A violencia de xénero, unha epidemia do S.XXI

Que a violencia de xénero é unha epidemia é un feito advertido até pola Organización Mundial da Saúde (OMS). E non se trata só dunha epidemia do s.XIX ou do XX, nin lles afecta só ás mulleres do rural ou dos países do Sur. É unha epidemia do máis actual, que se dá, de forma alarmante, nas mozas novas e nas mulleres de idade, na urbe e no campo, nos países máis desenvolvidos aos menos. Adoitamos crer que se trata dun problema alleo, que non nos vai tocar, mais supón unha das violacións dos dereitos humanos máis estendida, habitual e ocultada que lle provoca á vítima un cúmulo de obstáculos, de incomprensión e até de rexeitamento, amais do medo ao “que dirán”. Trátase dunha lacra que se alimenta do día a día, dun sistema patriarcal afortalado pola crise. O machismo é tan “habitual” que ninguén se escandaliza polo papel secundario e pola subordinación da muller ao home en ámbitos da vida cotiá, non só no cine, na publicidade e en internet, tamén na economía, na empresa ou na política. Pasan os anos, mais a educación en valores segue fallando e a visión romántica do amor, en que as mulleres o aturan todo, segue a ser tan actual como nas últimas décadas.
Dentro de apenas un mes, conmemórase o Día Mundial contra a Violencia Machista. Minutos de silencio polas mulleres asasinadas no ano e lazos violetas nas lapelas dos traxes de políticos aos que se lles enche a boca de declaracións á vez que o seu partido, neste caso o Partido Popular, lexisla en contra da muller. E é que tanto o Goberno central como a Xunta de Galiza recortaron os recursos económicos destinados á loita contra a violencia de xénero e non aseguran que as mulleres poidan ter acceso a unha rede de protección que lles garanta seguridade para saíren do círculo da violencia. Lonxe de protexer as mulleres vítimas e as súas crianzas, que tamén son vítimas, o Goberno central e a Xunta de Galiza avogan por medidas cativas, carentes de orzamentos, e actúan de costas ás asociacións feministas. A austeridade do PP non sabe de xustiza e cébase, sobre todo, coas mulleres. As prestacións económicas destinadas ás vítimas da violencia de xénero foron reducidas ou, directamente, eliminadas. O salario da liberdade, que se outorga desde a Xunta de Galiza, sufriu o pasado ano un recorte dun 25%. Non só se trata de aforrarlle cartos públicos ao Estado ou á Xunta de Galiza. Trátase, sobre todo, dunha cuestión ideolóxica para fomentar un modelo de muller tradicional e submisa.
,Cunha taxa de paro máis alta que a dos homes (os datos de setembro reflicten que hai 135.954 mulleres apuntadas nas listaxes do paro, fronte a 124.779 homes), con salarios máis baixos (os salarios medios das galegas foron un 23,1% inferiores aos dos homes, segundo datos da Axencia Tributaria) e coa dificultade de compatibilizar o traballo mal-remunerado co invisíbel, as mulleres sofren máis dependencia económica das súas parellas. Datos do Consello Xeral do Poder Xudicial así o corroboran. A caída de denuncias en Galiza foi de máis do 19% desde o 2008 respecto da actualidade. Mentres no 2008 houbo 5.959 denuncias por maltrato, no 2012 a cifra diminuíu até as 4.788. Tamén son representativos os datos da taxa de denuncia por cada 10.000 mulleres maiores de 15 anos. Mentres no 2008 esta taxa se atopaba no 41,5%, no 2012 caeu ao 33,29%. A crise, que ten faciana de muller, provoca que moitas das vítimas da violencia machista “aguanten” porque non teñen de que vivir.
Folga de fame contra o maltrato institucional
Á desprotección institucional e tamén a xudicial levaron activistas da asociación Velaluz a declararse en folga de fame, un golpe que, esperan, sirva para espertar conciencias e para acabar co que denominan “maltrato institucional”. Sinalan que cada muller que entra nun xulgado a denunciar é unha heroína, mais non só por decidirse a romper co maltrato, senón por aguantar o maltrato institucional ao que se enfrontan despois. Non se actúa coa debida dilixencia na investigación das denuncias (casos urxentes poden tardar até 15 días en seren atendidos), na sanción dos responsábeis nin na protección que precisan as vítimas, tal e como ten demostrado a longa listaxe de mulleres asasinadas que denunciaran os seus maltratadores.
Despois de sufrir violencia física ou psicolóxica, unha vez teñen o valor suficiente para pasar da porta do Xulgado, as vítimas da violencia de xénero teñen un camiño ateigado de pedras. Por iso, todas elas son unhas superviventes. Tamén loitan contra o inxustiza de someter as súas crianzas á violencia de xénero. Segundo os seus datos, un 67% dos homes maltratadores teñen a custodia dos seus fillos e moitos destes empregan as crianzas como arma contra as súas ex parellas. Con esta folga de fame, que comezaron o martes, 15 de outubro, ás 00.05h, queren acabar coa segunda violencia á que son sometidas despois de se atreveren a denunciar, “así saiamos de aquí en ambulancia”.
A todas as heroínas que denuncian e ás que aínda non se atreveron A todas as heroínas solidarias que, como Vitoria, dan boa parte do seu tempo para acabar co terrorismo machista