A Unión Europea e nós. A defensa da Galiza pasa polo nacionalismo

En tempos confusos como os que estamos a vivir, nos que a proclama política en moitas ocasións contradí a decisión práctica, cumpre clarificar e lembrar, tirarmos conclusións das experiencias vividas. Sobretodo en ámbitos nos que, como o do combate á Unión Europea -dende unha perspectiva galega- está servida a desmemoria, o esquecemento, o balbordo interesado e manipulador.
Hai quen cre que o principio de autoorganización do pobo galego, do que entre outras cousas se deriva a existencia de forzas políticas propias, é tan só un mantra, unha ladaíña sen efectos prácticos. Como se a defensa dunha alternativa política non tivese a ver coa procedencia da forza que a sustenta, nin cos intereses de orixe da comunidade humana, do pobo a quen representa. Dende unha perspectiva marxista, é evidente que a loita de clases se vincula, como é obvio, á propia existencia de clases nunha formación social. E que para a súa emancipación, ou para a superación dun sistema económico e social que xera desigualdade, cumpren partidos, organizacións políticas ou sindicais de clase, que defendan os seus intereses obxectivos como clase. É de catón.
Mais tamén é certo, non só por analoxía senón por pura lóxica, que calquera pobo que padece opresión nacional, precisa de instrumentos políticos propios para o liberar. Noutras palabras, a autoorganización do propio pobo para rematar coa negación de si propio, coa relación colonial que mantén coa súa metrópole, é condición indispensábel para acadar a liberdade anceiada. A necesidade, daquela, de forzas propias, non de sucursais da capital, estivo sempre presente como un elemento non secundario, senón substantivo, á hora de articular e vertebrar os movementos de liberación nacional. Ser de esquerdas nun pobo dominado pasa necesariamente por dotar de contido práctico (non só de latricada) ese esquema, e non renegar das expresións políticas propias en beneficio da fascinación polas alleas.
Hai un exemplo que, a poucos meses dun proceso electoral ao Parlamento Europeo, deberíamos ter presente. Hoxe case ninguén nega o impacto que o ingreso do Estado español na Unión Europea provocou sobre a nación galega, sobre a capacidade produtiva dos seus sectores estratéxicos, sobre o emprego, sobre a calidade democrática. Moitos falan hoxe da Troika, da falta de soberanía (dos estados), da economía especulativa e transnacionalizada. Con todo, co máis puro rigor histórico e analítico, cumpre proclamar, con orgullo, que só o nacionalismo galego, o BNG, mantivo unha posición coherente e leal na defensa de Galiza e das súas clases traballadoras nos momentos decisivos. Cando de tomar decisións se tratar.
Observemos o comportamento das forzas políticas españolas -de todas elas- no debate sobre a integración formal do Estado español na Comunidade Económica Europea (CEE), que como sabemos, se vinculaba tamén ao ingreso na OTAN. Son extractos do debate producido con motivo da tramitación do “Proxecto de Lei orgánica para a adhesión de España ás Comunidades Europeas”:
“España ha creído necesario defender con firmeza sus posiciones hasta el más mínimo detalle, ganando sus negociadores una merecida reputación de minuciosidad y tenacidad en la defensa de los intereses nacionales (...) En este acuerdo los intereses globales de todas las partes quedan suficientemente salvaguardados contra ciertas previsiones (...) La Comunidad ha reconocido la exclusividad de la denominación de origen “Jerez Sherry” para los vinos de esta región española”. Fernando Morán (PSOE).
“El Emperador Carlos V, el antecesor de nuestro Monarca, que, al decir de Menéndez Pidal, ha llevado a su ápice, la apertura de la vieja España hacia Europa y la españolización de numerosas facetas de la vida europea (...). Tiene usted, Señor Presidente, que explicarles a los cultivadores de remolacha en la cuenca del Duero, o de cerales en grandes partes de Castilla La Vieja, porqué sus explotaciones van a ser muy maltratadas en el futuro (...). Felicito al gobierno y no le he regateado méritos.” Herrero Rodríguez de Miñón (AP).
“Nuestro sí rotundo a Europa, tanto desde el punto de vista económico como desde el ángulo político (...). Desde el punto de vista económico, los comunistas hemos defendido la integración de España en la Comunidad como una necesidad derivada del propio desarrollo de la economía española (...). En un primer periodo, los frutos y hortalizas españolas, en concreto los cítricos, van a estar peor tratados que los países terceros, como es el caso de Marruecos (...). Fernando Pérez Royo (PCE).
Estas tres formacións políticas españolas (PSOE, AP e PCE) votaron favorabelmente a adesión do Estado español á Comunidade Económica Europea nos termos concretos contemplados no Tratado. Contrasta esta unanimidade co debate similar que se produciu nos parlamentos portugués (no que o PCP, como é lóxico, votou en contra) e grego (no que non só os comunistas, mais tamén boa parte da esquerda grega votaron en contra), singularmente no que ten a ver coa posición de voto dos “comunistas españois”.
E na Galiza? O nacionalismo galego, o BNG, mantivo en solitario, de xeito meritorio e probabelmente incomprendido, a súa coherencia. A CEE, despois UE, foi cualificada dende o BNG como “Europa dos mercaderes”, e impulsáronse numerosas mobilizacións sociais na defensa do noso país. Algúns textos exemplifican esa posición política tan clara coma rotunda:
“A adaptación, a reestruturación da nosa agricultura ao Mercado Comun significa pasar a cumprir o papel que nos teñen encomendado, que é, nen máis nen menos, acentuar o noso papel de colónia, de despensa de matérias primas que a eles lles interesan, e a destrución das nosas producións que poidan ser competitivas coas dos monopólios europeus.”
“ A integración na Comunidade Europea, tantas veces denunciada polo nacionalismo como negativas para os intereses de Galiza, vai producir efectos que acentuarán a marxinación do noso país. A desindustrialización do sector naval, iniciada na etapa de adecuación do sistema produtivo á disciplina imposta polas exixéncias comunitárias, guiou a destrución da siderúrxia, a progresiva implantación das trabas tendentes a mermar a capacidade produtiva do sector pesqueiro, a penetración de transnacionais que limitan as posibilidades dun futuro desenvolvimento autóctono no pequeno e mediano comércio”.
E agora, que cadaquén tire as súas conclusións. Mais leccións ao BNG de defensa de Galiza e das clases traballadoras, e de combate aos destrutivos esquemas comunitarios, por favor, as mínimas.