A solitaria noite
Aínda co fume saíndo das urnas e o do motor dos coches que fixeron de desinteresados veciños axudando a quen non tiña medios para ir a votar cumpriría falar dos resultados que, á fin, son os derradeiros verdugos de toda esta confesión social, pero non sei si será acaído, precipitado, ou oportunista. O descenso xeneralizado dos apoios nas urnas son indicativos pero tamén desorientadores e non levan a un único camiño.
O voto de castigo é significativo naqueles concellos nos que, por activa ou por pasiva, gobernaba o partido socialista, sendo este factor a posible causa do arrastre de perda de sufraxios, pero tampouco o único nin o máis determinante. A mensaxe que o BNG como fronte política queda relegada a terceiros planos na panorámica propagandística (imaxino que por causas alleas a nos mesmos) da que pouco temos que contar. Mais eu quixera, precisamente, darlle unha volta á mensaxe e á proposta política, sumando a maiores estes movementos de xente "anónima" que se erixiu en protagonista dos titulares de xornais, televisións e radios coas súas acampadas e reivindicacións, dispersas por veces e, supoño, que ocultadas en algúns casos. A crise económica que padecemos ten unha causa principal que non é outra que a especulación e o reagrupamento da riqueza en polos de poder cada vez mais intransixentes. Diante desta panorámica o BNG mantivo unha posición (para min acertada) de confrontamento o que non significa que fose unha posición sen alternativas, sen ideas nin simplemente ese "non" co que se nos ten bautizado cristianamente durante anos e anos. A crise debería resolvela quen a creou de xeito consciente e non a poboación como derradeiros peóns deste xadrez de inmaculadas figuras. A democratización dos entes públicos así como a defensa dos traballadores e traballadoras como peza fundamental da economía dos pobos son piares básicos cos que, coido, todo mundo estaría de acordo. Entón, onde está o fallo? Acaso moitas das propostas que o movemento do 15M fai non están dende fai moitos anos nos programas do BNG?
Son preguntas sinxelas e non hai moitas respostas fáciles senón metodoloxías que non chegan a resolver todas estas eivas, todas estas propostas que parecen dificultan a chegada á cidadanía dunha forma exponencial de acordo aos criterios de deterioro dos dereitos fundamentais que como persoas temos. Todo o medo, a necesidade que nestes momentos orbita nas casas da nosa xente dificulta a entrada de calquera razoamento que non sexa a consecución dun traballo, de mellorar a calidade de vida e o resto deixa de contar. Dicían o grupo musical O Burros nunha canción que tiñan ( despois El Último de la Fila ) "cuando la pobreza entra por la puerta el amor sale por la ventana", e non verdade mais grande. A cuestión agora é saber si estamos preparados para ser pobres ou simplemente queremos ser pequenos ricos a costa de calquera condición, tanto a nivel individual como de organización política.
Comentaba ao principio que non hai unha liña básica de comportamento nos resultados finais destas eleccións, e proba diso ( para evitar suspicacias ) son as baixadas e subidas en número total de votos que os e as distintos/as alcaldables tiveron, independentemente do seu xerme no seo do BNG, da súa condición ou adscrición ideolóxica, mais o que si resulta xa preocupante é a debilidade que se aprecia na implicación que se asume toda vez elixidas as listas electorais. Non sirve todo, non todo vale, non é leal coa organización o que está ocurrindo e niso teremos todos e todas a nosa culpa e tamén teremos que saber onde estamos e o que representamos por diante doutros preceptos personalistas ou individuais.
Creo que chegou o momento de decidir si estamos dentro ou fora, e se decidimos o primeiro teremos que acatar as decisións democráticas que se tomen e trocar aquilo que impida a participación de todos e todas en xusta proporción ás sensibilidades, evitando ese victimismo como escusa que avale actuacións impropias. Aviando este debate non facemos máis que desangrarnos até a morte lenta que é a xenreira e o tempo perdido para facer da nosa patria unha terra ceibe após da solitaria noite que non embarga.