A sagrada propiedade do PP
A propiedade non é sagrada, o diñeiro non é riqueza, o PP non é eterno”.
A Señora Ministra chama nazis aos que protestan por non ter casa; non lles chama fascistas porque é respectuosa coa súa familia política.
Estou moi farto dos “lúcidos teóricos progres de esquerdas apegados ao seu embigo e alonxados do dos demais”.
¿Cántos dos chamados “progresistas galegos modernos” serían capaces de aturar en Vilalba, poñamos por caso, e con público presente, un seminario de catro días defendendo a inutilidade da propiedade privada e a utilidade da propiedade e traballo colectivo? Moi poucos, porque partirían de dúas premisas: a) Que supoñen que a xente non o entendería. b) Que eles tampouco o entenderían.
Non é certo que a ideoloxía que ten a maioría da xente se corresponde coa realidade. As ideas que ten a maioría da xente normalmente correspóndense coa propaganda de quen domina o mundo nese momento, e normalmente son ideas fascistas, como as do actual goberno do PP.
Unha destas ideas é a de que a propiedade privada é sagrada e todo o que sexa público e compartido é malo e perverso. Logo na realidade resulta que a propiedade privada é sagrada cando lles convén a estes fachas e pode ser totalmente violada cando lle interesa a esta mesma tropa. Mirar o das preferentes. Tampouco queren distinguir entre o valor de uso e o valor de cambio. As cousas, e as persoas incluso, son para posuílas e logo usalas como queiras, para iso son túas. Esta mentalidade trastornada a respecto do que nos rodea, trasladada as persoas, a natureza e a relación con ela, retrotráenos de golpe a idade media e a servidume. A chamada “TROIKA” está a asumir funcións como as que tivo no seu día, por exemplo, o Sacro Imperio.
NON PERDAMOS O SENTIDO COMÚN QUE ESTÁ FACENDO MOITA FALTA.
¿Quen dixo que era sagrada a constitución española se a mudan cando lle convén aos banqueiros para que cobren eles antes que a xente que non ten para comer? Suponse, aínda que non se di, que os que non teñen ingresos ou están no paro é porque son vagos e non queren traballar. De repente produciuse un virus que afectou en dous anos a cinco millóns de cidadáns do Estado e volvéronse vagos….? ¡Que pouco sentido da dignidade temos as veces a xente traballadora que consideramos normal que nos tachen de vagos e vividores inda que non coñezamos o que é ter dereito a unhas vacacións anuais….
Si partimos do que di a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e calquera constitución democrática; porqué aceitamos que “os Barcenas”, que son moitos, poidan defraudar todo canto queiran e esiximos que o da cantina da esquina sexa multado por non declarar uns garrafóns de viño?
Porqué nos parece normal qué a Xustiza e a Facenda persigan aos pequenos e se esquezan dos grandes?
Ningún fenómeno social mellor que o do sagrado dereito a propiedade nos serve para ver como está afundindo Galiza, e particularmente a rural, a partida do patacón.
A “partida do patacón” pensa que é sagrada a propiedade e os dereitos de propiedade adquiridos por eles e polos deles.
-Porqué ten que ser sagrado o dereito das monarquías a ter que mantelos por milenios?
-Porqué ten que ser sagrado o dereito da Igrexa a ter un Patrimonio Público feito co arte e suor dos nosos sufridos canteiros e deixalo derrubar en vez de viralo en útil para a economía de Galiza?
-Porqué non se garante o sagrado dereito a te vivenda digna e se lle garante aos bancos pagar as súas estafas con rescates e ter as vivendas pechadas?
-Porqué é sagrado un embrión e non se lle garante a vivenda, alimentación e educación a un neno ou nena de dez anos?
-Porqué se demoniza e elimina a dieta dun concelleiro de obras nun concello de tres mil habitantes que está organizando os camiños das parroquias e se van a xulgar no bingo millóns de euros que pertencían a estafados en Bankia, Caixa Galicia ou en Pescanova?
-Porqué e sagrado, e consinte a sagrada xustiza, que os que teñen a responsabilidade de grandes corporacións económicas enterren na miseria a milleiros de traballadores condenándoos a desesperación e o suicidio, e por riba a beata Ministra lles chame nazis? Pensa o Sagrado Rato que Bankia é un cadro del, ou o Sr. Fernández de Sousa, “liquidador –atracador” de Pescanova que ten dereito de pernada e de homicidio sobre unha entidade que naceu do esforzo, vida, e ate morte, de moitos e moitas traballadores/as? A xente normal (inda que despistada pola propaganda do sistema) pensa que só trunfan os grandes ladróns e os grandes criminais. Eses que respectan a sagrada propiedade privada cando sirve para encher as súas insatisfeitas ansias depredadoras. En realidade están no certo. Onde se trabucan é si pensan que estándose quedos e non organizándose para protestar a cousa vai quedar aí. Non, a partida do patacón, si lle deixamos danlle para tras a humanidade ate a idade de pedra. O dereito a levar os fondos quitados do espolio do traballador a un paraíso ou venderllo a narcotraficantes é un dereito sagrado. O dereito a o paro ou a unha pensión é un luxo duns viciosos vagos que lle damos catro centos euros ao mes e non lles chegan para vivir, e inda se dedican a facer chapuzas. Unha Ministra que ten tres ou catro salarios públicos, varios sobres e outros sobrantes no “paraíso” chámalle nazi ao parado de larga duración, coa familia morrendo de fame, e vivindo da caridade. Peor aínda. Segundo a mentalidade fascista da Ministra non ten dereito ningún a protestar porque inda lle queda o recurso da caridade cristián, apostólica e romana. Éralle mais útil a este parado ou parada que lle quedara unha amizade como algunhas que ten o Sr, Fejoo…
-Non é certo que a Partida do Patacón defenda a riqueza nen a propiedade, DEFENDE A RIQUEZA, A PROPIEDADE E A ACUMULACIÓN DUNS POUCOS A CONTA DA MISERIA E MORTE DE MOITOS.
Seguindo os versos de Celso Emilio Ferreiro: "ando a pe, e por eso é polo qué / vexo o mundo tal cal é" andei este fin de semana polas terras orientais galegas dende a Poboa do Burón ao Navia, dende o Navia ao Ibias e dende o Ibias as Terras do Chamoso, e puiden contemplar en directo como a Partida do Patacón empobrece a sagrada propiedade privada que ate fai menos de cen anos os nosos bisavós traballaban como caseiros para manter os sagrados dereitos de pernada de condes, fidalgos, marqueses e abades. Pouco tempo durou o dereito a ser propietario do seu sagrado suor e enerxía. Os antepasados conquistaron o dereito a propiedade das terras nas que eran escravos para usalas como ferramenta de traballo. A Partida do Patacón logrou que volvan a quedar en abandono para novos condes especuladores que busquen pasta de papel, cultivos enerxéticos, ouro, prata, encoros, canteiras, ou simplemente coutos de lecer para fusiladores estranxeiros . Ao mellor as futuras monarquías europeas se adican a matar cachenas no Xurés e cabalos galegos no Xistral. A caza, o Bingo, o Padel e o Golf seguro que son sagrados deportes dos sagrados donos dos cartos que levantarán a economía especulativa do que quede despois de que pase por Galiza o cabalo de Feijoo….
Como pretendo guiarme pola ciencia, e non son defensor da fatalidade miserenta dos que consideran a propiedade de títulos financeiros como motor da historia e base da felicidade dos seres humanos, direi que fun capaz de ver moitas riquezas e fontes de vida presente e futura neste percorrido polos vales e ribeiras da Galiza oriental presente e irredenta, comezando polas variables dialectais do galego da Fonsagrada e Negueira de Muñiz ou do Bable de Grandas de Salime ou de Sena.
Saía o sol as 11,30 da mañá por primeira vez e con algo de canseira, despois de tres meses de choros e lamentos de nubeiros enloitados, e tirábanse as prendas de abrigo, con 16 graos, na pequena praza de Negueira de Muñiz para degustar entre dezasete viños gratuítos ofrecidos por colleiteiros da zona, e poder compartilo no tradicional cacho de madeira de abidueira no que beben varios, ate si queren xunto, crebando toda a normativa europea e rexéndose polas tribais normas da Ribeira, hoxe anegada, pola encoro.
Teño visto moitos representantes da Partida do Patacón en todo tipo de formatos e transformacións: Visuais, xenéticas, morfolóxicas, cinexéticas e psicodélicas; pero o de Negueira nunca o vira. Estaban media ducia de altas/os cargos preocupadas/os pola colocación no centro do escenario dunha fermosa praza na que nacían as flores das cereixas e na que todas as relacións eran tan naturais e familiares que so nos chamaron a atención aos que temos a san deformación de estar politizados.
Todo excelente: A presentación animosa e sinxela do pregón dun viticultor novo, do que pola tarde tiven a sorte de ollar as súas recentes plantacións. Saúdos e apertas de tódolos entusiastas de varios lugares de Galiza e dos paisanos, vendo consolidadas iniciativas dunha nova area de viños de calidade. Pregón humano, sinxelo e coloquial dun trepador de biciclo de montaña que participou en amor e compañía festeira toda a mañá e pola tarde das belezas e renaceres duns montes e dunhas ribeiras inda cheas de vida e de agricultura.
So había algo que non encaixaba nin era recoñecíbel porque carecía dos ornamentos rituais dos cofrades do PP. Naquela cerimonia non eran cregos, nin sancristáns, nin leigos. Rematando o pregón ollei dende parte mais outra da praza o panorama, e un espírito, saído seguramente das encoradas augas do Navia, inspiroume; e dixen para os meus adentros: UNHA GALIZA SIN PP E POSÍBEL E UNHA GALIZA RURAL SIN PP E MOITO MAIS VIVA. ¡VIVA GALIZA SIN PP! Non me tachedes de sectario nin de soñador, non quero mudar a fauna do territorio, so quero liberala das gaiolas.
Despois dun xantar de produtos artesáns non regulado pola propiedade privada si non pola achegas en común e de boa fe, houbo tempo para visitar emprendedores modestos e de grandísima utilidade no rural como o compañeiro “Panchín” (imos promocionarlle o produto) usando e abusando da cata especial que ofreceu na súa adega ou contemplando fora as súas plantacións froiteiras de maceiras ou nogueiras.
Tiven ademais a sorte de retornar por un roteiro, para min novo nalgún tramo e con un guía de privilexio, que logo percibín que facía un percorrido de xornada laboral que seu xefe nunca lle encargará porque o seu xefe seguro que non adoita pensar que na cunca do Navia poida quedar outro negocio que non sexa vender quilovatios. Paco Rego parou cada pouco porque ía identificando tesouros sobre os que algún día volverá para velos vestidos e adornados coas súas mellores prendas. Ía identificando viñas e parras, algunhas de mais dun século. Dende Río de Porcos ate Ibias e Sena, pola serán tranquila e soleada, so tropezamos con dous autos e catro parsimoniosos motoristas que nos saudaron. E dende Navia de Suarna ate as chairas do Chamoso fartámonos de ver vida e riqueza: vacas, cabalos, burros, ovellas, cabras; paxaros afanosos nas tarefas da construción, e moita árbore e vexetais avecendo; regos e fervenzas…. Poucos habitantes, pero afanados e atentos. Había que refrescar e levar unha navalla da eterna cantina de Sena. Tivemos ocasión de saudar a toda a familia e quedar para outro día, sen axenda fixa.
Cando vimos as murallas de Lugo estaban gardando a Lourenzo, despedinme de Paco coa promesa de seguir buscando tesouros. Tamén me despedín de Lourenzo agradecéndolle que nos alumara todo o día e perdoeille os tres meses de ausencia. Deille as grazas por ser o banco xeneroso que dona sen fianza tanta riqueza como viñamos de contemplar e confirmei antes de me deitar a miña definitiva apostasía. “ A propiedade non é sagrada, o diñeiro non é riqueza, o PP non é eterno”. Amén.