A táctica da avestruz (sobre a crise do BNG)

A táctica da avestruz (sobre a crise do BNG)

“Cambia lo superficial,
cambia también lo profundo,
cambia el modo de pensar,
cambia todo en este mundo.”
Violeta Parra

Nestes primeiros meses de 2012, asistimos a unha fervenza de reaccións mediáticas en torno á situación interna do BNG, con posicionamentos de toda índole, non exentos ás veces dunha evidente dose de desmesura que pon en cuestión a capacidade de diálogo entre aqueles que gostan de se denominar a si mesmos como bos e xenerosos. Neste ámbito, cómpre censurar, ante todo, a praga bíblica daqueles individuos que, amparándose na máscara anónima dos foros de internet, trousan toda a bile que levan dentro nunha espiral absurda de insultos e descualificacións persoais. E aquí poderiamos sinalar co dedo francotiradores de todas as tendencias: desde os que consideran á UPG como unha seita satánica ata aqueles que converten aos sectores escindidos do Bloque nun fato de burgueses desleigados, dispostos a se venderen por un prato de lentellas.

No medio desta lea, que algúns esaxeran e outros ocultan, gustaría de ofrecer unha reflexión máis pausada, non desde unha perspectiva militante, senón desde o punto de vista de alguén que, desde que tivo dereito a voto, considerou a opción nacionalista como aquela que mellor semellaba defender os intereses xerais da Galiza. Pois eu podería ser un deses milleiros de votantes anónimos que se fixo adulto a carón do BNG, formando parte dunha xeración que non experimentou nin a loita antifranquista nin o proceso convulso da transición democrática. Un votante entre outros moitos que depositou as súas arelas de progreso nas mulleres e homes do BNG, sendo consciente dos atrancos históricos que tivo que superar o nacionalismo galego na súa loita cívica a prol da dignidade e benestar do noso pobo.

Neste contexto, resulta obvio que os actuais dirixentes do BNG teñen todo o dereito do mundo a defenderen as teses políticas e os posicionamentos estratéxicos aprobados por maioría na última Asemblea celebrada en Amio. Máis aínda: quizais non se trate tan só dun dereito, senón dunha obriga democrática, derivada do resultado das votacións. E se a militancia apoiou a candidatura da APU, esa é a opción que debe ser considerada como lexítima defensora dos intereses do Bloque, aínda sen menosprezar a aportación política dos sectores alternativos á liña oficial.

Agora ben, coido que as correntes do Bloque vencedoras na Asemblea cometen un erro de enfoque se consideran as escisións producidas dentro do nacionalismo como unha especie de perrencha infantil de grupos como o Encontro Irmandiño ou de certos sectores de +Galiza, derivada da non aceptación dos resultados da mesma; pois, vista desde fóra, esta escisión non resulta nin inesperada nin sorprendente, posto que levamos asistindo ao devalo electoral do Bloque máis dunha década, manifestado non só na persistente sangría de votos, senón sobre todo na desafección da mocidade e daqueles sectores máis dinámicos da sociedade galega, en ámbitos onde o Bloque representou, durante a década dos noventa, un signo de modernidade.

Ante este retroceso do voto nacionalista, os actuais dirixentes do BNG adoitan defenderse con argumentos case sempre exculpatorios das súas responsabilidades políticas, e que se poden resumir nun único epígrafe: botemos balóns fóra ata que escampe. E así a culpa das derrotas vén sendo case sempre unha consecuencia da manipulación mediática dos medios, das redes locais de caciquismo, da bipolarización da política estatal ou, en último caso, da nefasta xestión que, supostamente, perpetrou o equipo de Anxo Quintana na etapa do goberno bipartito. Pero de autocrítica rigorosa (desa que doe, pero sanda), máis ben pouca.

Non obstante, o que máis sorprende na crise do BNG, a pesar da fidelidade que amosa unha parte significativa da militancia en torno ao proxecto ideolóxico dirixido pola UPG, non é tanto a defensa a ultranza dun discurso máis orientado a conservar esencias que a gañar eleccións, senón un aspecto de distanciamento emotivo con respecto ás compañeiras/os que abandonan o Bloque, moi patente nas declaracións públicas efectuadas logo da marcha de históricos militantes (e cada un que poña aquí os nomes que considere oportunos). Un síntoma que revela, nas palabras e nos xestos, que pesa máis a frialdade das despedidas cá fraternidade dos ideais.

Dito doutro xeito: semella que esas ex-compañeiras e ex-compañeiros do BNG que tomaron unha decisión difícil, non exenta de custes persoais, e que ata hai escasas semanas formaban parte do núcleo da organización, pasasen a ser, como por arte de maxia, traidores á causa, un fato de irresponsables sen capacidade para deseñaren novos proxectos de carácter político, tan merecentes de respecto, a priori, como os da actual formación nacionalista.

Se cadra por iso resulta moi revelador o silencio informativo que intentan aplicar os actuais dirixentes do BNG a respecto das baixas na formación, como se as persoas que abandonan a nave deixasen de existir para sempre, como se xa non fose digno nin mencionar os seus nomes nin agradecer os seus servizos. E esa actitude de agochar os problemas debaixo da alfombra é percibida por moitos votantes, unha vez máis, como un síntoma da incapacidade deste Bloque para interpretar correctamente todos os matices da realidade social, máis complexa que o discurso obvio de oposición ás políticas neoliberais do Partido Popular.

Coido, en fin, que a falta de reflexos de certos sectores do Bloque para entender que a crise da formación vén de lonxe, e que está provocada máis por erros propios que por causas alleas, explica en boa medida a desintegración producida a partir da Asemblea de Amio; unha desintegración que pode ser entendida como un fracaso, pero, desde logo, tamén como unha oportunidade. Porque neste país existe unha cidadanía activa e consciente que non se deixa engaiolar cos cantos de serea nin do PP nin do PSOE, mais que tamén sabe entender que na evolución histórica do nacionalismo vale máis un divorcio a tempo que un matrimonio mal amañado.

Pero, por suposto, sempre hai quen aposta pola táctica da avestruz.