A tiranía da imaxe, outra modalidade de sometemento das mulleres

A tiranía da imaxe, outra modalidade de sometemento das mulleres

Vivimos na sociedade do consumo globalizada, unha sociedade na que tanto a publicidade como os medios de comunicación centran o principal valor das persoas na aparencia física. A obsesión pola beleza e pola estética está facéndonos prisioneiras. Estamos a asistir a unha tiranía da imaxe, a ditadura da beleza.

O corpo foi e é en todas as culturas un obxecto de culto, mais hoxe en día estase a converter nunha patoloxía, por iso son frecuentes as consultas médicas de persoas que din non atoparse ben co seu propio corpo. Na sociedade actual obviamos que a tendencia a operar o que non nos gusta do noso corpo conduce, en moitos casos a problemas psicolóxicos.

Nun escaparate como é internet e a televisión as e os espectadores míranse en modelos que previamente pasaron polos quirófanos. Os ideais de beleza a seguir non son naturais, son obxecto da cirurxía. É un negocio en alza que en principio atacou ás mulleres e ao que se están a incorporar progresivamente tamén os homes. Non obstante, a imaxe segue a ser en maior medida unha tiranía para as mulleres, dado que, por exemplo, socialmente as canas seguen a verse como un símbolo de seguridade, experiencia, e incluso identifícanse como o poder económico ou político dos homes, pero todavía están moi lonxe de asociarse coa imaxe dunha muller poderosa e independente.

A publicidade que se emite hoxe en día véndenos unha imaxe de éxito onde a xuventude e a figura esvelta acadan mellores resultados no terreo laboral e persoal. Hai modas como a de ter unha pel morena que está a influír ate na proliferación de enfermidades que antes non afectaban tanto: cancros de pel, alerxias, queimaduras. Do mesmo xeito, a obsesión por manter a liña, fai que moitas persoas, maiormente mulleres, pero tamén homes, caian no pozo da bulimia e da anorexia. Exercicios corporais, pílulas, cremas, dietas excesivas e até operacións estéticas, todo vale para alcanzar un físico de medidas soñadas.

Os medios de comunicación contribuíron grandemente a crear a falsa imaxe da beleza actual, un estilo que non corresponde a canons reais. Os actuais canons de beleza esixen modelos esqueléticos que non teñen nada que ver cun panorama real, estándares físicos irreais que contribúen a xerar inseguridade e problemas psíquicos. Non hai un anuncio onde non se destaque a unha muller cunha silueta delgadísima, ou un home musculoso, físicos en calquera caso difíciles de atopar nunha muller e nun home reais.

Dá igual que sexa unha canle pública ou de pago. En Galiza ou en América. En todo o mundo proliferan todo tipo de programas e seccións televisivas adicados a amosar o antes e o despois de facerse operacións de estética. Véndense millóns de revistas neste sentido. E aínda que actualmente triunfan os programas adicados ao luxo e a ostentación en tempos de crise, onde xogan coa imaxe frívola de mulleres das clases altas, tamén conseguen altas cifras de audiencia aqueles onde a protagonista é unha muller "do pobo" (e non vou citar o nome) que pasou innumerábeis veces polo bisturí.

Vivimos nun tempo onde a eterna xuventude imponse na estética como exemplo a seguir. Un sacrificio do que se beneficia un mercado que xera miles de millóns de euros ao ano. O negocio da beleza e da cosmética é unha industria controlada maioritariamente por homes, que define os canons de beleza baixo aspectos económicos. Só así entendemos a preferencia de mulleres con anchas cadeiras, cintura estreita e peitos grandes e erguidos. Preténdese unha uniformidade na que hai un só canon de beleza. Un modelo patriarcal que somete a unha ditadura da que é difícil saír. Non temos máis que acudir a unha tenda de roupa para darnos conta de que a talle está deseñada para un tipo de persoa que non se axusta á realidade. Debemos axustarnos á talle da roupa ou a roupa axustarse ás nosas medidas?

Pero este modelo hexemónico da beleza está baseado nunha morfoloxía basicamente europea e norteamericana, onde se considera fermoso a cara delgada, con faccións delicadas, fociños pequenos, bocas sutís e carnosas, ollos claros, grandes e redondos, melenas rubias e lisas... baixo este patrón estético desbótase ao resto da humanidade, e por tanto o nariz grande, os ollos marróns, o pelo rizado, o ollo asiático, os peitos pequenos, a pel negra, o corpo pequeno ou gordo, todo isto conleva, ademais, negar a propia etnia e a cultura -diso en Galiza sabemos bastante- un sometemento da nosa esencia, unha negación da propia realidade. Falamos, por tanto, dunha ideoloxía misóxina, androcéntrica e patriarcal da que se lucran un bo número de empresas capitalistas.

Este modelo do feminino difúndese polos centros hexemónicos de poder económico e mediático nos tempos de globalización neoliberal que nos toca vivir. Forma parte dunha estratexia de pensamento único que pretende facerse mundial, e que ten o seu nacemento no sexismo e na visión androcéntrica da realidade e dos procesos sociais.

Nesta dictadura patriarcal global, ás veces agachada baixo as aparentes democracias de dereitos, liberdades e igualdade, cada vez hai máis afán de lucro a través do bombardeo masivo e a imposición de corpos modelados e deformados por avanzados experimentos estéticos, ben sexa por obra e graza do bisturí cirúrxico ou tecnolóxico (o famoso photoshop).

É preciso destacar que facerse maior non se vende como algo fermoso na sociedade actual, porque non interesa visualizar que, co tempo, as mulleres adquiren maior poder, e porque as alianzas entre as xeracións de mulleres poden resultar perigosas para o capitalismo. E moito mellor para o sistema acadar que as mulleres vellas teman ás mozas e as mozas ás maduras en canto ao físico se refire. Se unhas xeracións non se identifican coas outras, seguemos a ser máis vulnerábeis á aprobación externa.

As implicacións comerciais do culto á xuventude son obvias. Canto maior sexa a angustia por verse maior, máis desexos terá de mercar produtos que a fagan lucir máis nova. E isto conleva unha serie de implicacións moito máis fondas e sutís, tanto políticas como sociais, xa que o culto á xuventude implica unha imaxe adolescente, negándolle ás mulleres a visión da madurez, e por tanto unha falta de seriedade e de empoderamento propio da idade.

É no corpo das mulleres onde reside o núcleo dos nosos poderes e da nosa valoración social e cultural. Desde unha moral e estética hexemónicas este corpo debe ficar novo a maior cantidade de tempo que sexa posíbel, empregando para elo calquera medio, sendo redeseñado, de moda en moda, para axustarse ao patrón de modelo estético que estea vixente en cada momento. Négase a posibilidade da diversidade. E todo isto no marco dun sistema opresor que mantén esta negación dentro do propio sistema androcéntrico e nun contexto ideolóxico liberal e capitalista.

Debemos loitar contra os abusos e excesos da industria non só denunciando os riscos para a saúde integral, senón tamén no que respecta ao rol de consumidoras de servizos promocionados sobre a base das mentiras. Temos que forxar a nosa independencia e autonomía comezando por recoñecer os nosos corpos como propios, resistíndonos a ese modelo desproporcionado e desvirtuado que nega a nosa realidade e produce a nosa frustración. Temos que ser capaces de mirarnos no espello e asumirnos como suxeitas e suxeitos con esencia propia, e resistírmonos a esa imposición do estereotipo escuálido. Asumir que temos engurras, barriga, celulite ou os peitos caídos supón resistirse a este sistema político e ideolóxico, ao noso grupo de pares, e tamén á ideoloxía machista aínda vixente na nosa sociedade.

Por iso é tan necesario que sigamos a loitar contra unha materia que aínda temos pendente e que configura o máis básico dos dereitos: o de decidir libremente sobre os nosos corpos, sen imposicións sociais, culturais, económicas e políticas. Debemos asumir que o noso corpo reflexa a nosa biografía persoal e a nosa traxectoria, que debemos aprender a aceptalo e a valoralo nas diferentes etapas da nosa vida.