A soberanía que está a piques de chegar

O sistema está en crise. Iso xa o sabemos. A pesar da apatía en que a maior parte da sociedade está instalada, ou precisamente a causa desa inacción, o poder bate en nós sen tregua. Porque a corrupción dos altos cargos, escandalosa, non é un mal exclusivo dos individuos instalados nas mellores posicións, senón unha consecuencia da falta de valores colectivos dunha sociedade onde medrou a consigna "parvo o último". Seica vivimos outra vez a fin da Idade Media, ese momento en que se fai visíbel que unha elite se lucra chuchando o sangue da poboación traballadora. A esta altura, xa non se trata logo de pórmos remendos a un modelo en plena decadencia, senón de racharmos con el. Decididamente.
A creación dun sistema económico alternativo e dunha paisaxe política anovada debe ser o principal obxectivo para acadarmos a transformación social. Por iso urxe, creo eu, plantarlle cara á Europa dos mercadores sen medo a ficarmos sen as súas subvencións −entre outras cousas porque Galiza nunca foi unha nación subvencionada, como de cote nos queren facer ver−. Por iso cómpre reivindicarmos a soberanía, que non é outra cousa que o dereito a decidirmos o noso futuro colectivo, pensando desde nós, desde esa nación galega tantas veces negada. Soberanía é actuarmos ao marxe das presións das grandes compañías transnacionais. Soberanía é apostarmos pola democracia participativa, pola autoxestión. Soberanía é atreverse a vivir fóra da OTAN e do poder dos exércitos. Soberanía é defendermos o noso dereito a sermos libres e diferentes doutras ópticas, doutros xeitos de vida. É soberanía unha palabra fermosa, que nos converte a todas as persoas en raíñas e señoras que gozan do poder de decidir, un poder que produce satisfaccións inmensas para estes animais con vontade que somos os seres humanos.
Porén, na nosa cultura política proclamarmos o dereito de autodeterminación parece aínda unha proclama radical, a pesar de estar recollido na Carta das Nacións Unidas, que non resultarán sospeitosas de practicaren un activismo de vangarda. A quen lle pareza radical debería lembrar como foi a loita para erradicar a escravitude: había que recoñecerlles a xentes doutras latitudes, doutras cores de pel ou doutros sexos a súa capacidade de seren suxeitos morais, aptos para decidiren; había que recoñecelos como iguais en potencia e non como puras materias primas que podían ser explotadas. Que Galiza pode declararse como un pobo con dereito a decidir debería estar fóra de toda dúbida. Non podemos conformarnos con sermos unha provincia (ou unha comunidade autónoma) atada ao designio de gobernos distantes e opresores, ou de instancias económicas corruptas e egoístas. Mais o proxecto político que Galiza precisa non fica esgotado aí. A reivindicación da soberanía ten que ir da man dunha decidida óptica anticapitalista: non fixemos un percorrido tan longo para nos convertermos en máis un estado igual de corrupto, igual de opresor, coas mans sucias e atadas aos nosos supostos socios. Se o mundo que coñecemos é cruel, competitivo, contaminante, xerador de abismais diferenzas de clase, abafado por un infortunio negro, exerceremos a nosa soberanía para construírmos un outro mundo, tan libre, tan creativo, tan xusto e tan autodeterminado como sexa posíbel. E aí cómpre incorporarmos outras ideas novas, como o decrecentismo.
,A palabra decrecentismo soa tan mal entre nós, aínda, como no estado español soa a palabra nacionalismo. Sempre que nunha reunión alguén amenta esta palabra todo o mundo se blinda en contra. Quizais a causa dese rexeitamento está en que, de tanto repetirmos que queremos defender os nosos sectores produtivos, acabamos identificando produción como algo positivo en si propio e asimilando decrecentismo coa hipócrita austeridade da xestión do PP. Decrecentismo non significa pobreza, nin ese estado carencial en dereitos sociais que nos veu caendo en riba nestes tempos. Decrecentismo, no entanto, significa unha resposta radical ao capitalismo. Decrecentismo implica recoñecermos publicamente algo que comprobamos na vida cotiá: que nos secuestraron a nosa capacidade de actuación social a cambio de anestesiarnos co consumo compulsivo. Decrecentismo implica recoñecermos que, mesmo nunha sociedade empobrecida por políticas alleas como a galega, absorbemos nun estado de hipnose inducido pola publicidade a suposta felicidade de comprar, de posuírmos trebellos de última moda, aínda que sexamos conscientes de que a produción deses obxectos soborda as posibilidades reais do planeta e explota a clase traballadora doutros países. Que en plena crise económica, os gobernos subvencionen con plans Renove ou semellantes a compra de vehículos é un indicador desta estupidez colectiva. Sobre todo porque segue a medrar a compra de vehículos de luxo e porque esas subvencións poderían destinarse, con maior aproveitamento ecolóxico, aos febles transportes públicos, unha necesidade real para unha poboación diseminada como a nosa, onde circulan xa unha abafante cantidade de vehículos cunha soa persoa no seu interior. O reto político que se está abrindo perante os nosos ollos, en realidade, é o de dirixirmos a planificación económica cara á obxectivos distintos ao de asegurarmos postos de traballo −sempre, coidado!, que a empresa privada correspondente non decida instalarse en países con lexislación máis tolerante coa escravitude− a cambio de contaminación ambiental e mala xestión dos recursos naturais. En vez de fábricas de coches que funcionan con enerxías non renovábeis, podemos investir en I+D, por exemplo, e asegurar eses prezados postos de traballo cuestionando o sistema, non incorporándonos a el como un elo máis da cadea capitalista. Esa decisión é soberanía.
O desafío de todas as forzas políticas que pretendan ser transformadoras pasa por imprimir un cambio forte de estratexia, non só na maquillaxe institucional, senón construíndo unha viraxe auténtica das nosas prioridades. E esa viraxe debe ter en conta que a vida que para nós ditaron os mercados se basea en animarnos a consumir e producir, a cambio de tirar de nós o tempo para o pracer, para a amizade, para coidar e ser coidad@s, para a conversa e o debate de ideas, para tecer unha interacción social axeitada a seres que teñen sentimentos e desexos −ademais de necesidades materiais−, para experimentarmos unha existencia non escrava e libre do dente do capital; esa auténtica existencia soberana que está a piques de chegar.