos, para valorar cal foi a evolución das distintas correntes neste período. Pois ben, na votación das candidaturas para o Consello Nacional, Alternativa pola Unidade obtivo o 48,76% dos sufraxios, Para un novo Proxecto Común, Refundación e Rexeneración (+G e EI), o 45,65 % e o Movemento Galego ao Socialismo, o 5,59%. Na Asemblea anterior, no 2009, o resultado fora, respectivamente, o 45,29%, o 51,59% e o 3,13%. Á vista está que se produciu un avance de Alternativa pola Unidade de tres puntos e medio e do MGS de dous puntos e medio. A importante porcentaxe obtida por "Para un novo Proxecto..." é inferior en 6 puntos á conseguida pola suma de EI e +G na Asemblea de Maio de 2009. Esta é unha consideración obxectiva. Tan obxectiva como o indubidábel pluralismo ideolóxico e político dentro do abano nacionalista, organizado ou non internamente, que existe no BNG. Por iso é unha fronte, non un partido.
Se nas candidaturas á presidencia da Xunta xa na primeira votación foi electo o candidato da Alternativa pola Unidade, Francisco Jorquera co 53,37% no caso da Portavocía nacional necesitouse unha segunda volta por non ter acadado ninguén máis do 50%. Realizada a segunda votación, foi electo portavoz nacional o candidato da Alternativa, Guillerme Vázquez, tamén polo 53,95%. Resultado ao que colaborou coa súa contribución o Movemento Galego ao Socialismo.
Outra consideración obxectiva é a esmagadora aprobación do relatorio base, das teses política e organizativa. Para a Alternativa pola Unidade era esta unha cuestión central, vital, do proceso asembleario. Porque estaba en causa manter a traxectoria e a función histórica do BNG, actualizando, pondo ao día as análises con propostas e alternativas de actuación concretas. Nun contexto de caos e confusión ideolóxica e política, a clarificación do nacionalismo resulta esencial para unha acción social audaz e contundente, acorde coas necesidades do pobo galego, nesta etapa de globalización. Non é, pois, casual, que a cuestión da Unión Europea, como espazo globalizador, estivese no centro do debate asembleario. En consonancia coa tradicional interpretación do BNG, que, desde o seu nacemento, sempre criticou e se opuxo a este modelo de Unión Europea, polas súas desastrosas consecuencias para o pobo galego, o relatorio actualiza o seu significado hoxe para as maiorías sociais, pondo de manifesto como é un espazo económico e político ao servizo dos oligopolios. As nacións sen estado, a periferia europea, as maiorías sociais, a democracia, para os individuos e os pobos, non son os alicerces do modelo de UE en marcha. O relatorio aprobado define con precisión cal é o modelo que o nacionalismo galego defende. Nada a ver co proceso en construción, que indican rexeitarán con todas as súas forzas. Tamén foi centro de debate a cuestión da autonomía, analizando a evolución do modelo autonómico e os límites constitucionais a este respecto. É unha cuestión crucial non só para defender socialmente a superación do marco autonómico, por obsoleto e inadecuado para resolver os problemas de Galiza, senón tamén para comprender por que se necesita un cambio constitucional a favor das maiorías sociais e da capacidade de decidir as nacións que integramos o Estado. Para unha forza política nacionalista e ao servizo das clases populares, con posibilidades de acceder ao goberno da Xunta, esta análise resulta imprescindíbel. Trátase de sermos conscientes de en que condicións, con cantos límites, gobernaría o nacionalismo, para deseñar unha acción de goberno que non frustre, ao tempo que anime e incentive a superar eses límites impostos desde fóra. Polo demais, o relatorio aporta novidades para mellorar a estrutura organizativa do BNG, de forma que se incentive a participación da militancia, a responsabilidade e a unidade de acción na sociedade. A militancia que participou no debate foi contundente, aprobando o relatorio con 1.997 votos a favor, case o 70% dos votos.
O tratamento informativo de todo o proceso asembleario demostra, por se alguén aínda segue sen se decatar, que non vivimos nunha sociedade con poderes democráticos e moito menos neutrais. A falta de ponderación, no caso de Galiza, chega ao paroxismo. O espazo concedido ao proceso nalgúns medios de comunicación, os días anteriores e os mesmos días do plenario, en tanto que era un proceso conflitivo, foi de intención negativa e desmesurado en relación co que se concede ao BNG habitualmente. Calquera diría que se trataba da forza política que goberna na Galiza. Nada a ver coa insignificancia ou censura que aplican ás iniciativas e a acción política do BNG nas institucións e na sociedade, ao longo do ano. Adoitan desprezar mesmo a súa representatividade electoral. Esta actitude debía levar á reflexión sobre determinadas condutas en relacións coa utilización dos medios para dirimir problemas internos. En todo caso, malia tanta interferencia externa, a militancia actuou soberanamente. Fracasou, en boa maneira, a artillería mediática destinada a convulsionar irracionalmente o desenvolvemento da Asemblea do BNG (foi un modelo de democracia, transparencia e organización) e, por suposto, non logrou, malia a manipulación evidente e o sectarismo procaz, invalidar a proposta da Alternativa pola Unidade, en absoluto da UPG como se pretendeu trasladar de xeito insidioso, pois é ben coñecido que a participación de persoas independentes nesa corrente é maioritaria.
Precisamente a participación, a transparencia de todo o proceso, os resultados finais, deberían valer, para, de unha vez por todas, deixar de alimentar a tese, torticeira, infundada e interesada, de que o BNG é unha organización cuns órganos manipulados por non se sabe que aparato. Non hai organización máis democrática que o BNG, nin máis transparente. É máis, por primeira vez o que a Alternativa pola Unidade representa ten a maioría relativa na parte do Consello Nacional electa pola Asemblea Nacional. Lembremos que, na celebrada en 2009, a maioría absoluta estaba constituída polos representantes de +G e EI.
A unidade de acción e o respecto polas decisións maioritarias, previos os debates necesarios e coas discrepancias lóxicas, son imprescindíbeis se queremos que o BNG sexa visto como unha forza política fiábel, responsábel e útil, a única que o pode ser para o pobo galego. Cunha Executiva por todos participada, non debería haber a tentación de recorrer a unha dialéctica de goberno e oposición no interior do BNG. Ábrese unha nova etapa. Estamos seguros de que a convicción de que non podemos seguir como até agora, levará a unha rectificación, dentro do respecto ao debate libre e plural, das condutas que danan ou desprestixian o BNG na sociedade.