A xestión da Consellaría do Medio Rural

A xestión da Consellaría do Medio Rural

Nas últimas semanas téñense producido diversas novidades en relación coa xestión que vai facer a Consellaría do Medio Rural da liña de axudas incluída no Plano de Desenvolvemento Rural de Galiza 2007/2013 referida ao CES (contrato de explotación sustentábel) que suporá un novo recorte no apoio ao sector gandeiro e á viabilidade económica das súas explotacións.

Esta medida que tiña como finalidade promover un modelo produtivo no que se prime a calidade na produción en base ao incremento da base territorial das explotacións mediante a incorporación a estas de superficie agraria abandonada e diminuír a dependencia na alimentación do gando de pensos e compostos. É dicir promover explotacións máis rendíbeis, viábeis e sustentábeis tanto desde punto de vista económico como ambiental.

No pasado exercicio este recorte supuxo unha redución de 6 millóns de euros en relación co que os gandeiros e gandeiras xa tiñan asignado e notificado cando subscribiron o contrato na pasada lexislatura. Na maior parte dos casos xa tiñan realizado os investimentos necesarios para o cumprimento dos compromisos asumidos e as normas da condicionalidade (aluguer ou adquisición de terra, preparación para a súa utilización como pastos, contratación de aconsellamento...).

A xustificación que daquela utilizou o goberno do Sr. Núñez Feixóo para realizar este recorte foi que as superficies ocupadas por pastos arbustivos non eran subvencionábeis malia estar recollido nas bases da convocatoria e no propio Plano de Desenvolvemento Rural que fora aprobado pola Comisión Europea no ano 2007, sen que por parte do Partido Popular se realizase ningunha modificación neste aspecto.

Por si este recorte non fose abondo, acabamos de coñecer que nos pagos do ano 2010 tamén se elimina a condición de subvencionábel dos pastos permanentes, é dicir aqueles que contan con máis de cinco anos, o cal supón unha nova navallada á situación económica das explotacións.

Mais os recortes da austeridade selectiva de Feixóo non fican aí. A Consellaría do Medio Rural manifestou a súa intención de non aprobar ningún expediente para subscribir novos contratos ao abeiro da orde publicada en 2010, é dicir que as e os solicitantes novos de CES van quedar sen axudas o que supón un novo recorte de máis de 5 millóns de euros. Segundo esta información tampouco se van aprobar as solicitudes de novos compromisos (incorporación de máis superficie) por parte daquelas explotacións que xa tiñan un contrato anterior.

A cousa non queda aí, xa que na orde correspondente ao ano 2011 recentemente publicada impídese a incorporación de novos compromisos.

Estes feitos así descritos evidencian ben ás claras a nula aposta do PP e do goberno do Sr. Feixóo polas explotacións gandeiras e a súa falta de compromiso por un modelo produtivo máis sustentábel e rendíbel, máxime tendo en conta que a través do contrato de explotación sustentábel CES se xestionan as axudas agro-ambientais e as axudas relativas ao benestar animal, axudas que supoñen un piar básico no desenvolvemento das explotacións agro-gandeiras, especialmente das situadas en zonas de montaña, e que contan con financiamento da Unión Europea que achega case o 60% do seu importe, do Estado que achega o 20%, sendo unicamente por conta dos recursos propios da Xunta de Galiza o 20% restante.

Para o BNG, estas e outras medidas que o PP ven aplicando desde que chegou ao goberno da Xunta, van encamiñadas a reducir aínda máis o número de explotacións gandeiras nestas comarcas, favorecendo o seu progresivo deterioro económico e social, para facilitar, posiblemente, outros usos ou intereses alleos, que en nada van beneficiar a permanencia e o futuro dos veciños e veciñas no rural galego.

A denuncia pública que o Grupo Parlamentar do BNG, e os propios afectados, realizaron destes feitos, por certo con escaso éxito mediático, provocou unha fervenza de reaccións entre elas a da propia Consellaría do Medio Rural que lonxe de negar a veracidade dos feitos, como ven sendo habitual, manifestou a súa intención de procurar contestar e atender as solicitudes formuladas polos labregos.

Haberá que prestar atención a este tema, xa que no caso de non modificarse a actual posición do goberno suporá a liquidación definitiva do único instrumento que queda vixente, logo da definitiva hibernación do Banco de Terras de Galiza, para promover a recuperación da superficie agraria abandonada e o incremento da base territorial das explotacións gandeiras. Ou é que acaso renuncia o Partido Popular a modificar un modelo produtivo baseado na masiva utilización de alimentos para o gando alleos á explotación co conseguinte encarecemento do proceso produtivo?