A supervisión bancaria europea que vén
A teimuda negativa do españolismo a calquera alteración da vixente estrutura centralista de poder e institucional contrasta co seu entreguismo á hora de facer cesións de soberanía ás institucións europeas. Nestes días asistimos a unha reacción antidemocrática ante as aspiracións do pobo catalán a decidir o seu futuro a través precisamente de canles democráticas, como é a realización dunha consulta popular, ao tempo que se accedeu a delegar de novo na burocracia europea nada menos que o control e supervisión do sistema financeiro, sen o mínimo debate institucional nin social.
O apoio prestado polo Goberno central á supervisión bancaria europea aprobada no derradeiro Consello europeo afondará na subordinación e dependencia económica de Galiza, aínda máis tendo en conta o persistente veto para ter presenza directa nos foros e institucións europeas mesmo cando se van abordar decisións que afectan directamente aos intereses da economía galega. Unha vez máis, como cando se trata de decisións tomadas en Europa para afrontar a crise económica, os medios de comunicación reflicten a interpretación oficial, espallando a información de xeito acrítico, e tamén como se fose un asunto rotineiro, inevitábel e sen outras alternativas, a pesar da importancia que terá no futuro desenvolvemento de políticas económicas propias e centradas nas potencialidades do país.
Porén, aínda que a difusión oficial se empeñe en presentar o novo esquema de supervisión bancaria como un aspecto tecnocrático, non haberá que agardar moito tempo para ver as consecuencias prácticas que terá, como aconteceu coa integración no mercado común ou coa unión monetaria, no que atinxe a impulsar un proceso de acumulación e concentración económica que conleva un deterioro da actividade económica e das condicións sociais nas nacións periféricas, agravado aínda máis no caso daqueles como Galiza cuxa voz apenas pode resoar na maioría dos novos organismos aos que se lles outorga poder de decisión en eidos económicos.
Ás políticas de regulación directa sobre determinados eidos económicos, como é o caso do agro e da pesca, ao control a través da aplicación das decisións sobre competencia e axudas de Estado que se exerce de xeito opaco pola burocracia da Comisión Europea de operacións e proxectos concretos económicos, ao deseño e execución dunha política monetaria a través dun Banco central europeo que actúa como lobbie das entidades financeiras, vaise engadir agora un control directo sobre a intermediación do aforro e o investimento en Galiza, que é o que entraña realmente a supervisión bancaria. Lonxe de pretender simplemente unha mera tutela sobre a contabilidade das entidades financeiras, ese novo esquema permitirá analizar os riscos concretos, o que habilita para que de novo desde unha institución europea se poidan autorizar ou denegar proxectos ou plans económicos, xa non só desde a perspectiva da inxusta normativa comunitaria económica, senón de precisaren dun financiamento bancario. Non será casualidade que Alemaña impuxera condicións que exclúen a maior parte das súas entidades financeiras que dependen de institucións públicas da supervisión bancaria europea. Seguramente ten a ver coa necesidade de preservar a capacidade desas institucións públicas de seguir contando dun xeito totalmente autónomo de instrumentos financeiros ao servizo das necesidades dos seus sectores produtivos, sen ter que someter a política de investimentos crediticios a un control europeo que lles poida condicionar as súas decisións económicas.
Nestes momentos Galiza está non só está a piques de perder o seu principal instrumento financeiro, ante a consumación do proceso de liquidación de NCG Banco, senón que incluso, de existir vontade política de manter unha ferramenta dirixida a captar o aforro xerado no país para orientalo a investimentos no noso tecido produtivo, vería limitada e condicionada a súa expansión ao ditado dunha nova creación burocrática europea, isto é, sen unha mínima autonomía para decidir cara onde se deben dirixir os investimentos estratéxicos na economía galega. A factura da crise non só se cobrará as caixas de aforros galegas senón tamén pretende hipotecar as posibilidades de rexenerar instrumentos financeiros gobernados desde Galiza, e todo iso baixo arroupado baixo unha manta de silenzo mediático, e coa conivencia dun Goberno central que mantén un fanático empeño en impedir calquera mudanza da prol da capacidade de decisión das nacións do Estado cando se amosa disposto a baleirar o seu control político sobre a planificación e ordenación da actividade económica.