A violencia machista, un xenocidio tolerado pola sociedade
Ás portas da conmemoración dun novo 25 de novembro, serán moitos os informes, estudos, faladoiros e campañas abordando a problemática da violencia de xénero. Non é para menos. 7 galegas asasinadas no que vai de ano. No estado medio centenar, cifra que está preto de alcanzar as mil desde que se computan datos nas estatísticas. Un xenocidio tolerado pola sociedade, acostumada a almorzar con este tipo de noticias recollidas polos informativos.
De xeito parello, fálase dos pasos que deben dar as mulleres para “saíres do círculo da violencia”, do número de denuncias, propoñendo cambios na lexislación vixente, mais pouca atención soen prestar á verdadeira esencia da violencia machista: a vixencia dun tipo de discriminación asumido, integrado na nosa sociedade, nos nosos costumes.
A maior parte das condutas machistas non son consideradas como tales. Asúmense, asócianse cos roles cotiás de homes e mulleres, están interiorizadas na nosa cultura, no xeito de actuarmos, de vestirnos, de comportarnos, mesmo de xogar, e de xulgar.
Non temos porque saír de casa para decatarnos. Abonda con acender a televisión, visualizar a meirande parte das películas que estrean no cinema, botar unha ollada na meirande parte dos perfís das redes sociais, revisar o tipo de literatura consumido polas adolescentes.
Que tipo de películas dirixidas ao público mozo teñen como protagonista a unha muller en igualdade de condicións ca o varón? Como se representa a súa relación? Alén da heterosexualidade normativa, a meirande parte ensínanlles a ser popular a costa de perder a súa identidade, para contentar ás súas amigas e, sobre todo, ao seu mozo. As rapazas medran intentando imitar os referentes de mulleres que atraen aos rapaces. Case ningunha está orgullosa do seu corpo, que disfrazan maquillando, que oprimen con pantalóns ou saias curtísimas, oprimindo ou avultando os peitos, pintando as unllas, e seguindo os ditados cerimoniais da feminidade.
Xa non estamos a falar só da diferenciación dos xoguetes, dos xogos, da vestimenta e do uso dos espazos das crianzas, senón da identidade das e dos adolescentes. Aínda que agora os mozos están tamén moi preocupados pola súa imaxe física, mesmo acoden con asiduidade á perruquería, depílanse, e seguen as influencias da moda, case de xeito parello ás mozas, o certo é que seguen a perpetuar os roles de dominación, como en xeracións anteriores (mesmo entre as parellas do mesmo sexo).
Tanto eles coma elas sofren a presión e o ataque desas imaxes estereotipadas, en todos os medios e en todos os ámbitos, desde o nacemento. Unha imposición sutil, un lavado de cerebro programado desde o berce. Violencia e dominación simbólicas, da que non somos plenamente conscientes e que espallamos de xeito cómplice.
Até que un día, algunhas de nós decidimos que estamos máis cómodas con pantalóns, con zapato deportivo, co pelo curto, e sentámonos coas pernas abertas, participamos activamente en debates, decatámonos que a historia que estudamos obvia o papel que desempeñaron as mulleres, que non se nos nomea, que non se nos trata por igual. E comezamos a cuestionar os mandatos patriarcais.
Medramos e maduramos. Recoñecemos a dominación a que fomos sometidas e intentamos superala. Convertémonos en militantes feministas as 24 horas do día, porque o feminismo non só é unha teoría, é unha militancia política e social transversal, un xeito de entender e de vivir a vida, dado que desde ese momento exercemos unha denuncia e unha loita permanente contra esa dominación e contra esa imposición.
Intentamos continuar esa tarefa na maternidade, acompañando ás fillas cando solicitan ver unha película de “princesas” intentando amosarlles de xeito crítico o ridículo e pasivo papel que desempeñan. Deconstruímos os contos clásicos, léndolles versións actualizadas dos mesmos. Achegámoslles referentes históricos nos que o contributo da muller é determinante. Introducimos xoguetes coeducativos, que conviven xunto con bonecas, coches, bancos de ferramentas, pezas de construción, disfraces de monstros e vestidos con purpurina, que mesturan ao seu antollo. Involucramos tamén aos fillos nesa loita, como facemos cos homes da súa familia. Para que teñan outros referentes masculinos, comezando por un reparto das tarefas do fogar e dos roles de coidado de xeito igualitario.
Mais o verdadeiro reto pasa porque sexan os homes os que teñan a iniciativa de facerse autodiagnose. Decatarse da súa situación de privilexio e considerar que deben dar pasos á prol da camaradería, da solidariedade, da igualdade coas mulleres. Porque para mudar a cultura da violencia, a cultura da violencia machista, alén de modificacións legais, dun cambio na educación, precisamos que os homes, individual e colectivamente sexan quen de revisar, rexeitar e denunciar os códigos machistas que lles foron programados, e se sumen á loita pola igualdade coas mulleres. Precisan facer autocrítica sobre os seus comportamentos, sobre as súas resistencias, porque a igualdade real non só se acada coa loita das mulleres empoderadas, senón tamén coa desactivación deses obstáculos e resistencias cotiás que se opoñen a ela. Mais tamén revolverse contra o machismo, escoitar a nosa voz, corresponsabilizándose das tarefas de coidado, aceptando que hai outros métodos de resolución de conflitos que non sexan violentos, afastarse da cultura do control e da dominación, rachando cos estereotipos e co sexismo, fuxindo da xustificación ou restando importancia aos comportamentos violentos, reaccionando coa mesma indignación ante as agresións machistas, como o facemos cando se trata doutro tipo de violencia.
Precisamos dunha revolución silenciosa que vaia modificando non só a lexislación, senón a moral e a escala de valores que até hoxe forma parte do patriarcado. Afondar nunha nova socialización, onde rachemos coa permanencia do sistema sexo/xénero, coas asignacións do xénero en función do sexo (e mesmo opción sexual) da persoa, e contra as leis de mercado e consumo capitalistas, interesadas en manter os roles de xénero tradicionais.
Recoñecer estas actitudes e mudalas, s aceptar que vivimos nunha sociedade que perpetúa a desigualdade e a diferenza entre mulleres e homes, senón que suporá ir á raíz do problema, ás orixes, os valores e condutas, para poder propiciar cambios e lograr alternativas. De non facelo, seguiremos sendo cómplices pasiv@s do xenocidio da metade da humanidade.