A treboada de Barcelona
Tras da borrasca que entrou pola ría de Vigo o 24 de maio, moitos nacionalistas sentímonos recompensados coa treboada reconfortante que nos chegou desde Cataluña seis días despois, e que refrescou o ambiente. ¡Que delicia escoitar milleiros de chifres matando os acordes da “raspa”! Foi unha pena que o espectáculo non durase máis. Vou aclarar un pormenor que as novas xeracións quizais ignoren. A finais dos anos 40, do século pasado por suposto, fixérase popular un baile coñecido como “raspa”. Tiña unha letra e un ritmo moi pegadizo: Con la raspa, raspa, raspita... cantaba desde o palco o vocalista da orquestra. Tocábase en todas as verbenas, pois era a melodía máis apropiada para que puidesen rasparse mutuamente as parellas. Por outra banda, os noticiarios oficiais, retransmitidos obrigatoriamente polas emisoras privadas (con liñas ao seu cargo), remataban sempre co himno nacional. Estes diarios seguíanse coñecendo como partes, algo normal nun país que continuaba en guerra. A semellanza de ritmos prestábase á mofa, e os da casca amarga como nos alcumaban as persoas de orde comezamos a chamarlle raspa á marcha real. Así o sigo nomeando eu. Andivéronlle buscando letra a un himno que carece dela. Nunca lla atoparon. Se houbesen escollido a que lle acae ao ritmo, a raspa raspita, terían aforrado moitos problemas. O máis importante, evitar a pitada do Nou Camp. No seu lugar, todos os espectadores, postos en pé, bailando no estadio. O público movendo o esqueleto nas gradas e os xogadores dos dous equipos sobre o céspede. E no palco de autoridades, o Rei marcando o paso agarradiño a Mas.
Nunca un evento deportivo lle amargou tanto o almorzo á España sacrosanta, a que foi unxida cos santos óleos da Constitución. Nin sequera a derrota que Holanda lle inflixiu no campionato de Brasil. Que un país que sostén o seu prestixio nos touros e no fútbol fose ridiculizado cunha malleira nun estadio é unha aldraxe difícil de dixerir. O pan xa hai tempo que o perdeu. Agora está a piques de quedar sen circo. Mirade se o asunto tiña importancia, pois xa antes de rematar o encontro balompédico a reacción do Goberno circulaba polos mass media. Pouco faltou para convocar o que se chama tecnicamente un gabinete de crise e mandar os cazas a bombardear o estadio. Quizais non o fixo polo temor a pór en perigo a vida do Rei, xa malferido polos pitos, e que estaba sentado á beira de Mas, un dos obxectivos a bater. Máis ca unha pitada foi o alborexar da rebelión da periferia, como nos chaman os do embigo. Todos os medios de comunicación, dixitais e impresos, calificárona de monumental. Monumental si, pero tamén solemne.
Escoitei as medidas provisorias tomadas polo estamento oficial, ofrecidas por dous Secretarios de Estado. Borralla xurídica foros os argumentos utilizados, que só serven para aplacar a furia españolista. Esta democracia segue na teima de resolver os problemas políticos botando man do código penal. A liberdade de expresión, recoñecida polo dereito internacional e mesmo pola Constitución, non pode ser restrinxida nin interpretada ao abeiro da lexislación ordinaria. ¿Ou é que pitada non é unha forma de expresión, igual ca un poema ou a canción protesta? Lembremos a filosofía utilizada para combater o problema etarra. Repetíase que todos os ideais e obxectivos políticos eran lexítimos sempre que non se utilizase para defendelos a violencia armada. Digo armada porque tamén hai outra que se pode exercer con palabras, e á que aludirei máis tarde se vén a conto. Ou sexa, castrar o boi antes de envialo a un posto de reprodución. Mesmo que sobre este tema teña unha interpretación diferente á considerada oficial vouna dar por boa. Pero se algunha sanción ou medida punitiva, por mínima que sexa, se lle aplica aos protagonistas da protesta sonora, farase explícito o que para os nacionalistas sempre foi unha evidencia: que o problema de España non é a violencia, senón manter incólume a súa integridade baixo o xugo imperialista que desde Castela impuxo a Tizona do Cid Campeador. Os chifres son inocentes cando a dereita os utiliza nas súas manifestacións antiabortistas, e malvados se expresan a vontade dunha nación a conquistar a súa independencia.
De todos os xeitos, se a postura dos representantes políticos resulta hipócrita, a dos seus corifeos ten moito de cretina. A que se manifesta nas tertulias e nos medios de comunicación. Vexamos algunhas destas opinións. Tratar de babecos aos que asubían un símbolo que tamén os representa a eles. Estes burráns, despois dos cursos de primaria, de ensino medio e da universidade, non se decataron aínda que Cataluña renunciou a España desde moito antes de Prat de la Riba. Igual ca Euskadi e os galegos que non nos avergoñamos de selo. Se non saísen da escola en seco deberían saber que o himno de Cataluña é Els segadors, o de Euskadi Eusko gudiarak e o de Galiza Os rumorosos. Son himnos que levamos no corazón. Non coma o español que nin para cantar serve. Para o único que vale é para bailar con el un zapateado.
,
Afeitos a saírse polas ramas non dubidan en argumentar botando man de calquera garabullo. Afirman que a liberdade de expresión é incompatíbel coa falta de respecto. Virtude esta moi propia da idiosincrasia española, que durante anos lle tolerou ao dicionario da RAE chamarlle aos galegos mozos de cuerda e sinónimo de cobardes. Esta é a violencia verbal á que antes me referín. Asubiar unha pachanga é un delito. Aldraxar a un pobo enteiro, unha definición. Saiban estes doutores de la mierde que o que houbo en Barcelona non foron insultos senón unha protesta. Pode haber entre as dúas palabras –insulto e protesta- certa proximidade semántica pero non sinonimia. Polo camiño político escollido, o Estado español leva trazas de encerrar o problema nacional nunha prisión, pois a única xurisprudencia que recoñece é a que emana do código penal. Entre os seus acólitos abundan alcaides dispostos a rexentar un presidio como o de Alcatraz e meter nacionalistas en celas de castigo.
Pero veñamos á nosa Terra, xa que por aquí abundan tamén comentarios dignos de figurar no museo do esperpento. Algún plumífero sacou da vexiga o fel que levaba acumulando desde que os tribunais o procesaron e inhabilitaron por corrupto. Quere ensinarnos ética política quen pasou a vida osmando en distintas maseiras para meter o fociño na que lle puidese ofrecer mellor pitanza. Vestiuse primeiro de conservador e despois de galeguista. Como aínda lle quedaban chaquetas no roupeiro, inclusive rematou facéndolle as beiras ao nacionalismo, por se nel atopaba algún codelo co que saciar as súas apetencias ambiciosas. Ese nacionalismo que agora fustiga con saña despiadada, propia de todos os resentidos. Caeu na desgraza dos oportunistas. Que ninguén se fía del, porque os mesmos aos que antes serviu o consideran felón. Buscou nos beizos de Mas un malévolo sorriso. O ricto da boca que interpretou como aveso tiña máis de fruición ca de hostilidade. Home, falando con sinceridade, aínda que o sorriso fose aveso, resulta un xesto reconfortante comparado coa cara de funeral do rei Felipe. Eu recomendaríalle ao Presidente catalán que para evitar torcidas interpretacións se deixe bigote, como fai o autor do artigo para disimular tanta hipocrisía. Dentro da súa prosa hai descoidos que lle imos perdoar. Que rescatase calificativos que os bos usos e maneiras tiñan encerrados no inferniño no que a inquisición metía os libros prohibidos. Cínicos, cazurros, soplagaitas, chusma. Brama contra unha pitada por violenta, cando non hai moito que lexitimou publicamente a que practica o extremismo islámico. Ten a súa explicación. Pensa co estómago e non coa cabeza. As necesidades biolóxicas esixen moitas veces o sacrificio de ideais, supondo que exista algún. Parvo non é. Sabemos cal é o pé do que coxea. Pon o estómago na cabeza, e baixa o cerebro ao lugar do estómago. Se por querenza patriótica –da patria súa- lle goste unha paella regada cos caldos que veñen da meseta, tampouco despreza os kus-kus que prepara o restaurante dun hotel do centro de Santiago. Os entendidos coñecen o verdadeiro sentido da frase que a figura retórica disimula. Pode pensar o lector que son procaz no estilo empregado nesta réplica. Quizais teña razón. Na miña defensa debo argüír que procurei adaptarme ao nivel empregado por aqueles que censuro. Vexamos senón. Chamarlle espécime a Artur Mas, que gañou o posto polos votos e non polo peloteo, coma o escribidor do libelo que o insulta, é propio de maleducados, palabra utilizada reiteradamente no artigo que comento. Sabemos agora o motivo de por que deixou medrar a barba. Para tapar a cara dun caradura.
O mesmo carácter ten o comentario doutro xornalista. Descarado, petulante, insolente. Descoñezo a personalidade deste individuo (por cortesía non lle chamo espécime), pero sería bo facerlle unha trepanación para comprobar cantas e de que tipo son as tatuaxes que leva gravadas no cerebro. ¿Por qué todos os contertulios e plumíferos dirixiron os ollos á boca de Mas? A dicir verdade feo non é, e a pesar da idade está aínda apto para satisfacer un bico a demanda dalgún necesitado. Este o sorriso elevouno ao cadrado e calificouno como “risa de xena”. ¡Manda carallo! Ningún outro vocábulo pode suplir a forza que ten o taco. Voulle perdoar o exabrupto. O que non lle tolero é que diga que Mas “viva coma un rei sen facer nada”. A imaxe utilizada traizouno. A ver se aprende a escoller metáforas menos comprometidas. Das premisas extraídas dese dito popular dedúcense dúas consecuencias. Que os monarcas son os auténticos vividores e os que non dan golpe. Ou sexa, os que máis folgan. Simples figuras decorativas, coma os tapices que adornan as paredes dos suntuosos palacios nos que moran. Non é moito, pero o presidente da Generalitat conquistou o posto polos votos. A Felipe a coroa caeulle do ceo. Dicía a lenda das moedas cuñadas nas monarquías que o precederon: “Rei de España pola graza de Deus”. Paréceme ben, sempre que a nómina lle sexa aboada polas arcas divinas e non pola do erario público. Se o Supremo lle puxo a coroa na testa, que sexa el quen o manteña. Igual que alimentou os xudeus na travesía do deserto, tamén pode manter en España folgazáns.
En contra do que se poida pensar, se a pitada do estadio barcelonés me produciu satisfacción, moito máis me compraceu a carraxe que lle entrou a toda a españolada, que está disposta a manter a unidade patria a golpe de martelo. Pasaron días, e aínda segue e seguirá supurando pola ferida. Segue e seguirá expulsando furia polo ano, lugar no que se modula boa parte da elocuencia que sae da boca hispánica.
-----------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.