A Selección Ultra de Rajoy

A Selección Ultra de Rajoy

Mariano Rajoy, sendo presidente da Deputación de Pontevedra, asinaba un artigo no Faro de Vigo en xullo de 1984 titulado "La Envidia Igualitaria" no que comenta o libro do mesmo título do franquista Gonzalo Fernández de la Mora, segundo o cal "a ansia de igualdade da esquerda é consecuencia da envexa" e no que acreditaba no elitismo total.

Case trinta anos despois a ideoloxía do actual presidente do Estado Español non ten mudado, e proba diso está na equipa que escolleu para formar goberno. Ademais de personaxes que xa tiveron responsabilidades no goberno de Aznar como a galegófoba Ana Pastor, Miguel Arias Cañete e Cristóbal Montoro ou os mediáticos Ana Mato, Soraya Saenz ou Alberto Ruiz Gallardón, chaman a atención as fichaxes para as carteiras fundamentais de persoas menos públicas pero sobradamente coñecidas no ámbito da empresa privada.

Unha equipa ultraliberal, na que todos os poderes fácticos están representados: o Opus Dei , a banca, a industria armamentística, os medios de comunicación, a industria enerxética, etc.

,Un home de guerra

O titular do Ministerio de Defensa é un verdadeiro home da guerra. Trátase de Pedro Morenés Enlate, ex-conselleiro de Instalaza, unha empresa armamentística que até 2008 producía bombas de racimo. Morenés era partidario de que o Estado Español indemnizara a Instalaza con 40 millóns de euros, polas perdas que produciría á empresa a sinatura do Tratado internacional que prohibe a fabricación de bombas de racimo. Tamén foi Director Executivo da empresa que fabrica os mísiles MBDA, así como Secretario de Estado de Defensa, Seguridade e Política Científica no goberno de Aznar.

Un home PRISA

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo é, con Gallardón e Wert os homes de PRISA no goberno de Rajoy. Foi precisamente o mes pasado no xornal El País, onde o actual Ministro de Asuntos Exteriores, naquela altura Vicepresidente da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios do Parlamento Europeo e tertuliano de Intereconomía, defendía a reforma da Unión Europea e maior poder para o BCE. Tamén ten escrito nese mesmo xornal sobre o carácter cristián de Europa, sen o cal non se pode entender a UE, segundo o novo ministro.

Un home Lehman Brothers

Luis de Guindos, antes de que Rajoy gañara as eleccións, os xornais adicados a economía especulativa xa o sinalaban como futuro ministro. Encargarase da carteira de Economía e Competitividade, un nomeamento aplaudido desde a banca o FMI e o BCE. E non é de estrañar. Foi o presidente de Lehman Brothers en España, o mesmo banco que coa súa crise desencadeou a actual etapa da crise económica. Até o seu nomeamento como ministro, era conselleiro de Endesa e Director Financieiro de PricewaterhouseCoopers. Habitual das tertulias de Intereconomía, ten manifestado en moitas ocasións que "O Estado é o problema" ou que "hai que vender as empresas públicas, rebaixar os custes do despedimento e eliminar as axencias públicas". Tamén é partidario de cambiar o sistema de financiamento das pensións "privatizando e introducindo a liberdade de mercado no sector".

Un home da obra

Jorge Fernández Díaz, ministro de Interior, é con Ana Mato os membros do Goberno de Rajoy máis achegados ao Opus Dei. O novo ministro, nunha entrevista no xornal Alba, a pregunta: En que consiste a súa vida con Deus? O señor ministro contestaba: "Digamos que o meu plano de vida está moi próximo á espiritualidade do Opus Dei: ir a misa todos os días, rezar o rosario, facer oración, lectura espiritual...". O ultracatólico ministro ten participado en Madrid en manifestacións contra a lei do aborto ou os matrimonios homosexuais. Na súa toma de posesión dixo que "o cese definitivo da violencia por parte de ETA era insuficiente" e adiantou man dura coas mobilizacións que prevé van vir.

Un home de FAES

Ao fronte do Ministerio de Educación e Cultura Rajoy nomeou o ultraliberal José Ignacio Wert. Tertuliano de Intereconomía e conferenciante habitual de FAES, explicaba hai un ano que as reformas que se deberían acometer pasaban por un recorte da administración autonómica, recentralización de competencias e confección dun catálogo de competencias intransferíbeis e indelegábeis. Reforma do sistema de pensións, da cobertura de desemprego e partidario da desregulación laboral. Tamén defende unha reforma profunda dos servizos sociais básicos, sobre todo do ensino e da sanidade.

No ámbito do ensino, considera que "é a reforma máis importante que a sociedade española debe afrontar, pois esta reforma non é só unha cuestión de recursos, senón de valores". Chega a afirmar que "a comunidade educativa non pode ser unha comunidade democrática, porque o proceso educativo non é democrático" ; Considera que este abuso da democracia deteriora a autoridade e en consecuencia os valores a promover (esforzo, mérito, recoñecemento e excelencia). Tamén xustifica con enquéritos a necesidade de recentralización do ensino, "hai máis xente a favor de que o sistema educativo sexa xestionado desde o Estado que favorable á xestión autonómica".

O que fora durante anos sociólogo de cabeceira do Grupo PRISA é tamén xefe da súa empresa de estudos de mercado, Demoscopia, parece o escollido para defender os intereses no ámbito do ensino deste Grupo propietario da editorial Santillana.

Todo parece apuntar que até que pasen as eleccións autonómicas en Andalucía os recortes máis impopulares non se van aplicar, pero todas e todos xa podemos imaxinar o que nos espera con este goberno.