A Unión Europea e a crise

A Unión Europea e a crise

A confesionalidade das institucións da Unión Europea cunha determinada concepción ideolóxico-política, sobre todo no terreo económico, é de tal calibre que chega a impregnar o denominado Parlamento na súa función aparentemente informativa. Grazas a un documento, elaborado pola CEO, Corporate Europe Observatory, de setembro de 2011, que me facilitou o compañeiro Xosé Díaz, souben que nun vídeo producido polo Parlamento Europeo en maio deste mesmo ano pregúntase: “Lembra quen causou a crise financeira?”. Continúa cunha frase aparentemente neutra: “Estouparon as burbullas inmobiliarias e houbo que sacar de apuros os bancos”. Mais a seguir, con voz feminina, dise: “Durante anos os gobernos da UE estiveron retorcendo as normas financeiras e construíndo sobre un terreo pouco sólido”. A conclusión: “As institucións da UE trataron de paralos, pero os gobernos non ían escoitar”. Unha versión idílica na que, como nun sermón paternalista, aféanse os pecados cometidos por parte de quen os provoca e ampara, para manter unha lexitimidade áurea, co recurso a unha separación metafísica entre os Estados e o seu produto, a Unión Europea. Resulta que as normas que sustentan a Unión Económica e Monetaria, concretamente o Pacto de Estabi- lidade, obrigan os Estados membros a manteren o déficit dos seus orzamentos por debaixo do 3% do PNB (Produto Nacional Bruto) e a débeda por debaixo do 60%. Entón, segundo o Parlamento a crise está causada polas finanzas públicas e pola débeda pública. O devandito documento de CEO, intitulado Austeridade para sempre, subliña a curiosa coincidencia desta tese coas declaracións feitas polo ministro alemán de Finanzas Wolfgang Schäule en agosto de 2011: “Actualmente os economistas de todo o mundo non discuten que unha das principais causas, se non a causa principal, non agora, senón xa en 2008, foi a excesiva débeda pública por todo o mundo”. Non fai falta dicir que esta visión non é compartida nin sequera por economistas nada sospeitosos de radicalismo. Limitémonos a indicar, por agora, que, antes da crise, nin o Estado español nin Irlanda, por exemplo, tiñan débedas altas ou déficit. Moi ao contrario, eran baixas e contaban con superávit orzamentario.

Esta visión tan nesgada das raíces da crise – atribuíla ás finanzas públicas e á débeda pública- está no fondo destinada a facilitar un modelo de austeridade prolongada, di o documento da CEO, con ataques prolongados tamén contra os dereitos sociais, os servizos públicos básicos e a democracia. Esta é a perspectiva xeral de todas as medidas lexislativas que se toman desde a UE. Non é unha política conxuntural. Existen xa un complexo de normas e acordos que transcenden, como veremos, o táctico: o pacto polo euro, a vixilancia dos orzamentos estatais e as seis disposicións sobre gobernanza económica, que analizaremos brevemente despois. En todo caso, digamos xa que, con estas políticas, temos baixo a administración de facto de Bruxelas e do FMI Irlanda, Grecia e Portugal, sometidas a un programa de austeridade severo como esixencia polos préstamos recibidos. Un programa similar foi adoptado polo Goberno español, evitando aparentemente un programa de préstamos semellante, pero con aplicación das mesmas medidas: redución do déficit, recortes salariais, ataques á seguridade no posto de traballo e ás pensións. Paradoxalmente, as consecuencias á vista están: os que teñen menos diñeiro terán que pagar máis por el. Con esta denominada austeridade a crise agrávase, polo menos na periferia da UE, pois redúcese a demanda, caen os prezos, cerran fábricas, os gobernos gastan menos un círculo vicioso do que é imposíbel saír. Mentres agáchase o feito incontestábel de que a maior porcentaxe da actual débeda pública provén da débeda privada (Banca e grandes empresas, principalmente). A situación é aproveitada tamén para afondar nunha competencia sen límites na eurozona. Situadas Irlanda, Portugal, Grecia e España, e non digamos xa Galiza, antes como perdedores, na división interna do traballo, na capacidade de producir, agora preténdese que se conduzan como esmoleiros servos. Os estados centrais son os grandes beneficiados, con Alemaña á cabeza. Esta división interna do traballo, da produción, Galiza padécea de forma dupla, por pertencer ao Estado Español e polo deseño discriminatorio, desigual, deste. Un dos aspectos específicos da causa da nosa situación crítica como pobo, como nación, que naturalmente non contempla ningunha alternativa política española, mesmo crítica coa UE, está relacionada con esta división internacional do traballo no marco global da Unión Europea. Velaí por que é tan importante ter unha visión e unha análise propia da situación crítica que vivimos, un discurso asentado na nosa propia realidade, como se fixo, de forma moi lúcida e acertada, nas páxinas que o relatorio da 13ª Asemblea Nacional dedica a “A Unión Europea como espazo da globalización: a alternativa nacional galega”. Non é difícil explicarse por que se produce maior diverxencia da periferia no canto de converxencia na eurozona. E por que se produce tamén no interior do Estado español. A quen prexudican e a quen benefician unhas normas da UE, acatadas con entusiasmo servil polos estados, que impiden o investimento público xeneralizado? A quen a moeda única, o euro? Non ter capacidade para devaluar a moeda como forma de resistir a competencia destrutiva exterior significa prescindir dun instrumento para superar dificultades. A periferia está así atada de pés e mans para reaxir. Chegamos entón aos temas tabú.

Non se escoitará a ninguén en Bruxelas afirmar que a moeda única foi un desastre para grandes partes da Unión Europea. É máis cómodo e rendíbel para os obxectivos que se perseguen atribuír os males á débeda pública, dicindo parvadas que non se sosteñen. A forma de encarar a crise está provocando unha acumulación de débeda dos estados periféricos inusitada (O Estado español non chegaba ao 40% no 2007; hoxe está case no 100%). As institucións europeas, de forma especial a Comisión Europea, non ocultan a súa aposta por unha estratexia neoliberal: liberalización de servizos públicos e baixos salarios, en nome da competitividade internacional, son o único camiño. Estamos perante unha obscena coincidencia cos discursos dos grandes grupos de presión, o lobby dos grandes negocios. A Comisión é tan sensíbel á esixencia do mundo dos negocios como indiferente á opinión pública das distintas nacións da UE. Como xa se indicaba no devandito relatorio do BNG, o mundo dos negocios ten nome corporativo, recoñecido, con aromas medievais, MESA REDONDA DE INDUSTRIAIS (ERT, siglas en inglés, of course). O Corporate Europe Observatory, na súa análise Austeridade para sempre, cualifícaa como “famoso e infame lobby formado por presidentes de grande cantidade de corporacións transnacionais europeas”, entre elas as españolas Inditex, Banco de Santander e Repsol. A súa visión dunha Europa competitiva –falan con ese absolutismo territorial tan significativo- coincide, en aspectos básicos, coa normativa e os acordos europeos para encarar a crise e avanzar na unidade económica e fiscal. En concreto son: o denominado semestre europeo ou sistema de vixilancia dos orzamentos dos estados membros, adoptado polo Consello en setembro de 2010, e o estudo da Comisión recomendando a reforma das pensións e do mercado laboral nos estados membros, de forma específica para cada país; o Pacto de Europa, adoptado nunha xunta do Consello Europeo do 24 de marzo de 2011, onde se subliña que a solución á crise está na austeridade e nos baixos salarios, isto é, recortes nos gastos sociais e descensos salariais ou mantelos baixos, alén da obriga de trasladar ás lexislacións estatais as normas fiscais da UE do Pacto de Estabilidade (no caso do Estado español constitucionalizouse cunha reforma da Constitución española); o paquete de seis unidades dun proxecto lexislativo publicado en setembro de 2011, aprobadas polo Consello e a maioría do Parlamento Europeo, onde se establecen medidas máis ríxidas para pagar as débedas con rapidez, multas de non pagalas ou redución de axudas de os estados non pertenceren á zona euro.

A Unión Europea non relaciona para nada os desequilibrios macroeconómicos, agora escandalosamente visíbeis, nin co euro e a imposibilidade de devaluación da moeda polos estados nin coa súa concepción da competitividade nin coa división internacional do traballo nin coa progresiva eliminación da iniciativa pública na economía nin coa súa aposta neoliberal, en definitiva, coa súa concepción como mercado único, global, puramente economicista. Faino, de forma cínica, afirmando que ten a ver coas políticas dos estados membros. Para a Comisión os responsábeis en Grecia, Irlanda, Portugal e o Estado español son os salarios e outros fenómenos domésticos, non teñen competitividade. O documento da CEO (Corporate Europe Observatory), ao que aludimos e seguimos neste noso artigo, coincide en boa maneira con moitas das análises do relatorio para a Asemblea Nacional de Amio tamén citada. A diferenza está en que neste último se contempla a causalidade da crise desde unha globalidade que inclúe elementos específicos da periferia galega, moi determinantes para unha alternativa política adecuada, para unha resposta á crise democrática e socialmente xusta, contando con Galiza, co pobo galego. Aproveitemos para aclarar que, no canto de austeridade, como fai CEO, sería mellor falarmos de empobrecemento, pauperización ou precariedade. Austeridade relaciónase con non malgastar. A linguaxe non é nada neutra. Os panexiristas deste sistema sábeno ben e retórceno dunha forma rocambolesca. Permítaseme aclarar, aproveitando a ocasión, que non hai devaluación interna que valla, hai baixada de salarios, recortes salariais: non fagamos real o que é imposíbel, a devaluación da moeda única. E por último, seguindo os sabios consellos da nosa Pilar García Negro, abandonemos o disparate lingüístico do austericidio, para non introducir regras gramaticais, semánticas, que contraveñan a lóxica gramatical e semántica. Queremos dicir que a austeridade mata, pero non o estamos a dicir, hai que imaxinalo. Mellor non inventar. Aí están: pobreza, miseria, precariedade, empobrecemento e pauperización...