A voltas coa custodia compartida

A voltas coa custodia compartida

Neste ano que remata coñezo varios casos de parellas que puxeron fin á súa relación e que, por tanto, tiveron que enfrontarse á situación de "regular" a custodia das súas crianzas. Tendo en conta a diversidade de cada unha das situacións por min coñecidas, houbo casos de sinaturas de acordos reguladores e divorcio "express" satisfactorios para ambas partes, que se resolveron axiña; tamén casos onde decidiron de mutuo acordo non asinar ningún documento, e por tanto ser flexíbeis no que respecta ás visitas e estancias das crianzas en casa do proxenitor que non residía na casa con estas, e tamén casos "nada amizosos" que remataron o xulgado con demandas cruzadas de custodia. Só coñezo un caso no que un dos proxenitores solicitou a custodia compartida. Son só exemplos que me tocou vivir, e non teñen valor estatístico nin representativo, por tanto, do abano que se dá na sociedade. Pero veñen ben acaídos para ilustrar un debate que está a darse na sociedade nos últimos anos, e do que non pode escapar un posicionamento ao respecto.

Logo da aprobación da Lei de Igualdade nas Relacións Familiares ante a Ruptura de Convivencia dos Pais aprobada polas Cortes aragonesas no ano 2010, varias comunidades do Estado español posicionáronse publicamente a favor de facer reformas similares. Aragón, Cataluña e Valencia xa están a aplicar este modelo. Fica agora pendente de trámite parlamentar o caso de Galiza, aínda que de momento non se chegou a concretar o proxecto.

O debate está na rúa, logo dunha polémica xurdida a raíz da celebración en Lugo o pasado mes de outubro dunhas xornadas que xa foran canceladas no verán polas presións de organizacións feministas, quen denunciaron que se empregaron recursos públicos para difundir contidos con claros sesgos de xénero, como é o caso da divulgación do Síndrome de Alienación Parental (S.A.P.) utilizado na última década no eido xudicial para xustificar argumentos para cambios de custodia, e que vén sendo denostada por expertos/as en violencia de xénero, desde xuristas ate persoal sanitario.

Cando a calquera se lle pregunta abertamente que pensa da custodia compartida, de entrada a maioría entende que é o mellor para as crianzas, dado que supón que ambas se benefician do contacto con ambos proxenitores, pero non reparan en que do que estamos a falar é dun modelo que entraría en vigor cando non hai entendemento por parte da -agora ex-parella, e mais que de "custodia compartida", estaríamos a falar de "custodia dividida".

É dicer, que naqueles casos onde non é posíbel chegar un acordo en relación á custodia das fillas e dos fillos, o xuíz ou xuíza do caso decidiría por eles e estabelecería un modelo no que a/s crianza/s deberían pasar a vivir uns días en casa do pai e outros en casa da nai (ou en caso de unións do mesmo sexo repartirían o tempo en casa de cada membro da parella). Impor por lei o que voluntariamente non foron quen de facer polo ben das súas crianzas non vai supoñer unha medida que lle beneficie a estas, senón todo o contrario, xa que non van compartir os coidados e a responsabilidade, e no canto de compartir, o que fan na práctica é "repartir" aos fillos/as os días que a cada quen "lle toque" telos.

Pretender unha solución imposta xudicialmente, no momento de máis tensión e conflito na parella, non parece a medida máis razóabel nin eficaz. Todo o contrario, a imposición só contribuirá a elevar o nível de conflito e a por en perigo o benestar e estabilidade emocional das e dos menores.

No debate fronte á custodia compartida como opción preferente, non sempre se ten coñecemento de que o actual marco legal xa contempla a posibilidade de acordar o exercizo compartido da garda e custodia dos fillos e fillas cando así o soliciten as/os proxenitores na proposta de convenio regulador ou cando ambos cheguen a este acordo no transcurso do procedemento (artigo 92.5 do Código Civil).

O cambio que se pretende implantar é incompatíbel coa filosofía que debe prevalecer nun réxime de custodia compartida, que debe outorgarse cando exista unha decisión libremente adoptada por ambos proxenitores, e un compromiso real das responsabilidades que comporta, no que as discrepancias entre os adultos non deben prexudicar ao desenvolvemento persoal da/o menor, pois ante todo debe prevalecer sempre o interese da/o menor que é a quen verdadeiramente hai que protexer.

Non é coincidencia que os cambios lexislativos teñan lugar en comunidades gobernadas pola dereita que nos últimos tempos veñen aprobando medidas dirixidas á devolver o rol tradicional de nai coidadora/sustentadora do fogar á muller (Lei de apoio á familia e á convivencia de Galiza) que desde os poderes públicos financian a organizacións católicas e ultraconservadoras tales como Redmadre, Ayuda a la vida, Rebaño de María, Siervas de la pasión, Betanía de Jesús de Nazareno e outras moitas para que asesoren ás mulleres en relación á súa maternidade.

Tampouco o é que moitos dos homes organizados en asociacións a prol da custodia compartida presionen a organizacións políticas como ao PP no seu día, (agora tamén apoian abertamente a UPyD) para que paguen a peaxe do arroupe que fixeron no seu día a estas organizacións e realicen xa cambios lexislativos, nin tampouco o é que difundan entre a xustificación para acadar a custodia compartida en caso de divorcio contencioso sen acordo entre os proxenitores, que o feito de estar en contra da medida supón unha estratexia para manter o dereito exclusivo das mulleres respecto da atención e coidado cotiá das e dos menores, ou para defender os dereitos económicos das mulleres. Ou que empreguen termos neomachistas, como referirse ás organizacións feministas como "feminazis"; definir a lei integral contra a violencia de xénero como "lei sexista", xustificando que a maior parte das denuncias presentadas polas mulleres son falsas; e que pretenden achegar datos obxectivos que amosen que as mulleres son tan violentas coma os homes, que as relacións lésbicas son máis agresivas que as homosexuais, que as mulleres son as que primeiro inician as agresións e non como defensa ante os homes, ou que as mulleres matan e maltratan aos fillos e fillas o dobre que os homes!!!, verdadeiras expresións de apoloxía da violencia, tanto sexista, como racista e homófoba. O mundo mudou moito desde a sociedade das cavernas, e pese a que as prácticas patriarcais do "macho" xeran rexeitamento social, estas xustificacións empregadas para defender o modelo, amosan que aquelas costumes só mudaron de aspecto e forma.

Os teimudos pasos que se deron nas ultimas décadas para conseguir a igualdade están a ser paralizados dun xeito brutal por parte dos sectores máis conservadores da sociedade. E agora que fomos quen de lexislar pequenos avances na conquista, pretenden ampararse na legalidade para facer os recortes. E lexislan coercitivamente para acadar unha suposta igualdade obviando que o reparto de responsabilidades estabelécese na propia convivencia da parella. Pero non se aborda a verdadeira implicación corresponsábel de ambos proxenitores desde o nacemento das crianzas.

Por que non avanzan as medidas dirixidas a acadar unha maior implicación dos pais/outros proxenitores no coidado dos fillos e fillas? Porque os poderes públicos seguen a ser tan teimudos na equiparación dos permisos por nacemento/acollemento e adopción para ambos? Porque non se inviste nunha política real de conciliación, cunha racionalización dos horarios laborais, cunha rede pública de escolas infantís?

Hai outras fórmulas que facilitan a participación de ambos proxenitores na vida das súas crianzas sen que afecten á súa estabilidade. Porque un exercizo da custodia de xeito responsábel se basea no convencemento de que os cambios neste ámbito só son posíbeis coa complicidade de toda a sociedade, de homes e mulleres.