A SÚA ADMIRADA ESPAÑA
O momento que estamos a vivir é politicamente clave. Seguramente esta valoración é a única na que poderiamos coincidir sectores ideolóxicos, políticos, sociais e económicos moi diversos do Estado español. Porén mesmo a coincidencia agocha análises e obxectivos diferenciados e antagónicos. Ás veces aparecen documentos doutrinarios, con propostas políticas concretas, moi esclarecedores de que deseño manexan algúns daqueles sectores para confrontar esta situación crítica. Dunha maneira pouco espectacular, de impacto mediático restritivo a mantenta, vén de facerse pública a declaración "Transforma España", unha iniciativa da Fundación Everis, respaldada por 50 grupos empresariais, os máis transnacionalizados do Estado español, naturalmente vinculados ás telecomunicacións, á enerxía, á construción, ás finanzas, aos seguros, aos transportes, á alimentación e á hostalaría. De Prisa á Warner Bros, do Banco de Santander e o BBVA á La Caixa, de Telefónica a Vocento, de Zurich a Mafre, de Endesa a Iberdrola, de Mercadona a Puleva Foods, de Acciona a FCC, estampan a súa sinatura no documento "líderes" empresariais, dispostos a defender, sob unha redacción chea de eufemismos, unha transformación do Estado español aínda máis favorábel aos seus intereses.
Que propoñen estes propagandistas da declaración "para construir entre todos la España admirada del futuro"? Todo está xustificado en nome dunha maior participación do que chaman sociedade civil española. Este idílico reclamo pretende confundir aos inxénuos colocando no centro do protagonismo político unha abstracción que denomina cidadán integral, estea primordial do seu sistema-país. Igualmente din perseguir a mellora do sistema educativo agudizando o aspecto selectivo e a excelencia, porque segundo eles, hai que desenvolver os talentos potenciais. Esta literatura, de cariz idealista, susténtase nunha visión descarnadamente clasista, competitiva e elitista da vida. Porén, a substancia do modelo que perseguen está na aposta descarada por desmantelar o que chaman "Estado do Benestar" actual por outro ao que lle engaden o adxectivo "responsábel". Xa se sabe, a redución drástica do gasto social, en primeiro lugar. En segundo lugar, está a obsesión por acabar co actual estrutura institucional do Estado español, por consideraren que a descentralización autonómica é prexudicial do punto de vista da competitividade e da identidade de España. Esta debe de ser a marca única das políticas que se articulen para dentro e para fóra. Non ocultan o seu obxectivo de reformar a lei electoral para conseguir, por vía dun pacto política e socialmente maioritario, a redución ou exclusión da presenza nacionalista. Loxicamente as organizacións sindicais perderían a súa capacidade actual, porque non hai xa traballadores como antagonistas do capital, e os partidos estatais tamén estarían aínda máis directamente ao servizo de grupos de presión económica, en nome da participación cidadán "aberta".
Semellante deseño vai acompañado dunha visión do mundo na que se opta por unha maior globalización, sen discutir a xerarquía existente. Non abonda coa Unión Europea, hai que ir máis lonxe, tanto na perda de soberanía dos estados como no sometemento das nacións e dos pobos ás políticas culturais e económicas globalizadoras conforme deseños oligárquicos. Como bos españolistas, fan un canto á que consideran grande área cultural hispano-parlante, segundo eles tamén un mercado xa consagrado de 400 millóns de persoas, aceitando plenamente a hexemonía e exclusividade do inglés como idioma universal. Todo está sintetizado nunha estratrexia integral do que chaman significativamente marca España para dentro e para o resto do mundo. Hai que institucionalizar unha estratexia-país que se cimentaría na primacía do individuo, do mercado, da idea de España e da globalización. Non é unha novidade, pero si doses máis alarmantes dos trazos que veñen caracterizando a ideoloxía e os obxectivos deses grupos económicos, sociais e políticos nos últimos anos. Tamén maior descaro para enunciar socialmente as súas propostas e elevalas publicamente aos poderes institucionais do Estado, comezando polo Rei, que recibiu unha delegación de asinantes da Declaración o 16 de novembro. Curiosamente, cinco días máis tarde, o Presidente Zapatero anuncia nunha entrevista en El País (21-11-2010) que vai recibir aos representantes das 25 maiores empresas para involucralos directamente na estratexia para saír da crise.
Está claro que urxe espallar os deseños alternativos, concretamente os nacionalistas, clarificando e organizando a sociedade en momentos tan delicados. Parece obvio que o gran capital transnacionalizado non simpatiza nin co nacionalismo, moito menos co galego, nin coa democracia como participación organizada das clases populares, nin coa xustiza social, nin co pluralismo lingüístico, nin cunha economía ao servizo das maiorías e dos pobos.