A voltas coa escola
Os datos son demoledores. A CIG-Ensino ven de presentar a valoración do inicio de curso e semella que volvemos ao século pasado, cando Conselleiros que hoxe pontifican nos medios de comunicación con profundas reflexións sobre o ensino, conseguiron cas súas políticas cifras astronómicas no número de interinos e interinas elevando a precariedade laboral a cotas insostibles, colocaron ao profesorado galego como o peor pagado de todo o estado, planificaron a oferta de Formación Profesional a golpe de programa electoral municipal, prometendo moitos alcaldables do PP os estudos de FP que os veciños considerasen oportunos, etc.
Pois ben, agora xa pasada unha década do novo século, volvemos a entoar a mesma cantiga:
- 19 centros de ensino públicos pechados en toda Galiza.
- 79 unidades menos
- 20 ciclos formativos de Formación Profesional eliminados
- 50 centros menos con oferta de educación para adultos (EPA)
- 108 profesores e profesoras menos en educación infantil e educación primaria
- Aproximadamente 300 docentes menos en educación secundaria
- 700 persoas que este ano quedan sen traballo no sector pola diminución da contratación de interinos e interinas.
Máis non debemos desesperar, non todo está á baixa. Hai 19 unidades máis no ensino privado concertado e mantéñense as axudas económicas aos colexios que segregan ao alumnado por sexos, que son a súa vez, dos que o Conselleiro recibe premios pola súa labor.
O profesorado, aínda que sexa funcionario, ten que aceptar unhas condicións de traballo que debilitan o ensino público e rebaixan a calidade do que se imparte nas aulas, xa que debe facerlle fronte a materias que non son da súa especialidade. Isto era un feito común no ensino secundario, e incluso estaba asumido, máis agora xa está a chegar ao ensino primario, onde 202 mestres e mestras teñen que afrontar o curso traballando no ámbito da pedagoxía terapéutica ou da audición e linguaxe, non sendo especialistas destas áreas.
Pero isto non remata aquí. Pasamos do discurso mentireiro da "imposición lingüística" ao feito certo da "represión lingüística" ameazando a todo aquel que pretenda manter o galego nas aulas e non se atope nese selecto 33% que lle corresponde por "decretazo". Moito profesorado xa está experimentado para esta loita polo seu compromiso durante o franquismo pero coido que non contaban, nos últimos anos de profesión con volver a aqueles tempos. Iso non o esperaba ninguén. Ou sí?
A Consellaría de Educación desta Xunta tira ao lixo ao redor de 6 millóns de euros en libros só polo feito de estar en galego sen importarlle nin a austeridade nin a crise, polo que concluímos para os que aínda non se percataron, que sempre tiveron un discurso demagóxico e contrario aos intereses de Galiza.
Poderíamos seguir pero xa é dabondo. Só queda unha pregunta no ambiente: Que se sinte cando se colaborou activa ou pasivamente para que estes individuos chegasen onde están?