A vocación suicida de Galicia como pobo

A vocación suicida de Galicia como pobo

Na "España Invertebrada" (1921), Ortega y Gasset xustificaba os nacionalismos, por el chamados "particularismos", de vascos e cataláns, porque España xa non lles ofrecía "un proxecto suxestivo de vida en común", pois ela mesma era, máis ca un pobo, "a poeira que fica, cando pola grande ruta histórica pasou un grande pobo". E engade que o feito de que en Galicia, e noutras zonas, non xurdisen movementos como os de Euskadi ou Cataluña, non quere dicir que "non sintan exactamente o mesmo instinto de particularismo". Velaí a explicación que el dá da carencia de forza do nacionalismo na nosa terra: "En Galicia, terra pobre, habitada por almas rendidas, suspicaces e sen confianza en si mesmas, o particularismo está reentrado, como erupción que non pode brotar, e adoptará a fisionomía dun xordo e humillado resentimento, dunha inerte entrega á vontade allea, na que se libra sen protestas o corpo para reservar tanto máis a íntima adhesión". E máis adiante fala do "nihilismo nacional de Galicia" que debería causar pavor aos "patriotas con cabeza de cartón" que coidan que o problema se resolverá derrotando nas urnas aos señores Sota ou Cambó.

Hai uns días, comentando isto, o amigo Carlos García Martínez lembroume a coincidencia co pensamento de Vicente Risco, manifestado naquel "Dédalus en Compostela" de 1929. Desempoei o texto, no número 67 de NÓS, e introduzo un fragmento do mesmo neste xa elaborado e sintético artigo. Pregunta Risco ao irlandés Stephen Dédalus, aínda fresca a obra de Joyce, pola razón que o levou a abandonar a súa illa e vir para Galicia (para Risco, pobos celtas irmás), ao que aquel responde: "Eiquí todo camiña car'o non ser, pola vontade e pol-a industria d'istes meus irmáns d'eiquí. Istes son os meus. Veño eiquí gozarme no suicidio da miña raza. Por iso, porqu'eiquí todo corre â perdizón, quero vir eiquí morrer, vivindo antre mortos os meus días derradeiros". Malia todo, Risco aínda ve unha esperanza nas xeracións que han vir. Eu non.

Galicia leva varios séculos tentando o suicidio, a súa desaparición como pobo. Non quere existir como tal. Prefire o mimetismo, a "entrega á vontade allea", que dicía Ortega, mentres "camiña car'o non ser" de Risco. Renuncia á súa fala, á administración dos seus propios bens, recursos e diñeiros. É un pobo resignado, e esta caste de pobos, como repetiu Unamuno, en 1896, seguindo a un publicista italiano, "puideron dar a profunda e resignada filosofía do budismo, pero nin un só dos poderosos mecanismos industriais que forman a traballada gloria da civilización nova". Os galegos non somos asiáticos, somos occidentais, polo que a nosa resignación ao que nos levou foi á filosofía da retranca e ao enervante dito de "mentres o pau sobe e baixa, descansa o lombo" E que sigan a bater en nós, mentres aínda conservemos un algo de galegos. Esquecendo o interese comercial, os anuncios de Gadis non son máis que fogos fatuos, luces fosfóricas e fugaces que saen da necrópole, o mesmo que os berros de Antolín Faraldo, o "Duro e á cabeza" de Solís en Cacheiras, o acto fraternal interclasista do Banquete de Conxo, o Proxecto de Constitución para o Estado Galaico de 1883, Brañas e Murguía, a Solidariedade Galega, a Cova Céltica, A Nosa Terra, as Asembleas de Monforte, a Acción Galega, as Irmandades da Fala, por máis que no Lugo de 1918 declarasen que "Tendo Galicia tódalas características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos", a Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, Losada, Risco, Otero, Cuevillas, Bóveda, Castelao... E aínda na pasada década dos 60, a Unión do Pobo Galego e o Partido Socialista Galego.

En computo, pasoulles a todos eles o mesmo que a aqueles mariñeiros do cerco que, despois de moito tempo e traballo apertando o aparello, foron a enxagoar e as robalizas que agardaban resultaron non ser máis ca xurelos. E sabemos que os esforzos inútiles producen melancolía.

Non sei se porque todo o mundo ten vocación de historiador ou por vergoña, sempre se tenta xustificar a anemia ideolóxica dos galegos cos xa tópicos do labrego explotado por caciques, trabucos, foros, sangrías migratorias, etc. Todo iso está moi ben; pero, por unha vez, deixémonos de historias e bálsamos baseados na etioloxía e contemplemos a Galicia actual exclusivamente de xeito sincrónico. As causas xa as coñecemos ou coidamos coñecelas e non debemos esquecer que Galicia aínda ten unha enorme masa rural e que na revolución do 1848, en Francia, os obreiros de París conseguiron, por decreto de Ledru-Rollin, o sufraxio universal e, conseguintemente, o dereito electoral para os campesiños. Estes, co seu voto, fixeron que a Asemblea Constituínte tivese unha maioría conservadora que, como dixo Julio Senador, "a súa primeira ocupación foi facer metrallar aos conquistadores do sufraxio universal". Non vou lembrar agora quen conseguiu o voto feminino en España e os resultados dos comicios inmediatos. O propio don Carlos Marx, analizando o 18 Brumario de Luís Bonaparte, por seguir en 1848, dixo que este, apoiado pola masa rural, obviamente conservadora, "Non representa a ilustración, senón a superstición do campesiño; non o seu xuízo, senón o seu prexuízo; non o seu futuro, senón o seu pasado; non as súas Cevernes modernas, senón a súa moderna Vendée" (en alusión ao levantamento contrarrevolucionario dos labregos encirrados polos cregos e aristócratas). Non é cousa de recordar quen arrizaba aos que eliminaron ao marqués de Sargadelos ou aos que queimaban redes e barcos dos fomentadores cataláns e deitaban pedras nos sacadoiros vellos.

É tempo de pensar se cómpre seguir na loita de liberación de quen está xa rendido ou morto, culpando da situación aos gobernantes, ou se seguir o consello que Voltaire puxo en boca de Cándido: "Todo iso está moi ben, pero o que importa é non disertar, non argüír e seguir cultivando a horta". Porque, como dixo Gregorio Marañón, en 1946, "Mais a grande lección que a historia nos dá día a día e que nós non queremos nunca aprender é que non houbo endexamais tiranía que non tivesen merecido os que a sofren. En realidade, o tirano é sempre o vingador das nosas propias culpas e para que desaparezan, non é a el a quen temos que vencer, senón a nosoutros mesmos".