A utilidade da visita de Bieito XVI
A visita de Bieito XVI é presentada polo Goberno do Partido Popular como a guinda da súa xestión no Xacobeo. Un grande "éxito" que mesmo motivou o traslado de Feixoó á Santa Sede para colgarse a medalla. Mais fóra da propaganda oficial persiste unha valoración social, como mínimo contraditoria, sobre a repercusión que pode ter en termos económicos, a estancia de oito horas do pontífice na capital de Galiza.
Os máis devotos e devotas ven con bos ollos a súa presenza no país, xustificando o gasto que ocasiona pola relevancia do acontecemento. Sen embargo, unha parte importante cuestiona un desembolso de fondos públicos de tal calibre. Supoño que até existirá, dentro do gremio, quen pense que tres millóns de euros estarían mellor empregados en axudar a aquelas persoas que non teñen recursos. Imaxino, que os voluntarios e voluntarias de ong´s integrantes da propia igrexa católica, sentirán algo de rubor e botarán contas dos proxectos que se poderían impulsar con eses recursos. Non en van, o dispendio contrasta cos valores que na teoría afirma defender a igrexa católica.
Teño a percepción de que unha parte moi importante dos galegos e galegas ven con indiferenza a presenza do Papa en Compostela e consideran un despropósito o patrocinio da Xunta de Galiza. Sobre todo, cando asisten a un recorte sen precedentes das prestacións e servizos públicos aludindo a escaseza de recursos. É este o talón de Aquiles da visita. Sábeo ben o PP. Pasou do anuncio dun gasto de 6 millóns de euros a dicir que eran tres. Pasou de fachendear de transparencia, a negar a información en sede Parlamentar. Mesmo axilmente encargou un informe á medida para xustificar a rendibilidade da inversión.
Con todo, a visita pon de manifesto un aspecto que é de maior gravidade: a subordinación do poder político a unha relixión, a falacia da aconfesionalidade no Estado Español e a difusa liña que separa as relacións estado- igrexa. Problema que tamén aparece no enfoque da Xunta de Galiza en relación co Xacobeo. A inversión de fondos públicos para promover o Camiño só pode ter xustificación en termos de promoción turística. O obxectivo deben ser o turismo, non a peregrinaxe. Sen embargo, tal diferenciación non existe e a propaganda das institucións públicas alenta o carácter relixioso da ruta. A visita do Papa é o cumio desta política.
Por responsabilidade política é necesaria a pregunta sobre cal é o rédito da presenza do Papa en Compostela. Cantos turistas vai atraer? Cal é a repercusión internacional deste feito? Podía facerse destinando menos fondos públicos?
A estas alturas sabemos que a ocupación hoteleira en Santiago está no 75%, lonxe do desbordamento que se anunciaba. Non hai evidencias de que vaia supoñer un repunte do turismo no que resta de Xacobeo, nin no ano próximo. A repercusión semella ser máis forte no propio país que fóra das nosas fronteiras. Sobre o custe, é incontestábel que non se precisaba tal gasto público. O goberno catalán vai gastar a metade, a pesar de que vai pasar máis horas en Barcelona.
O que realmente promove esta visita é a propia igrexa católica. Está claro que ten necesidade de promoción, é notoria a perda de clientela e o descrédito da súa cúpula dirixente, capaz de xustificar e ocultar crimes como a pederastia. A cuestión é que isto, señor Presidente da Xunta de Galiza, non debe facerse a cargo dos recursos públicos.